venres, 1 de maio de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DO SEUS CARTEIS (XX): Colocar no primeiro plano a tradición de J. Antonio Robés (2000-2007)




COLOCAR NO PRIMEIRO PLANO A TRADICIÓN DE J. ANTONIO ROBÉS (2000)

Remata con esta vixésima entrega a panorámica da Festa do Maio a través dos seus carteis. Conclúe coa promesa de seguir o fío da tradición o ano que vén. E para poñer fin a este longo relato de décadas de traballo, ilusiois e soños deixamos para o día de hoxe dous carteis profundamente simbólicos que sintetizan á perfección todo este camiño percorrido conxuntamente. Son o cartel de hai 20 anos, do ano no que iniciamos o presente século e o cartel do 2007 que tamén representa o momento no que estamos, tan dependentes da letra  do Maio, os ósos da tradición, cartel que  serve de páxina de peche ideal, como explicaremos máis abaixo.

Con este cartel do ano 2000 entrou no século XXI a nosa Festa do Maio cunha clara intención de abrir e mellorar e seguir sumando na cartelística que ata o momento nos definía e pivotaba en persoas da Escola.  Sen pensar en Robés como un estraño, todo o contrario, sempre está cercano e próximo á Escola, contar con el significou incorporar, ademais  a outro dos fotógrafos locais, unha nova estética e un afán de abrirse a un deseño innovador que se sae dos límites da reportaxe, non se deixa contreñir polas marxes da documentación non é un mero retratista, enfróntase ao proxecto como un verdadeiro creador.  Nunca mellor dito, Robés reproduce o proceso en si de creación dun cartel nun xogo disparatado de introducir ao espectador na dinámica da súa elaboración.  A nomenclatura propia da imprenta e da edición, a regra, as indicaciois e as marcas que transmite o autor logran no medio dos tecnicismos un espido integral ante o público semellente ao que se produce nunha representación dramática de vangarda na que os actores se visten en escena. Robés enfatiza o uso das cores e tonalidades coa linguaxe, chegándose a intuír, algo inaudito e impensable nun cartel, os logos de organizadores e colaboradores, que,  simplemente, non aparecen.

Unha primeira impronta da mirada ao cartel, cando te adentras no seu universo interior, atopa unha das ideas forza máis destacable nas dúas maos que cunha actitude agarimosa e delicada,  emboca como o mellor do viños o sabor da imaxe central. Son a plasmación gráfica dun feito: o soster a tradición  As maos funcionan de centro e de marco á vez, pois nunha terceira lectura da raíz da mensaxe descobres que se pretende capturar a fondura do ancestral costume. Non son maos que impoñan, non son maos que manipulen. Son as maos que acompañan, que axudan a colocar en primeiro plano o que importa. Intelixentemente, abre e pecha o debate do trato á tradición e ao patrimonio inmaterial do pobo.

Fagamos un inciso para abordar unha das constantes da obra de Robés: O movemento. Esa obsesión por rachar coa limitación propia da foto fixa ou, neste caso, do cartel, procurando un dinamismo,  maniféstase neste traballo contundentemente. En calquera dos planos aos que queiramos achegarnos á hora de descodificar a información que contén, de xeito sutil e suxestivo está idea da ruptura co estatismo, vital para o creador. E eiquí se nos abre outra mirada á raíz como algo que nace da terra pero que é capaz de enxendrar unha revolta, é dicir, a negación absoluta e radical de que haxa algo permanente. Aplicado á tradición volve a ser outro meneo ou pequeno sismo e posta en discusión do universal.   Converte o cartel  nunha especie de xogo e sucesión de planos, que non espellos, ao estilo de Velázquez nas Meninas.


A foto grupal, na que se deixa ver a forza tribal da Festa, amosa unha evidente debilidade, paradoxo que volve a incidir na mensaxe de que estamos inmersos nun proceso, complexo e relevante, substancial. A Vilafranca monumental que se insinua no fondo da fotografía, aparece claro está como capital do evento, namentres a instantánea se enche de sorrisos,  efusividade e  vivas no retrato dunha comitiva, a das Veigas Altas, cantando un levántate maio. En paralelo aos brazos que con esforzo levantan o maio tumbado no chao, están os que nos saúdan alegres dende a foto central e as maos que ao mesmo tempo levantan a tradición. Todos os elementos xogan o seu papel. Robés desvela o segredo do que perseguimos coa publicidade da Festa. Unha reflexión e unha lección sobre a súa función na revitalización, subliñar o nome que a identifica, sensibilidade e sentimento, veñen sendo tan vitais para o futuro do costume, como cantar o Maio. Metáfora dese esforzo colectivo que está detrás de conservar viva unha tradición. 

