Etiquetas
- A FESTA DO MAIO (48)
- BIERZO TRADICIONAL (1)
- ESCOLA DE GAITAS (9)
- NATUREZA (4)
- O GALEGO NO BIERZO (8)
- O NOSO CALENDARIO (16)
- OS XIGANTES (6)
- PATRIMONIO CULTURAL (5)
- PUBLICACIOIS (10)
- SARMIENTO (10)
sábado, 25 de maio de 2024
venres, 3 de maio de 2024
CRÓNICA DA FESTA DO MAIO 2024
Faise realmente complexo tentar recoller a cantidade de vivencias e momentiños que se viviron este ano na Festa do Maio, muitas veces nin os centos de imaxes e decenas de vídeos que circulan polas redes son capaces de atrapalas. Imos tentar deixar eiquí unha breve crónica cargada de imaxes e enlaces que tentan recoller o que, se non se vive, resulta case imposible de relatar. Graciñas a todos e todas as que fixestes posible coa vosa participación que se levantase o maio un ano máis na nosa vila.
ARROUPANDO A TRADICIÓN: A QUEIMA DO BURRO
Trátase dun acto de recente incorporación (levamos oito anos pois o primeiro burro do inverno que queimamos foi no ano 2016) que, sen ser tradicional, xa vai collendo o seu arraigo. Este ano antes de queimalo realizou un Burrocrucis acompañado de gaitas polas rúas céntricas, mesmo pousou diante da casa consistorial.
Unha morea de xente conformou unha comitiva que remataría na Alameda queimando o burro diante da carpa instalada para o concerto de primavera de La Púcara que tivo lugar a continuación.
No facebook Ayuntamiento de Villafranca del Bierzo o burro antes de ser queimado
No facebook da Escola pódese ver un vídeo da queima.
No facebook de VillafrancadelBierzo un anaquiño da actuación de La Púcara
FESTA DE MAIO, FESTA DE INTERESE PROVINCIAL DESDE O 2009
CORTAR AS CAÑAVEIRAS
Sobre este primeiro paso do festexo, este acto esencial de cortar as cañaveiras quixeramos indicar que nos gustaría lograr incorporar ao mesmo a cada vez máis persoas, especialmente as máis novas, para que forme parte do ritual completo desta celebración da entrada da primavera tendo en conta dúas cousas:
- Que non podemos cortar a eito, hai que ir deixando plantas sen cortar para asegurar que nunca se van extinguir.
- Por iso mesmo acordamos solicitar das autoridades locais que, en cada un dos barrios da vila, se preparen viveiros coa planta denominada cientificamente Smyrnium olosatrum. Basta que non se desbrocen por sistema, senón que se deixen para ir facendo un uso selectivo para vestir os maios cada ano por estas datas. Por exemplo, no coñecido como Campo da Galiña, un lugar onde nace de xeito espontáneo.
VESTIR OS MAIOS
Vestimos os maios despois de cortar as cañaveiras como sempre en cuatro barrios: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila. No facebook podedes ver distintos audiovisuais coas distintas comitivas. Temos que insistir por outra parte na necesidade de que os maios humanos non sexan recoñecibles, que leven o seu rostro cuberto como é tradicional. Trátase de converter á persoa nunha árbore que anda, non pode ser un rostro coñecido, polo que debemos cuidar este aspecto realmente importante da nosa tradición.
CANTAR O MAIO
As cantigas do maio teñen tamén a súa función, cántanse e hai que pedir en cada casa, baixo os balcois onde se canta para que boten as castañas maias, esas que se deben comer no primeiro de maio para que non nos dea o desmaio. Muitas persoas que asisten por vez primeira a estas comitivas espontáneas que acompañan aos maios humanos percorrendo as rúas non saben as coplas, pero axiña as aprenden porque se repiten unha e outra vez en cada porta á que se asoma un veciño ou veciña da vila. Esta festa chega pois a case que todos os recunchos de Vilafranca coa intención de que en todas as casas entre a alegría da nova primavera que traen da mao os maios.
