Etiquetas
- A FESTA DO MAIO (54)
- BIERZO TRADICIONAL (1)
- ESCOLA DE GAITAS (10)
- NATUREZA (4)
- O GALEGO NO BIERZO (9)
- O NOSO CALENDARIO (19)
- OS XIGANTES (7)
- PATRIMONIO CULTURAL (5)
- PUBLICACIOIS (10)
- SARMIENTO (11)
mércores, 17 de decembro de 2025
II-XORNADAS DA LINGUA E DA GULTURA GALEGA DE ASTURIAS
venres, 7 de xuño de 2024
O GALEGO DO BIERZO NO BEN FALADO
![]() |
| No Bierzo usamos Aló e Acó, pero coñecemos alá e acá... |
Un microprograma d o académico Xesús Ferro Ruibal para a RTVG que xa se deixou de emitir, pero no que o galego do Bierzo deixou a súa pegada (6 programas). Entra no seguinte enlace para ver os vídeos con calidade: O GALEGO DO BIERZO NO BEN FALADO
sábado, 25 de maio de 2024
xoves, 14 de marzo de 2024
BREVE CRÓNICA DAS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
9 de marzo 2024, ás 19,30. Teatro Enrique Gil
en Vilafranca do Bierzo
PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO
Tras recordar que un 9 de marzo de hai 329 anos nacía na nosa vila O Pai das Letras Galegas e unhas breves palabras de benvida a Sara Rodríguez Fernández e a súa publicación, o alcalde de Vilafranca, celebrou esta novidade facendo uso na parte final da súa alocución da lingua galega.
Acompañaban a autora Marisa Cela da Asociación Escola de Gaitas e Raúl Ochoa do Fiandón berciano, ademais de Héctor Silveiro como coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento que organizaba este acto coa colaboración das xa citadas asociaciois. Entre o numeroso público asistente concelleiros do Concello de Corullón e Vilafranca. Ao longo do acto proxectáronse varios audiovisuais con textos de Juan Carlos Mestre realizados por Robés.
As distintas intervenciois fixeron fincapé na importancia da recolleita das palabras que este dicionario reúne como referente substancial da identidade berciana, palabras que viviron na oralidade ata que Sarmiento dalgún xeito iniciara ao seu paso polo Bierzo no ano 1745 a súa recolleita consciente. Palabras que serviron para que Morales escribira os seus Ensayos en dialecto berciano en 1861 cuxos Premios escolares se entregan na propias Xornadas e que autores máis recentes como González -Alegre, Aquilino Poncelas e J.C. Mestre seguen usando. Falouse da tradición oral, das dificultades que se van vencendo para que a xente nova faga uso desta parte da nosa cultura que este dicionario contribúe a afortalar como garante do futuro para o galego do Bierzo.
Sara Rodríguez, a autora explicou a xénese do seu traballo, a importancia da súa familia na súa toma de conciencia e relación coa lingua, do seu paso polas aulas do Programa de Promoción do Galego en Cacabelos, da asistencia ás Xornadas Sarmiento como alumna e, finalmente, como se concretou o proxecto para o seu traballo de fin de grao en Vigo (TFG) coa colaboración de Alberto Lugrís e de X.H. Costas do Departamento de Galego da Universidade de Vigo que editou o Dicionario cun total de 15.000. Sara rematou anunciando unha iniciativa para seguir ampliando o Dicionario. Trátase do Mego das palabras do galego do Bierzo, unha metáfora da recolleita que se pretende realizar coa colaboración tanto do alumnado e docentes do Programa de Galego como das entidades e persoas que queiran achegar as palabras a través de distintos soportes: un correo electrónico e unha páxina web. Ademais Sara abriu unha conta de instagram para dinamizar este proceso.
12 de marzo 2024 ás 9,30 Cine Faba
en Cacabelos
PRESENTACIÓN DAS PROPOSTAS DIDÁCTICAS
PARA O DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO.