 Este cartel abre, sen lugar a dúbidas, unha etapa que se irá asentabdo e tomando corpo á hora de pensar nos carteis da Festa do Maio. Debemos darlle as grazas a Robés por encetar e avivar tamén ese debate con esta obra.


COR E CANTO DE ROBÉS (2007)

Na odisea persoal de Robés na procura de carteis para Vilafranca, como Ulises na viaxe a Ítaca, volveu a darlle unha volta ao feito tradicional e a súa conversión en arte plástica e decide sen paliativos, usala e radicalizar a mensaxe que emite ao espectador con dúas columnas tremendamente poderosas que sosteñen o noso costume: a cor e o canto. A cor verde, marca da cañaveira e a letra da propia canción secular.

De novo debemos reparar noutra das constantes robesianas: A intensidade da cor. Encheo todo a cor verde, pero ela non é nada sen esoutro trazo singular do patrimonio cultural inmaterial que é a cantiga. A síntese ou o esqueleto estético cargado de contido. O compromiso coa lingua, a revelación da identidade e  o certeiro da mensaxe ademais da sinxeleza absoluta en contraste coa complexidade do cartel do 2000. Carácter e xenialidade que define a un creador con todas as letras.

Outro detalle que non podemos calar porque tampouco antes fora tratado de igual maneira é o uso das coplas que simulan  ser a liña de contención da cor. Son, en apariencia, as costuras marco dun maio feito cartel ou dunha cantiga feita imaxe.  Reiteran o interese do autor polo movemento suxerido. Pero reparen nun feito maxistral.  A columna vertebral do costume nunca antes fora de tal forma tratada.  É parte esencial, central e vertebradora da obra divulgativa. A canción  que hoxe escuitaremos dende os balcois da vila servindo de susbtituto  obrigado do festexo,  Robés convértea nun elemento máis da plástica que modela ata facelo relevante, cargado de sinestesias. As flores son letras de son atronador e mesmo emiten aromas de Primavera.

Orixinal fórmula de sumar ao cartel interactivo dúas sinaturas da tradición, cor e canto. Un esforzo imaxinativo fecundo que hai que agradecer, valorar e premiar hoxe eiquí coa palabra. Graciñas Robés. Un pracer mergullar na interpretación de todas e cada unha das miradas e dos estilos e carácter dos autores e autoras. Dobre gusto rematar con dúas obras que resumen a filosofía coa que queremos que a arte visual contribúa a enriquecer a Festa. Convencidos de que como Robés amosa, o potencial é enorme, un magnifico campo aberto florido e fermoso á imaxinación e á creatividade.


O VALOR DA DIFUSIÓN DA FESTA DO MAIO

Non se poden imaxinar a empatía que as imaxes desta celebración provocan de cara ao fortalecemento e posta en valor da Festa do Maio.  E se  falamos do poder das imaxes e o movemento lembrámonos de inmediato, como non, doutra aportación de Robés como autor da fotografía realizada en 2007 que sería a elixida por el como portada dun traballo que a ESCOLA DE GAITAS editou co selo de Bierzo tradicional nun momento crucial. Dous audiovisuais e outros documentos, unha panoramica dos carteis realizados ata aquela e un gran número de fotografías reunidos nun DVD para visualizar a nosa experiencia e compromiso coa tradición.  Este traballo funcionou tamén como revulsivo interno marcando as etapas da revitalización da Festa que xa fomos comentando  puntualmente ao longo das vinte entregas que vismos realizando diariamente desde o pasado 12 de abril.

 O primeiro documental dirixido por Benxamín Vázquez  gravado no ano 1991 que esperamos poder volver a el, máis cedo que tarde,  cunha nova fórmula de difusión.  O segundo foi o gravado como un dos  programa da TVG Alalá en 2007 que circula dende hai tempo pola rede e que deixamos a continuación nesta entrada.



Hoxe ao longo do día iremos subindo ao blog unha crónica ben distinta da desexada da Festa do Maio 2020, distinta pero rabiosamente viva. Graciñas a todos os que a facedes posible ano a ano.

 Unha magnífica idea participativa  de Javier López (muitas grazas, Javi pola sensacinal iniciativa) que nos serve de peche a todas estas entregas. Muitas grazas Javi pola sensacional iniciativa que produce unha gran satisfacción ao sentir como a xente comparte o compromiso coa tradición e a forza e intensidade con que se vive día a día, anoa a ano este costume, un sinal de identidade propio ao que se quere.



José Ángel cantando onte á tardiña o Maio

 Reportaxe Festa do Maio 2020 ELBIERZODIGITAL

Diario de León


1 comentario:

  1. Entrañable y emocionante ver con qué cariño cuidáis de vuestras tradiciones, que aunque solo sea por la cercanía y la de veces que he andado por ah, nunca tantas como quisiera, de alguna manera y con vuestro permiso, de alguna manera hago mías

    ResponderEliminar