ENCONTRO NA PRAZA MAIOR
Os diferentes cortexos de maios chegaron finalmente á Praza Maior onde se deitaron no chao para cantar, por derradeira vez, todos xuntos a canción do maio, xusto antes de liberar aos seus portadores das cañaveiras coas que ían cubertos. A continuación, fomos comer todos e todas as participantes. Este ano baixo a carpa instalada polo concello na Alameda para protexermos da chuvia que aínda que houbo momentos nos que caeu como auga de maio, deixounos celebrar a festa sen chegar a pecharse o ceo por completo.
Deixamos a seguir distintas reportaxes da prensa dixital que inclúen galerías de fotos:
Bierzo digital: Fotos QUINITO
sábado, 13 de abril de 2024
PROGRAMA DE ACTOS DA FESTA DO MAIO 2024
A MULLER, O PODER E A NECESIDADE DA TRADICIÓN.
Porque non todo van ser Las Edades del Hombre
Cremos que non é casualidade que
no ano de Las Edades del Hombre sexa
unha muller labrega a que represente, coa fouciña nunha mao e unha cañaveira na
outra, a tradición de cortar e levantar o maio de Vilafranca. É unha opción
oportuna e de progreso, tremendamente simbólica e maxistral que Raúl Ochoa
escolle para o cartel da Festa do Maio 2024 coa que non só nos invita
puntualmente a celebrar a Primavera, senón tamén a cavilar sobre o que
realmente importa. Unha proclama do festexo que se converte á vez nunha chamada
de atención a Vilafranca e, por extensión, ao Bierzo, cargada de contidos.
Insistimos, non é unha casualidade, pois cremos que calquera parecido coa
realidade non é pura coincidencia e toda obra creativa tein o seu contexto. É
cartel fermoso por si mesmo, pero que se o situamos no contexto actual e
contrastamos coa realidade énchese das flores en plenitude de lecturas posibles
e necesarias.
No ano no que se
espera como auga e maio a omnipresente exposición de Las Edades del Hombre, non parece casualidade que emerxa do maxín
intelixente de Raúl Ochoa, unha muller rural e humilde, cargada de forza que
como contrapunto nos anuncie nas súas maos manchadas de terra o poder e a
necesidade da tradición. Non é casual, é unha reivindicación que como aquela
polémica Santa de Francisco Asorey* que
escandalizara ao monarca Afonso XIII en 1926, vestida unicamente cun pano da
cabeza e tiraba dun xugo, e estoutra muller, a que sitúa no centro da imaxe
Raúl, armada cunha fouciña, son mulleres fortes e de fondas conviciois que
sintetizan, de modo óptimo e lexítimo, unha serie de simbolismos e provocan non
poucas interpretaciois, tan rotundas como certas e primixenias, á vista, claro
está, de quen as queira ver. Porque nestas cousas da arte e das súas lecturas
hai quen sabe e hai quen quere mirar máis aló.
A frase MAIO VAI en maiúsculas e as colores
verdes da tradición e da ecoloxía, degradadas sobre un fondo terroso e claro,
lévannos á estética cartelística do 1900. Si, unha mirada atrás, unha
provocación para facer memoria. Logo será a figura feminina que se sitúa
debaixo do lema a que absorba a nosa atención e a que centre a mensaxe
procurando unha chea de ecos patentes da historia e da arte que van abrindo
paso. Se se quere, dende as deusas nai da fertilidade ata as grecolatinas
Afrodita e Venus, deusas do amor, esas que logo o renacemento converte en
alegorías como o nacer da Primavera e das que se apropia o cristianismo na
figura da Virxe María. Mais a lectura máis próxima e real non nos quere
confundir ao vestir a muller de labrega, humilde, nacida da terra, si, pero non
tan deusa como si naturalmente humana, esa muller que dende a Prehistoria
estivo ligada á terra e ao traballo das súas maos, que coa fouciña simboliza.
Esa muller é parente da alegoría, sen facer muitos esforzos mentais, daquela
Liberdade que guiaba ao pobo e daquelas outras promotoras románticas das
revoltas que desde As Sabinas da Roma
arcaica ata a famosa portadora da bandeira da revolución francesa de Delacroix,
alentan co seu recordo a esta muller que vemos no cartel do Maio. Pero
efectivamente a estética escollida achéganos máis aos debuxos e ilustraciois,
alegóricas tamén, de revoluciois máis próximas, como a rusa, por exemplo, ou,
como non, da ansiada república española.
Esta invitación
implícita en todo cartel, lembra o autor, non esquece un ritual: Cortar a
cañaveira e levantar a planta do maio. A
composición de xeito mui certeiro e áxil resume todo o proceso tradicional (non
sempre se evidencia ese elemento de cortar os apios dos cabalos, ou mazandois,
como parte transcendental da festa) no que o factor humano é imprescindible e
central. O humano é o motor do costume que, sendo muller, reúne como xa
indicamos, por activa e por pasiva, unha poderosísima serie de connotaciois,
complexas e vivas, que van desde a evocación ás estaciois ata a ruralidade, desde o feminismo a todo un conxunto de
reivindicaciois aludidas sutilmente: antropolóxicas, sociais, culturais e ata
ecolóxicas que están detrás da filosofía do Fiandón Berciano do que o autor é
un dos seus responsables.
Agradecemos
enormemente a Raúl Ochoa que con ilusión e con pericia dea lugar ao debate, que
deste xeito tan positivo e interesante nos enriqueza. A vida, queirámolo ou
non, está chea de contradiciois. Este cartel efectivamente cobra maior peso se
o lemos no contexto no que estamos. Chegou para colocarse neste 2024 no Bierzo
e na vila do Burbia, cargada de
contrastes. Está a Vilafranca humilde e campesiña, a das tradiciois de futuro,
retratada na Festa do Maio e está a Villafranca ostentosa e pomposa, cargada de
promesas e que reza: Hospitalitas.
A
reflexión que demanda esta ilustración é sinxela e contundente, unha aposta
pola tradición e o seu futuro. As experiencias que promoven tanto a Asociación
Cultural da Escola de Gaitas, como O Fiandón Berciano parecen querernos indicar
que outra Vilafranca cos pés na terra é posible e necesaria, que máis aló dos
museos fríos e pétreos, de igrexas e monumentos, hai outra necesaria e posible
de proxectos vivos, de fondas raíces ligadas á identidade e ao patrimonio
cultural inmaterial, que teñen dereito e reivindican as súas inversiois e os
seus espazos de exposición. Porque tamén do pan vive o home e porque se cuadra
foi muller a que o segou e o coceu.
Lembremos simplemente, mentres pedimos que tiren castañas maiolas desde
os balcois, mentres que pasa o burro e levantamos os maios, que unha e outra,
ambas Vilafrancas, conforman ineludiblemente a personalidade complexa dunha
vila como a nosa, mal que nos pese.
* O cartel do maio é obra de Raúl Ochoa Martínez do Fiandón Berciano, á quen lle agradecemos a súa fermosa e xenerosa colaboración.
Texto: Héctor M. Silveiro Fernández / Foto: Bernardo López Santamarina .
PROGRAMA DE
ACTOS - FESTA DO MAIO 2024
ARROUPANDO
A TRADICIÓN
30 de abril
ADORNO DE BALCOIS: Na tarde do 30 de abril facemos un
chamamento a que os veciños e veciñas da vila adornen os seus balcois con xestas e carqueixas ou outros vexetais como
mostra colectiva de recibimento da primavera para logo á noitiña achegarse ao
xardín.
20,00
Saída do BURRO CRUCIS da Casa da Cultura.