A Comisión Cultural Martín Sarmiento e Sara Rodríguez presentaron a proposta-reto da recolleita de 1000 palabras máis para o Galego do Bierzo no Mego das Palabras, unha ampliación do Dicionario que, como comentou a autora, se pretende realizar ao longo deste ano 2024 coa idea de que na celebración das próximas Xornadas se supere ese número de mil novas entradas para fornecer unha segunda edición do mesmo. Tras da presentación do Dicionario e da iniciativa estableceuse un diálogo cos docentes e alumnos/as de Secundaria presentes para estabecer unhas primeiras estratexias de como abordar esta empresa.

IV PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÖN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO 2024
Ante o alumnado de Primaria procedente de 11 centros de distintos puntos do Bierzo, todos eles alumnos/as que cursan o Programa de Galego do Bierzo, as autoridades presentes puxeron en valor a presenza da lingua galega na comunidade educativa berciana e deron os parabéns aos gañadores antes de facer entrega dos IV Premios Morales.
Interviñeron os tres concellos colaboradores: Cacabelos, Corullón e Vilafranca, as entidades culturais do Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto Leonés de Cultura, ademais de Francisco Javier López Inspector de Educación Provincial de Léon do Programa de Promoción do Galego, Olegario Ramón, Presidente do Consello Comarcal e Valentín Garcia, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
ACTUACIÓN DE PACO NOGUEIRAS: C@NTO CONTIGO
MESA DE TRABALLO
No MARCA de Cacabelos realizouse unha reunión de traballo a iniciativa da Comisión Cultural Martín Sarmiento coa idea de abordar unha serie de propostas tanto en materia cultural como educativa.
Repercusión en prensa:
O portal da lingua Xunta de Galicia
luns, 16 de marzo de 2020
UNHA EVOCACIÓN DE RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE POR FERRÍN NA IV XORNADA DE CULTURA E LINGUA GALEGAS NO BIERZO


Reproducimos o contido dun texto histórico que realizou X. L. Méndez Ferrín no Teatro da nosa vila e que puxo no seu día, un 28 de decembro de 1996, punto final ás IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo que organizadas pola nosa asociación, a Escola de Gaitas de Vilafranca cuxo lema era: Textos e contextos do galego no Bierzo. Neste ano 2020, o que celebramos o Centenario de Ramón González-Alegre(1920-1968) queremos renderlle unha nova homenaxe coa publicación dixital deste documento relevante para a Literatura galega no Bierzo.
Aquela Sesión de Clausura foi precedida dunhas palabras de Eduardo Otero Pereira no nome do seu tío Antonio Pereira que aquel dia non puido estar presente e quixo así ter unhas palabras de lembranza ao seu amigo Ramón. Ademais deste texto, claro está, incorporamos a este blog as páxinas correspondentes á intervención de X.L. Méndez Ferrín que apareceron publicadas en papel na Memoria escrita daquelas Xornadas editadas no ano 1997 e que hoxe xa son de difícil acceso. Para quen prefira pode descargar o documento íntegro en PDF.
sábado, 14 de marzo de 2020
A ESCOLA DE GAITAS EN PADRÓN NA HOMENAXE A FERRÍN
![]() |
| A Escola de Gaitas con Ferrín e Anxo Angueira na Casa de Rosalía de Castro en Padrón. |

