sábado, 12 de setembro de 2020

CUANDO OS XIGANTES DE VILAFRANCA, OS MÁIS VELLOS DO BIERZO, FACÍAN 50 ANOS (As cen Vilafrancas, 3ª entrega)


Unha foto de 1911 que seguro provocará máis de mil palabras.

 Dirixir a mirada a unha foto é emprender sempre unha viaxe cara atrás, ao pasado. Este marabilloso invento acostuma captar un momento da vida e ten a fascinante capacidade de avivar con frecuencia un recordo que, asociado a unha emoción nunca se esquece, nutre a nosa memoria poderosamente. Nesta 3ª entrega das Cen Vilafrancas, coincidindo coa véspera das festas patronais, tratamos de iluminar un feito pasado, enriquecer o presente e, mesmo, contribuír con iniciativas a un futuro mellor a partir dunha fotografía inédita, pouco ou nada coñecida das Festas do Cristo.  Compartiremos un instante da memoria fotográfica dun pobo, un labor colectivo que garda muitas veces cada familia na súa casa formando parte, sen o saber, do patrimonio pendente de recuperar e reparar para cada lugar. Vilafranca ten certa fortuna porque hai varias persoas que fixeron un gran esforzo por rescatar esta faceta substancial da nosa historia, asentada na suma de sucesos plasmados en papel, un camiño longo de andar que nunca está rematado de todo. Ao escribir para a Escola de Gaitas de Vilafranca o libro Palillos de madeira sobre os nosos xigantes, un dos documentos imprescindibles que manexados foron as fotografías (máis de trescentas). Pero 7 anos despois de publicado, no 2018, apareceu esta imaxe descoñecida que axiña adquirimos e incorporamos ao arquivo propio da asociación. Unha instantánea de Villaverde candidata a ser exposta nun futuro Centro das Tradiciois da vila e da contorna, proxecto que soñamos con poder poñer en pé máis cedo que tarde. Polo de agora imos facer unha lectura interpretativa desta interesante fonte de información. Dividímola en varios apartados que permitan evidenciar como unha imaxe pode enriquecer notablemente o noso patrimonio.


 Das curiosidades das festas patronais de Vilafranca

Esta foto é unha testemuña desa marca do tempo que son os festexos para calquera comunidade, fixamos a atención na intención e función social coa que se vertebran as festas patronais, de como se interiorizan nos corazois converténdose en emociois que estimulan, a través do tempo, a identidade dunha localidade como a nosa.  A postal manifesta claramente a imbricación do relixioso e do profano nas Festas do Cristo.  En concreto retrata a cabeceira da comitiva da procesión que con toda seguridade se produciu un 14 de setembro de 1911. Está entrando na Praza Maior que aínda tiña un par de frondosas árbores xusto ao pé do consistorio a cuxa sombra, nun día caloroso, se amorea un nutrido grupo de veciños. Vemos conformadas dúas fías de xente, unha máis clara na parte inferior da foto,  deixando a parte central para os estandartes, dous ciriais e un crucifixo portados por ninos que nos confirman que presenciamos o comezo da marcha. Hai outro indicador pertinente de que a parte central ocupa o protagonismo do evento.  É a parella de figuras de maior tamaño e un cabezudo que avanza diante delas, ademais dos músicos que os acompañan. Estes dous xigantes e o cabezón, ataviados cun vestiario singular, na iconografía cristiá procesional adoitan simbolizar polo seu tamaño e deformidade o Mal, precedendo como mostra de sometemento ou cumprimentando por contraste ao Ben que está representado polo Cristo (que neste caso non aparece na foto, pero se intúe, nun diálogo digamos “virtual” que só coa interpretación das claves que comentamos é posible comprender). O Cristo da Esperanza, viña máis atrás acabando de subir a Praza do Campairo no percorrido habitual do seu desfile polas rúas principais da antiga capital de provincia. Hoxe os xigantes son máis e seguen bailando, iso quere e ordena a Confraría, algo máis apartados, sempre por diante e a unha distancia maior de estandartes e cruces. Constatamos así que se vai debilitando ese curioso vínculo relixioso bipolar do ben e o mal que representan en orixe as “ananas”(como denominamos na fala popular a estas figuras) nos cortexos procesionais. Vai medrando unha tendencia a disocialas da comitiva relixiosa ata velas como un elemento diferente, mesmo independente, en lugar de manter ese significado orixinal sen deixar de formar parte da trama.


Unha das máis antigas fotos que conservamos dos Xigantes de Vilafranca.

 Efectivamente coñecemos dúas fotos, esta sería a segunda, nas que se certifica a existencia primixenia de só dous xigantes na vila:  O Cid e Doña Jimena ou Doña Inés (como normalmente chamamos á parella do Campeador nesta localidade). Por certo, este nome de Doña Inés lévanos de boca en boca, seguindo as pistas da tradición oral, ata os mesmos artífices, talvez simplemente promotores, da incorporación dos xigantes e cabezudos ás festas do patrón da vila. Estas dúas cabezas foron feitas, ou mandadas facer, arredor do ano 1860 pola familia de Gonzalo Magdalena Osorio (que daquela era aínda un rapaz). Se cuadra o verdadeiro impulsor puído ser seu tío, Ángel Magdalena Rosón, persoeiro vencellado á Confraría por aquel tempo. Non sabemos tampouco con certeza se quixo facer unha homenaxe, ou non, a Inés Rosón Cancelada, pero a semellanza coa avoa de Gonzalo, provocou que esa xigante fose bautizada polas xentes co nome de Doña Inés, aínda que a intención fose outra. O certo é que os xigantes outorgaron ese complemento prestixioso ao festexo e datamos o seu nacemento á altura de 1860. Logo en 1911 facían xa 50 anos.

Dado que non existen fotos desta singular parella que certifiquen esa antigüidade, como a constatamos? Perdido o primeiro libro de actas da Confraría do Cristo, fundada no ano 1854, o libro que se conserva actualmente, que comeza no ano 1872, non a cita ata un inventario do 26 de agosto de 1886.   Pero de todos os xeitos os xigantes de Vilafranca están documentados por vez primeira grazas a un escrito do 2 de setembro de 1862 que describe a Festa do Cristo e fala da saída dos xigantois e ananos o día 13, sen concretar que sexa unha novidade. Logo, son anteriores a esa data, aínda que non en muito tempo porque en 1858 recibimos na vila a visita real de Isabel II e, consultando diversas fontes documentais sobre a mesma que detallan muitos ornamentos, actividades e gastos que houbo, a nosa parella de xigantes non aparece por ningures, polo tanto se crearon no cambio de década. Trátase seguramente do costume tradicional máis moderno de Vilafranca, amante das tradiciois, que permitiu que esas cabezas se conservasen, evitando ser substituídas e posibilitando que sigan saíndo ás rúas con máis de 150 anos ás súas costas. Queremos singularizar este logro colectivo nunha persoa que puxo o seu empeño e o seu bon facer para que así fose, Norberto Beberide, recoñecido caricaturista e artista plástico, autor dunha magnífica restauración integral dos xigantes no ano 1984. 


O cabezudo e as súas vexigas

  Non obstante, aquela restauración levouse por diante un dos elementos que merece repensarse.  Referímonos ao papel dos cabezudos, que hoxe vemos transformados en pequenos xigantes, cambiando radicalmente a súa presenza tradicional na festa. De feito xa hai décadas desapareceran as súas vexigas e só permanecía como lembranza remota na memoria dos de máis avanzada idade.