22,00 QUEIMA
DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR A PRIMAVERA na Alameda.
La Púcara |
CONCERTO
DE PRIMAVERA: A seguir concerto na Alameda do Grupo folk LA PÚCARA, unha ocasión de cantar e bailar celebrando o
remate do inverno. Programamos este
Concerto de Primavera contando coa colaboración do Concello de Vilafranca que
vén apostando por fortalecer deste xeito cada ano esta festa tradicional, sinal
vivo da nosa riqueza patrimonial.
MAIO
TRADICIONAL, FESTA DE INTERESE PROVINCIAL
1 de maio
9,00
Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a
vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas,
Socubo e A Cábila.
11,00
Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos
peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das
coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.
14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior
para cantarmos : Levántate maio, bastante durmiche, pasou un burro e non o sentiche.
A continuación
comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma
co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.
CUATRO
CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA
1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO
DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara
de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar
para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as
para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder
montar logo o teu maio.
2º
VESTIR UN MAIO HUMANO, UNHA GRAN RESPONSABILIDADE:
- APRENDER
A VESTIR UN MAIO: Vestir un maio non é
fácil, pero tampouco é difícil. Pero non é doado manterse o máis quedo posible,
a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das
claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en
árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que
non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen
se viste.
-SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible, cos brazos e maos atadas ao corpo. Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.
3º/ CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN: Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente, cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dan algo ao maio, unha copla de agradecemento, e se non deron nada, botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.
4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS: Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios, parte substancial do ritual. Trátase de agradecer dalgunha maneira traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens á porta da casa.
E lembrade que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”.
xoves, 4 de abril de 2024
CARTEL DA FESTA DO MAIO 2024
Eiquí está, xa vein, Maio, vai! Este é o cartel da Festa do Maio deste ano 2024. Asínao o autor, Raúl Ochoa, da tan querida como próxima asociación, a do Fiandón Berciano. Raúl e as mozas e mozos do Fiandón son persoas de fortes e fondas conviciois, de profundas raíces rurais que respiran un vento poderoso como o que corre entre as viñas no mes de marzo cuando a poda da xarmenta hai que apurala e xa hai froliñas ventureiras polos carreiros. Escuitan tamén o son da vida dese xeito que se facía ao pé das lareiras e o seu latexo continuo emerxe entón, unha e outra vez, en cada unha das estaciois que o ano anda. E por que escolle a mao traballadora na fouciña que nun acto simbólico trae na outra co puño ergueito a primavera? É altamente poderosa a imaxe. A humildade da mae segura, da muller fecunda e da labrega da terra, esa que levanta o maio lembroume primeiramente a Santa de Asorey pola raigame rural que evidencia. Non hai dubida que é humana aínda que se lle poidan dar alentos de deusa do Amor. Ecoa tantas outras alegorías fermosas da historia da Arte, esas que nos falan do nacer da propia primavera, pero tamén da Liberdade que guía ao pobo e evoca tempos revolucionarios de soviets e república. Marabillosa esta chamada á revolta natural da estación verde, da ecoloxía e o respecto escrupuloso pola Nai Terra.
Hai tamén unha invitación simple e sinxela a cortar a cañaveira, como parte dese ritual inicial da festa e finalmente o lema que reza: MAIO VAI! como as augas dos ríos que encherán as chuivas do mes de abril, sonoras como os cantos que reclaman maiolas, repetidamente, so os balcois coa eterna permanecia do éfemero de cada colleita, porque o Maio vai, o Maio vai como secaron as castañas que agora son pilongas e no outono próximo serán bullós ou mamucas, namentres ferve nas bodegas a esperanza e o futuro tras das vendimas. Maio vai como o sorrir da vida que este rostro serio e solemne que nos mira desde o centro do cartel nos invita a vivir unha vez máis. Maio vai!
Graciñas e benzón Raúl por este agasallo temperá e rotundo.