Efectivamente que unha asociación como a nosa participase de xeito destacado na homenaxe tiña todo o sentido do mundo xa que o espírito arraiano, a preocupación porque se teña presente todo o territorio galegofalante máis aló das fronteiras administrativas é unha constante reivindicación de Ferrín e foi e segue sendo un dos motivos desa estreita relación que mantemos nosoutros con el. A nosa amizade parte logo dun fondo sentimento fraternal da irmandade que une a galegos e bercianos no querer e na defensa da cultura e lingua galegas que vén de vello, daquela antiga Gallaecia.
![]() |
| A Escola de Gaitas interpretando a Danza de xigantes e cabezudos de Vilafranca. |
![]() |
| A Escola de Gaitas interpretando o Himno Galego |
![]() |
| Os gaiteiros do Bierzo e de Lubián con Ferrín e Angueira na Casa de Rosalía |
luns, 8 de outubro de 2018
A Escola colabora coa WEB en galego do CONSELLO COMARCAL
Como recentemente anunciou o propio Consello Comarcal a Asociación Cultural Escola de Gaitas ofreceu a súa colaboración para contribuír a enriquecer os contidos da nova páxina web da institución da comarca cunha breve reseña sobre a Festa do Maio de Vilafranca, declarada no ano 2009 de Interese Turístico Provincial, dado que ata o de agora esta tradición emblemática da nosa identidade non contaba cunha referencia específica. Está incluída na sección do Galego no Bierzo, ao ser este costume unha das manifestaciois máis peculiares que se expresan nesta lingua.xoves, 31 de decembro de 2015
AS XORNADAS DA CULTURA E DA LINGUA GALEGAS NO BIERZO
Agora que vimos de cumprir 34 anos gustaríanos facer memoria das Memorias das que se denominaron Xornadas da Cultura e Lingua galegas no Bierzo que a Escola de Gaitas de Vilafranca organizou coa intención de darlle continuidade a varias iniciativas de gran calado para o galego do Bierzo que diversas entidades galegas e bercianas realizaran con anterioridade. Máis adiante prometemos dedicar unha entrada exclusivamente a estes importantes precedentes das nosas Xornadas.
Estas Xornadas foron realmente transcendentais para que anos máis tarde se comezase a impartir galego nos centros educativos do Bierzo e Sanabria, para que na nosa comaraca cambiase a concepción que se tiña sobre a lingua e mudase a visión que os bercianos/as tiñan sobre a fala histórica dunha parte considerable dos seus habitantes. Aínda que os seus contidos foron tan transcendentes como o feito da súa celebración, da difusión e publicidade das mesmas (de aí o labor divulgativo da publicación das Memorias), imos ir colgando ditos contidos posto que hai tempo que están esgotados os distintos exemplares de cada unha das xornadas e cada vez faise máis difícil o acceso a eles.Debemos agradecer a todas as persoas, que invitadas a participar da iniciativa, acudiron desinteresadamente a nosa chamada e aportaron tempo e traballo para darlle corpo ás mais de 300 páxinas que sobre o galego nos lindeiros da galeguidade se foron sumando á aínda escasas publicaciois de investigación e estudo que precisa. Tamén é xusto engadir un agradecemento especial á Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que foi quen subvencionou a edición dos dípticos, cartaces e posteriormente das Memorias das catro convocatorias que se fixeron nos anos 90.

Para a Asociación cultural, a convocatoria e organización destas xornadas foi todo un reto e contribuiu a facernos medrar, a consolidar unha conciencia e un compromiso na defensa da diversidade lingüística e da nosa riqueza cultural. Estamos orgullosos de fortalecer esta vella tradición que nos confire identidade, a fala dos nosos maiores, e singularmente a dos nosos gaiteiros, pois non se pode esquecer que nosoutros comezamos sendo unha simple escola de gaitas e que foi este instrumento quen nos foi levando xunto con tradiciois tan fermosas e vellas como a Festa do Maio, cara á preocupación pola lingua.
Como xa temos dito cada edición das Xornadas xirou arredor dun tema que foron:
Na I Xornada: A tradición oral e a lingua.
Na II Xornada: O calendario tradicional.
Na III Xornada: Homenaxe a Sarmiento.
Na IV Xornada: Textos e contextos do galego no Bierzo.
Imos logo colgar a continuación unha primeira parte da que é a memoria da I XORNADA CULTURA E LINGUA GALEGAS NO BIERZO: A tradición oral e a Lingua celebrada o 28 de agosto de 1993.




















































