xoves, 4 de abril de 2024

CARTEL DA FESTA DO MAIO 2024

 


Eiquí está, xa vein, Maio, vai! Este é o cartel da Festa do Maio deste ano 2024. Asínao o autor, Raúl Ochoa, da tan querida como próxima asociación, a do Fiandón Berciano. Raúl e as mozas e mozos do Fiandón son persoas de fortes e fondas conviciois, de profundas raíces rurais que respiran un vento poderoso como o que corre entre as viñas no mes de marzo cuando a poda da xarmenta hai que apurala e xa hai froliñas ventureiras polos carreiros.  Escuitan tamén o son da vida dese xeito que se facía ao pé das lareiras e o seu latexo continuo emerxe entón, unha e outra vez, en cada unha das estaciois que o ano anda. E por que escolle a mao traballadora na fouciña que nun acto simbólico trae na outra co puño ergueito a primavera?  É altamente poderosa a imaxe. A humildade da mae segura, da muller fecunda e da labrega da terra, esa que levanta o maio lembroume primeiramente a Santa de Asorey pola raigame rural que evidencia. Non hai dubida que é humana aínda que se lle poidan dar alentos de deusa do Amor. Ecoa tantas outras alegorías fermosas da historia da Arte, esas que nos falan do nacer da propia primavera, pero tamén da Liberdade que guía ao pobo e evoca tempos revolucionarios de soviets e república.  Marabillosa esta chamada á revolta natural da estación verde,  da ecoloxía e o respecto escrupuloso pola Nai Terra. 

Hai tamén unha invitación simple e sinxela a cortar a cañaveira, como parte dese ritual inicial da festa e finalmente o lema que reza: MAIO VAI! como as augas dos ríos que encherán as chuivas do mes de abril, sonoras como os cantos que reclaman  maiolas, repetidamente, so os balcois coa eterna permanecia do éfemero de cada colleita, porque o Maio vai, o Maio vai como secaron as castañas que agora son pilongas e no outono próximo serán bullós ou mamucas, namentres ferve nas bodegas a esperanza e o futuro tras das vendimas. Maio vai como o sorrir da vida que este rostro serio e solemne que nos mira desde o centro do cartel nos invita a vivir unha vez máis. Maio vai! 

Graciñas e benzón Raúl por este agasallo temperá e rotundo. 

                                                                                                        H.S.        

Ningún comentario:

Publicar un comentario