H.S.
xoves, 14 de marzo de 2024
BREVE CRÓNICA DAS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
9 de marzo 2024, ás 19,30. Teatro Enrique Gil
en Vilafranca do Bierzo
PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO
Tras recordar que un 9 de marzo de hai 329 anos nacía na nosa vila O Pai das Letras Galegas e unhas breves palabras de benvida a Sara Rodríguez Fernández e a súa publicación, o alcalde de Vilafranca, celebrou esta novidade facendo uso na parte final da súa alocución da lingua galega.
Acompañaban a autora Marisa Cela da Asociación Escola de Gaitas e Raúl Ochoa do Fiandón berciano, ademais de Héctor Silveiro como coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento que organizaba este acto coa colaboración das xa citadas asociaciois. Entre o numeroso público asistente concelleiros do Concello de Corullón e Vilafranca. Ao longo do acto proxectáronse varios audiovisuais con textos de Juan Carlos Mestre realizados por Robés.
As distintas intervenciois fixeron fincapé na importancia da recolleita das palabras que este dicionario reúne como referente substancial da identidade berciana, palabras que viviron na oralidade ata que Sarmiento dalgún xeito iniciara ao seu paso polo Bierzo no ano 1745 a súa recolleita consciente. Palabras que serviron para que Morales escribira os seus Ensayos en dialecto berciano en 1861 cuxos Premios escolares se entregan na propias Xornadas e que autores máis recentes como González -Alegre, Aquilino Poncelas e J.C. Mestre seguen usando. Falouse da tradición oral, das dificultades que se van vencendo para que a xente nova faga uso desta parte da nosa cultura que este dicionario contribúe a afortalar como garante do futuro para o galego do Bierzo.
Sara Rodríguez, a autora explicou a xénese do seu traballo, a importancia da súa familia na súa toma de conciencia e relación coa lingua, do seu paso polas aulas do Programa de Promoción do Galego en Cacabelos, da asistencia ás Xornadas Sarmiento como alumna e, finalmente, como se concretou o proxecto para o seu traballo de fin de grao en Vigo (TFG) coa colaboración de Alberto Lugrís e de X.H. Costas do Departamento de Galego da Universidade de Vigo que editou o Dicionario cun total de 15.000. Sara rematou anunciando unha iniciativa para seguir ampliando o Dicionario. Trátase do Mego das palabras do galego do Bierzo, unha metáfora da recolleita que se pretende realizar coa colaboración tanto do alumnado e docentes do Programa de Galego como das entidades e persoas que queiran achegar as palabras a través de distintos soportes: un correo electrónico e unha páxina web. Ademais Sara abriu unha conta de instagram para dinamizar este proceso.
12 de marzo 2024 ás 9,30 Cine Faba
en Cacabelos
PRESENTACIÓN DAS PROPOSTAS DIDÁCTICAS
PARA O DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento e Sara Rodríguez presentaron a proposta-reto da recolleita de 1000 palabras máis para o Galego do Bierzo no Mego das Palabras, unha ampliación do Dicionario que, como comentou a autora, se pretende realizar ao longo deste ano 2024 coa idea de que na celebración das próximas Xornadas se supere ese número de mil novas entradas para fornecer unha segunda edición do mesmo. Tras da presentación do Dicionario e da iniciativa estableceuse un diálogo cos docentes e alumnos/as de Secundaria presentes para estabecer unhas primeiras estratexias de como abordar esta empresa.
IV PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÖN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO 2024
Ante o alumnado de Primaria procedente de 11 centros de distintos puntos do Bierzo, todos eles alumnos/as que cursan o Programa de Galego do Bierzo, as autoridades presentes puxeron en valor a presenza da lingua galega na comunidade educativa berciana e deron os parabéns aos gañadores antes de facer entrega dos IV Premios Morales.
