Co
encanto do maio
Trátase dun
encanto, dun feitizo feito cartel. Parte dunha mirada dobre, dúas miradas unha,
a inocente e tímida da nina, e outra, a fecunda e brillante da Primavera. A
primeira está a pé de rúa, co mego nas maos, que lembra os petitorios dunha
meniña cándida que nos invita a ver máis aló, esoutra mirada, a do rostro espléndido
e rabiosamente actual que é a da deusa Flora, da Maia, da Beltane celta, da
Natura.
Unha mirada inxenua
e nova, dunha beleza tenra, fronte a
outra do fulgor radiante da deusa de mirada madura e florida. Ambas miradas
fixas, ambas envoltas na maxia atávica convidan ao espectador, apostrofan a un
tu que as mira no cartel sen esperar resposta, todo parece estar claro: Clara
J. Aira, a autora, invítanos naturalmente á Festa do Maio 2025.
Sempre dixemos que
os carteis da Festa do Maio buscan novas miradas e este cartel traballado con
técnica dixital, sen dúbida, é unha mirada radical e abertamente moderna, que
se agarra de todos os xeitos a un elemento que representa e é, á vez, unha das conexiois máis poderosa da autora coa
festa. Falamos do mego que leva nas maos unha nina. Unha nina vestida cun
estampado de flores que parece disposta a cantar o tire castañas, señora María... Esa nina é a Clara que cantou o maio
de pequena, é a memoria da infancia na que, da mao da súa avoa Cándida se
incorporou, xa para sempre, á tradición. Marabilla! Mais detrás daquela nina desborda o potencial
voluptuoso e recargado da Natureza en flor, da Mai Terra xenerosa, florida e
fermosa, que frutifica á par de mirarte a ti e mais a min con eses ollos de
deusa que se amosa, a pesar de estar próxima, divina, distante e altiva,
sabedora do seu poder fecundante.
Ademais das miradas
debemos reparar nas maos, nas da meniña, en primeiro lugar, coa forza que
suxeita o mego do costume e, máis atrás, os dedos delicados acariñando o seu
vestir de follas e mazandois da Primavera. Finalmente, detrás do letreiro da
Festa do Maio, dous instrumentos, a pandeireta e a gaita, que evocan a
harmonía, a alegría e a sonoridade toda da celebración cantada.
Graciñas,
Clara, por esta agarimosa, fresca e doce
actualización da Festa do Maio a través dos teus ollos novos abertos a ver como
un feitizo a tradición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario