O RITO DA DEUSA-NINA DO MES DE MAIO
Unha mestura confusa da terra e da natura florida, unha melena vexetal de encontro, de unión ritual amiga e antiga, coa cara feminina da tradición fértil divertida e comprometida, referente de cultura e mirada queridas, infantil e sinxela como unha meniña, poderosa e rotunda como a mesma primavera. É síntese da cor verde das plantas e amarela das flores. Lembra as árbores nas hortas, xestas, carqueixas, cantroxos e uces nos montes cheos de colores, dispostas á festa, cómplices cos segredos esperanzados, gardados entre as follas desta deusa-nina retratada nunha soa figura que todo o enche. Agroma, medra e espera, coa ligadura de cabelos, umbelas e pétalas frondosas, erguer un maio de progreso e de cantos e amores, un maio que foxe dos odios grises como os paxaros evitan as treboadas, dos odios que rodean a eses humanos tristes tan perdidos no medio das néboas do inverno das guerras crueis e escuras, tamén en terribles xenocidios e en todo tipo de incendios devastadores de vidas. Mais veu o cachón purificador das augas e das neves, pasou xa marzo airoso e chegou un abril chuvisnoso, chegamos a estación do amor. Debemos agora levantar o maio florido e fermoso, vestido con cañaveiras para que traian a seguir os fruitos, primeiro as cireixas, logo as uvas, despois os conchos e as castañas, aló pra o outono, no outubro de vendimas e magostos, de viño novo e bullós, compañeiros do frío e da muda das follas... Ben veñas, pois, maio, coa alegría antiga da céltica Beltane e mesmo da romana Flora, ambas fundidas nun mesmo rostro inocente desta nina.
PROGRAMA FESTA DO MAIO 2026
ARROUPANDO A TRADICIÓN
xoves día 30 de abril
Na tarde do 30 de abril facemos un chamamento a que os veciños e veciñas da vila adornen os seus balcois con xestas e carqueixas ou outros vexetais como mostra colectiva de recibimento da primavera para logo á noitiña achegarse ao xardín.
9,OO: Á caída do sol saída da comitiva da Casa da Cultura que fará un percorrido polas rúas que rematará na Alameda para a simbólica QUEIMA O BURRO DO INVERNO.
10,30...FULIXA DE BENVIDA DA PRIMAVERA
Amenizada polo EMBRUXO. GAITEIROS
FESTA TRADICIONAL DO MAIO
(Festa de Interés Turístico Provincial)
venres día 1 de maio:
9,00 Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.
11,00 Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.
14,00 Xuntanza de todos os maios na Praza Maior para cantarmos:
Levántate maio, bastante durmiche,
pasou un burro e non o sentiche.
A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.
CUATRO CONSELLOS
PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA
1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO:
A festa realmente comeza coa corta dos mazandois, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda coas túas amigas/os para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.
2º VESTIR UN MAIO HUMANO, UNHA GRAN RESPONSABILIDADE:
- APRENDER A VESTIR UN MAIO: Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. O que non é doado é manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.
-SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible, cos brazos e maos atadas ao corpo. Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.
3º/ CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:
Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente, cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dan algo ao maio, unha copla de agradecemento, e se non deron nada, botar unha do estilo:
“Estas portas son de losa onde vive unha roñosa”.
4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:
Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios, parte substancial do ritual. Trátase de agradecer dalgunha maneira traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens á porta da casa. E lembrade que:
“Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”.