Interviñeron os tres concellos colaboradores: Cacabelos, Corullón e Vilafranca, as entidades culturais do Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto Leonés de Cultura, ademais de Francisco Javier López Inspector de Educación Provincial de Léon do Programa de Promoción do Galego, Olegario Ramón, Presidente do Consello Comarcal e Valentín Garcia, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
ACTUACIÓN DE PACO NOGUEIRAS: C@NTO CONTIGO
MESA DE TRABALLO
No MARCA de Cacabelos realizouse unha reunión de traballo a iniciativa da Comisión Cultural Martín Sarmiento coa idea de abordar unha serie de propostas tanto en materia cultural como educativa.
Repercusión en prensa:
O portal da lingua Xunta de Galicia
domingo, 3 de marzo de 2024
AS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO
AS XVI
XORNADAS SARMIENTO EN VILAFRANCA
PRESENTACIÓN
DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO
ENTREGA E NOVA CONVOCATORIA DOS
PREMIOS MORALES EN CACABELOS
O martes 12 de marzo en
Cacabelos celebraremos o Día do
Galego nos Centros Docentes do Bierzo. Este edición os alumnos/as reunidos
desenvolverán unha actividade ao redor do Dicionario
do Galego do Bierzo, como ferramenta didáctica e garantía de futuro da
lingua na comarca. Ademais de promocionar o
PREMIO MORALES que teñen como lema este curso “O San Roque en Paradela”. Antonio Fernández Morales, autor ligado a
esta vila berciana onde viviu e está soterrado, é o cantor por excelencia do
galego do Bierzo. Os intercambios
didácticos e lúdicos das Xornadas para alumnos/as do Programa de Galego vidos
de distintos centros de ensino de todo o Bierzo presumen de cultura e
identidade. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento
estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que
vai sendo hora de mellorar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 22
anos aplicándose e reclama maior atención e un novo pulo.
Os actos levaranse a cabo no Cine Faba
no que se realizará a entrega de premios, presentación de novas secciois da web:
OGALEGONOBIERZO.ORG e a convocatoria da Vª edición dos Premio Morales 2025.
A Comisión Cultural “Martín Sarmiento”
de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego na comarca, a Real
Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O
Fiandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o
seu Consello Comarcal manterán un encontro de traballo de cara a programar
outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no
Bierzo.
Sábado 9 de marzo 2024, ás 19,30 horas
no Teatro “Enrique Gil” de Vilafranca
PRESENTACIÓN DO
DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO
Coa
presenza da autora, a berciana Sara Rodríguez Fernández,
acompañada
de Marisa Cela da Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca, Raúl Ochoa
do Filandón berciano e Héctor Silveiro da Comisión Cultural Martín Sarmiento.
Martes 12 de marzo, a partir das 9,30
no Cine Faba en Cacabelos
1.ª SESIÓN MATINAL :
9,30 APERTURA DO INTERCAMBIO DE
SECUNDARIA: O DICONARIO DO
GALEGO DO BIERZO MEMORIA VIVA E GARANTÍA DE FUTURO DA LINGUA GALEGA NA COMARCA.
Baixo a dirección da súa autora Sara Rodríguez e a proposta da Comisión
Cultural Martín Sarmiento porase en
marcha unha proposta didáctica dirixida aos docentes e alumnado do galego do
Bierzo de Secundaria coa idea de difundir os contidos deste Dicionario e
ampliar nun futuro próximo o número de entradas desta primeira edición.
Participarán tamén nesta experiencia outras entidades bercianas interesadas. Asistirán os alumnos/as do Programa de Galego
de SECUNDARIA dos centros:
IES
Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES
Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES
Europa (Ponferrada)
IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)
Alumnos/a de Galego da EOI de Ponferrada.
