domingo, 24 de abril de 2022

FESTA DO MAIO 2022



A INOCENTE MIRADA DUN  MAIO-NINO  

A fortaleza da tradición entre os humanos contrasta coa inocente e profunda mirada dun nino que por vez primeira vive a experiencia de se converter na representación poderosa da entrada da primavera que pide paso e todo o enche. Non é un ano calquera, acabamos de pasar a factura da pandemia, o noso maio vai respirar por fin sen máscara. Constancia queda como unha marca para o futuro do tempo pasado. Así o quixo Luis Rodríguez Pérez, autor do cartel deste ano ao que agradecemos sinceramente que lle puxera rostro, que buscase a cara da Festa do Maio do 2022.

 Hai que construír a tradición cada ano, coa inocencia propia dun pequeno que se achega a esencia, coas peculiaridades que esixe cada ciclo e desde cero, porque a oralidade e o patrimonio cultural inmaterial seguen sendo débiles, como os ninos, e precisan seguir botando raíces entre os máis novos sempre, cada primavera, para se asentar.  Luis quixo retratar en primeiro plano. Para achegarmos ao máis íntimo da persoa, do nino que levamos dentro, xusto nese proceso ritual de vestir ao maio que é humano, pero xoga a ser vexetal ou futura árbore. Convértenos nese maio-mozo, home verde que percorre as rúas, un xesto infantil e sublime á vez, porque nos lembra a todos algo tan transcendental e irremediable como que a primavera reclama o seu espazo entre nosoutros, as persoas adultas que damos todo por sabido. Coa inxenuidade e a sinxeleza espontánea das ninas e ninos que cantan os maios, lamentablemente contrasta a torpeza do mundo dos razoables adultos que seguimos de xeito incomprensible a inercia das esixencias do frío inverno do ruín capitalismo. Vivimos sen esa capacidade de pararse a reflexionar, metidos na guerra cruel e atados ás esixencias dun mercado, capaz de negociar co vento e coa paisaxe para beneficio duns poucos, incapaces de frear, polo ben común, as agresiois á natureza. Ela reclama nada inocente, a cara descuberta e con urxencia un cambio de rumbo que respecte o planeta, que remate coa especulación enerxética e procure alternativas acordes co ritmo das estaciois e os intereses dos máis, da xente humilde que quere seguir celebrando a entrada da primavera con candor, sen máscaras e indolencias.    

Por iso a Escola consecuentemente pronúnciase. Desde os balcois os maiores botan as castañas con saudades porque saben, eles si que son conscientes, dos perigos e ameazas, dos ataques ao equilibrio natural e ao patrimonio, ao mundo rural e agrario coherente cos ciclos e as estaciois e aos que tanto lle debe a humanidade.  Debemos falar da batalla que se cerne coma un pesadelo sen sentido sobre o Bierzo Oeste, rico en tradiciois e costumes coma esta do 1º de maio no que volvemos verse vestir aos ninos para celebrar a festa da primavera, fermosa e ancestral. Ancestral porque se perde e dilúe o seu nacemento nas brumas dos séculos pasados nos que fomos alleos á ambición transnacional de muíños de vento obsoletos.  Cos seus 200 soberbios metros de altura culpable preténdense colocar nos nosos montes para enriquecerse sen importarlles nada a destrución do noso e sen os necesarios estudos de implantación que certifiquen e garantan as limitaciois lóxicas ante semellante acoso.

 Esa mirada fonda dun nino, sempre naif que pinta Luis, evidencia a pureza do non querer ter certeza, de non saber de ameazas e perigos que nos asexan.  Fala de amores e de flores transformadas, sen malicia ningúa, nunha manifestación contraria a toda esa ilóxica globalización que nos abafa. Inocente o maio camiñará e cantará esta primavera esperanzado en poder repetirse, unha e mil veces máis entre montañas ceibes da especulación, porque hai razois xustas polas que soñar cun futuro mellor. 


PROGRAMA DE ACTOS

30 de abril     ARROUPANDO A TRADICIÓN :

21,30 na Alameda  QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR  A PRIMAVERA   

22,00 na Prazoleta de D. Pío Actuación de OS MELIDAOS de Melide e de EMBRUXO GAITEIROS de Ordes.

Embruxo gaiteiros
Os Melidaos


1 de maio     MAIO TRADICIONAL

9,00  Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.

11,00  Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.

14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para cantarmos :

           Levántate maio, bastante durmiche,

                pasou un burro e non o sentiche.

 

A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Este ano co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.

Nota:  O cartel do maio é obra de Luis Rodríguez Pérez á quen lle agradecemos a súa fermosa e xenerosa colaboración.  

No caso de que a chuvia nos visite os actos do sábado se realizarán na bodega "La Torre" no Campairo e a comida do día 1 no patio do Colexio da Divina Pastora.


CUATRO CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA

1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.

  VESTIR UN MAIO UNHA GRAN RESPONSABILIDADE

- APRENDER A VESTIR UN MAIO:  Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. O que non é doado manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.

 -SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible cos brazos e maos atadas ao corpo.  Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.

3º/  CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:  Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente,  cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dá algo ao maio, unha copla de agradecemento,  e se non dá nada,  botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.

4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:  Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios. Unha fórmula de agradecemento por traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens.  Lembrade  que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio” 

 Os medios fanse eco da próxima celebración da Festa do Maio 2022:


luns, 18 de abril de 2022

CHARLA SOBRE OS MACRO PARQUES EÓLICOS NO BIERZO OESTE


 O sábado pasado organizamos e realizamos xunto con Rural Sostenible unha charla informativa sobre os macroparques eólicos proxectados para o Bierzo Oeste que esperamos sirva para ampliar a conciencia veciñal sobre o que significará de levarse a cabo esta agresiva iniciativa das empresas privadas sobre os nosos montes, que parece formar parte da denominada Transición Enerxética Xusta e que moi pouco ten que ver cunha verdadeira transformación acorde ás necesidades enerxéticas dos cidadáns e dos territorios afectados, para nada resulta equilibrada e beneficiosa para o conxunto da poboación e si para determinadas multinacionais. Esperamos que con este acto se poidan dar pasos na resposta a esta desfeita que se prevee para o Bierzo Oeste, pero tamén par aoutras zonas veciñas como A Cabreira e O Courel. Trátase dunha ameaza moi real que precisa dunha resposta conxunta e contundente. 

Colocamos a continuación unha pequena reportaxe gráfica dalgunhas das distintas intervenciois que esperamos ir subindo ás redes en pequenos vídeos nos próximos días. 
















Deixamos a seguir a repercusíón en prensa da charla. 

Bierzodiario

Infbierzo

Diario de León

Bierzo tv  

ILeón

Diario de León

SERBIERZO

BIERZO8 Noticias (a partir do minuto 9,20)