O RITO DA DEUSA-NINA DO MES DE MAIO
Unha mestura confusa da terra e da natura florida, unha melena vexetal de encontro, de unión ritual amiga e antiga, coa cara feminina da tradición fértil divertida e comprometida, referente de cultura e mirada queridas, infantil e sinxela como unha meniña, poderosa e rotunda como a mesma primavera. É síntese da cor verde das plantas e amarela das flores. Lembra as árbores nas hortas, xestas, carqueixas, cantroxos e uces nos montes cheos de colores, dispostas á festa, cómplices cos segredos esperanzados, gardados entre as follas desta deusa-nina retratada nunha soa figura que todo o enche. Agroma, medra e espera, coa ligadura de cabelos, umbelas e pétalas frondosas, erguer un maio de progreso e de cantos e amores, un maio que foxe dos odios grises como os paxaros evitan as treboadas, dos odios que rodean a eses humanos tristes tan perdidos no medio das néboas do inverno das guerras crueis e escuras, tamén en terribles xenocidios e en todo tipo de incendios devastadores de vidas. Mais veu o cachón purificador das augas e das neves, pasou xa marzo airoso e chegou un abril chuvisnoso, chegamos a estación do amor. Debemos agora levantar o maio florido e fermoso, vestido con cañaveiras para que traian a seguir os fruitos, primeiro as cireixas, logo as uvas, despois os conchos e as castañas, aló pra o outono, no outubro de vendimas e magostos, de viño novo e bullós, compañeiros do frío e da muda das follas... Ben veñas, pois, maio, coa alegría antiga da céltica Beltane e mesmo da romana Flora, ambas fundidas nun mesmo rostro inocente desta nina.
Quixeramos, como non, darlle mil graciñas á ilustradora María Salas, autora do cartel da Festa do Maio deste 2026, creadora dunha fermosa imaxe que ecoa o canto infantil das máis pequenas á vez da esperanza e a mocidade vivas que acompañan sempre a toda primavera na vila do Burbia e o Valcarce os primeiros de maio, que invoca con forza ás persoas todas, vellas e novas, invita a reconciliarse, coma se fose un baile máxico, pero profundamente humano, con ese conxunto mesturado e inevitablemente unido que conforman as tradiciois e as leiras que plantar, esas que representan con fortuna e vigor ao mundo rural e sostible, á ecoloxía fiel á terra e ao idioma das xentes que a cultivan fronte á barbarie da deshumanización, fronte o atroz lobo-capitalista que nos persegue insensible sendo capaz de destruír na súa tolemia á mesma humanidade. María Salas con esa mirada doce que emerxe luminosa das fragas e da mesma terra, coa inocente nina e deusa meiga proclama non só que o futuro verde é posible, senón tamén que é desexado, querido e lóxico, sempre acorde ao ritmo das estaciois e da natureza, son harmónico e universal agochado baixo unha cuberta vexetal, alegre, olorosa e trenzada coa fusión sincera e simbólica de cantos, corpos e cabelos cos talos e follas dos mazandois que se agariman ritualmente cada mes de maio en Vilafranca.


Ningún comentario:
Publicar un comentario