2.ª
SESIÓN MATINAL : CINE FABA
11,30 APERTURA DA SESIÓN DE PRIMARIA:
ACTO
DE ENTREGA DE PREMIOS DA IV EDICIÓN DOS PREMIOS ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES
Intervirán
as entidades e autoridades organizadoras desta IV Edición que ademais de facer
entrega dos premios presentarán as novas secciois da WEB: OGALEGONOBIERZO.ORG e anunciarán
a convocatoria da V edición dos Premios Morales.
A CONVOCATORIA DA Vª
EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A
PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO E SANABRIA, impulsados
polo Grupo
As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración
das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes
Xornadas.
12,00:
ACTUACIÓN PARA O ALUMNADO DE PRIMARIA:
Actuación musical de PACO
NOGUEIRAS co espectáculo C@nto contigo subvencionada pola
Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e Turismo da
Xunta de Galicia. Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:
CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,
CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,
CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,
CEIP Compostilla de Ponferrada,
CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,
CEIP San Ildefonso
de Camponaraia,
CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,
CEIP Toral de Meraio,
CEIP M.L.Ucieda de Toural dos Vados,
CRA Carucedo,
CRA Cubillos do Sil,
CRA Ximena Muñiz de Corullón,
CRA Ponte de Domingo Flórez
MESA DE TRABALLO
16,30
h. MARCA de CACABELOS
1º CONVOCATORIA DA Vª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO E
SANABRIA. Impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e
cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que
tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.
2º PROPOSTAS DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN
SARMIENTO. Trátase dun
encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega,
administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento
das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega
no Bierzo, entre outros a elaboración do borrador dun convenio de colaboración
entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal e outras entidades culturais do Bierzo.
Entidades que organizan e colaboran:
domingo, 27 de agosto de 2023
ANALIZANDO O PROCESO EN PROGRESO SOBRE O INVENTARIO DE PATRIMONIO INMATERIAL NO BIERZO
Por iniciativa do Instituto de Estudos Bercianos desde o ano 2021 ata o día de hoxe se levaron a cabo dous proxectos de inventario de Patrimonio Cultural Inmaterial no Bierzo Oeste sobre o que podemos ir sacando algúa conclusión coa idea de mellorar significativamente tanto o proceso en progreso como os seguintes pasos a realiazar. Trátase dunha iniciativa coa que colaboramos, que segue un ritmo e unhas metas que resultan do noso interese, pero que quixeramos puntualizar e ir contrastando para poder encaixar na medida do posible a nosa idea da posta en marcha dun Centro Vivo da Tradiciois para Vilafranca como motor local de recuperación e salvagarda colectivo ao que aspiramos.
Describiremos inicialmente nesta entrada os pasos realizados ata o de agora para logo proceder a unha análise nunha próxima entrada do que conviene abordar para corrixir certas eivas que estamos detectando no proceso en marcha. Vaia por adiantado, de todos os xeitos, a nosa felicitación tanto polos pasos dados como polo traballo desenvolto, como a esoperanza de ir vendo os fruitos que esperemos non tarden en madurar.
Lembremos o noso punto de partida. A Escola elaborara un texto para solicitude dunha subvención para os proxectos de salvagarda do Ministerio de Cultura no 2019 buscando o compromiso do goberno municipal e doustras entidades da vila. No 2020 volvemos sobre a proposta coa axuda de Cultura 54 (Fernando Brugman) contando coa colaboración do goberno municipal de Vilafranca e no mes de maio do 2021 invitamos a participar do proxecto ao Filadón Berciano antes de presentar no mes de xuño a declaración como Bien de Interés Cultural da Festa do Maio, como manifestación representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial ante a Junta de Castilla y León.
AS PRIMEIRAS XORNADAS SOBRE O PATRIMONIO INMATERIAL (Outubro de 2021)
Como xa indicamos o Instituto de Estudios Bercianos en colaboración co Concello de Vilafranca do Bierzo foron os que lanzaron a proposta de debate para estas Xornadas. A persoa que fixo posible esta convocatoria, Fernando Brugman, foi quen deseñou a configuración das mesmas como experto especializado neste eido para UNESCO.
Neste encontro pretendíase realizar un debate público sobre a salvagarda entre distintos certos colectivos e persoas consideradas portadoras do PCI coa idea de asentar as bases que permitan a súa preservación procurando a implicación das administraciois e o compromiso das comunidades portadoras. Realmente se procuraba evidenciar un tremendo baleiro que desde a Administración Autonómica principalmente se está a dar neste terreo provocar unha reacción que permita iniciar unha das primeiras tarefas da salvagarda como é a realización dun inventario.
O feito de comezar en Vilafranca contribuía a concretar e delimitar unha primeira intervención tentando coordinar criterios, métodos e obxectivos, algo que só en parte, ao noso xuízo, se logrou. Servíndo en gran medida como chamada de atención para as Administraciois, singularmente a Junta de Castilla y León.
PROPOSTA DA ESCOLA
A Escola propuxo na súa intervención en base ao que xa viñamos traballando unha proposta para desenvolver colectivamente cos distintos participantes das xornadas e un calendario de traballo sobre o PCI local para lograr dous obxectivos de salvagarda:
1º Un inventario do PCI local de referencia comarcal. O obxectivo é visibilidar os bens inventariados, valores e oportunidades para promover por parte das administraciois e entes interesados unha acciois e medidas de salvagarda.
2º Un conxunto iniciativas de dinamización e salvagarda patrimonial de Vilafranca e contorna que se coordinen coa posta en marcha do Centro Vivo das Tradicióis.
Texto coa proposta da Escola de Gaitas: A Festa do Maio e O PCI
ELABORACIÓN DAS FICHAS DO INVENTARIO
A proposta de inventario avanzou grazas a un equipo de traballo no que destacaos o labor do Fiandón Berciano entre outras persoas que conseguiron reunir e elaborar un conxunto de fichas nos cuatro concellos que nesta primeira fase se abordaron, Vilafranca, A Veiga de Espiñareda, Candín e Peranzais. Podes consultar a relación de fichas publicada na web do IEB
A Escola contribuiu directamente con cinco das fichas sobre distintas manifestaciois do PCI que para comezar que cremos é necesario incluír no inventario sendo conscientes que hai outras muitas das que poderíamos falar e colaborar na súa elaboración:
1-
A Festa do Maio de Vilafranca do
Bierzo
2-
A Danza de Xigantes e Cabezudos
3-
Os Gaiteiros do país (Bierzo
Oeste)
4-
Os Bailes tradicionais (Vilafranca do Bierzo)
5-
A Tradición Oral na Somoza e
Vilafranca
O ano 22 e mesmo o 23 no que se inicia unha segunda fase do inventario en Corullón do que descoñecemos os resultados. Este proceso de inventario paralizou de feito a continuidade nos contactos e mesmo unha nova edicion das Xornadas do PCI para poder seguir avanzando na nosa proposta municipal e ao ser ano electotral preferimos esperar para abordar co tempo dunha lexislatura o noso proxecto central de dinamización a través dun Centro Vivo das Tradiciois para a nosa vila.
Cremos que se precisa volver ao encontro dos entes interesados para debater co inventario na mao pois o primeiro foi máis ben unha posta en común sen chegar a conclusiois máis aló da necesidade do propio inventario. Un proceso positivo, que concretar un equipo de traballo e un inventario ( publicado en parte na rede), un labor extraordinario que corre agora un perigo como é que o esforzo non se vexa compensado cun tratamento axeitado do material reunido, así como un estudo e concreción das medidas de salvagarda e dinamización correspondentes que son a meta final pola que se puxo en marcha este proceso.
Información na web do IEB sobre as 1ª Xornadas de Patrimonio Cultural Inmaterial
Video coas intervenciois:
Texto da Declaración Final das Xornadas
Vídeo das 1ª Xornadas sobre Patrimonio Cultural Inmaterial Conclusiois::
CONTINUARÁ