Fixémonos nun detalle da foto que comentamos. Un dos máis vellos cabezudos, O Mouro, o único que se ve na postal (na actualidade un xigante) leva dúas vexigas. Acababa de ser comprado á Casa de Ribalta de Madrid,  poida que ese mesmo ano de 1911. Logo (un ano ou dous despois) esta fábrica proeverá a Vilafranca doutro par de cabezas, unha de D. Quijote e outra dunha peculiar Dulcinea. Daquela eran cabezois mui populares e solicitados. Hoxe, máis de cen anos despois, podemos dicir que aqueles moldes se non son únicos, están nesa prezada lista dun escaso número de pezas centenarias altamente estimadas que se conservan na Península, (especialmente a de D. Quijote). Digamos como anécdota que para crear a parella do famoso fidalgo cervantino mercouse ou enviaron a primeira que lles veu ás maos.  Aquela Dulcinea, dicía o meu avó de broma, era moi fea, ben pasaba por ser simplemente Aldonza Lorenzo. En realidade era unha cabeza destinada a unha das parellas que representaban as “razas” do mundo, a da chinesa, posiblemente, pero que rematou sendo para os vilafranquinos, de xeito exclusivo, Doña Dulcinea. Mais volvamos as vexigas de cocho que porta o Mouro, esas que levaban sempre os cabezudos no Bierzo e eilí onde saísen como atractivo das festas. Con elas golpeaban con criterio democrático e sen malicia, a destro e sinistro. Tiñan como función asustar e abrir paso aos xigantes marchando diante deles á cabeza da procesión. En Vilafranca, os cabezudos perderon pouco a pouco as súas vexigas, transformadas en varas que foron tamén desaparecendo ao ocuparse, cada vez con maior afán e insistencia, de pedir cuartos que logo repartirían cos portadores dos xigantes. Ademais coa evolución da festa os ananos multiplicaron o seu número e finalmente a súa mobilidade e omnipresencia, solícitos debaixo dos balcois entre o bulicio da xente, dexenerou en aras da súa conservación, (porque as cabezas sufrían ostentosos desperfectos). Ambas características e outras que nunca asentaron definitivamente (como o baile dos cabezudos) cremos que é posible recuperalas. Reivindicamos que sexa posible instauralas de novo nun futuro próximo.

 

Os músicos populares que identificamos con nome e apelidos.

 O elemento popular acostuma ser tremendamente anónimo porque emerxe con muita espontaneidade do colectivo, pero hai ocasiois, como a presente, que podemos asegurar con certeza cal é o nome dun dos músicos que tocaba nesta fotografía: Antonio Fernández era o gaiteiro. Conservamos varias facturas asinadas por el daqueles anos nos que cobraba por tocar a gaita dez pesetas. Abordemos agora unha dimensión sinestésica poñéndolle música á imaxe. A peza que interpreta á gaita dalgún xeito estaba a punto de adquirir, para os oídos de vilafranquinos e bercianos, a categoría de himno  (non chegamos a falar disto co escritor e cronista da vila, Antonio Pereira, pero estamos seguros que el o defendería como potencial candidato ao himno do Bierzo, muito máis serio e solemne que o de Asturias, diría).  A coñecida Danza de Xigantes e Cabezudos de Vilafranca que con arranxos e tocada con violín e zanfona, baixo o nome de Bergidum inmortalizou Amancio Prada gravándoa nun dos seus máis emblemáticos traballos discográficos, foi creada e popularizada inicialmente polo noso gaiteiro, Antonio Fernández. Na foto está acompañado, como era habitual, ao tambor e ao bombo polos seus fillos. Este ano botaremos de menos esa melodía enchendo as rúas da vila. Unha maldita pandemia roubounos as festas confinando tamén a xigantes e cabezudos. Éche unha ocasión ideal para alimentarmos a nosa memoria.

Para o mundo da música tradicional berciana este resulta ser un magnífico documento porque aparece, ademais do gaiteiro outro dos instrumentos do folclore do país. A parola ou frauta e tambor, tocados por un só interprete, músico que se contrataba para a procesión en ocasiois para acompañar as danzas masculinas que por veces ían bailando cerimonialmente na procesión. Na postal, de todos os xeitos, acompaña aos xigantes á par de Antonio, o gaiteiro de Vilafranca, sendo posible que tocaran xuntos ou que o fixeran alternativamente. Xa, na fotografía máis antiga deste evento, que nos transporta unha década ou dúas antes, tamén se ven as dúas formaciois musicais (aínda que o gaiteiro mantense oculto entre a multitude) ao pé dos dous xigantes. Deste outro intérprete, que parece ser o mesmo en ambas instantáneas, máis avellentado nesta, claro está, descoñecemos, polo de agora, o seu nome e a súa procedencia.  


O anonimato de centos de persoas.

 Persoas vellas e mozas das que vemos os seus posibles segundo o vestir de cada quen, a meirande de aspecto similar: Elas con saias de lá longas e panos da cabeza claros, algúas con velas acesas; eles con pantalois escuros e camisas brancas, chaleco e chaqueta, muitos cubertos con gorra ou sombreiro que levan postos ou na mao como sinal de respecto, amoreados para ver pasar a procesión ou andando, tentando darlle forma un tanto caótica ás súas fías. Outramente hai quen observa o espectáculo do que forman parte, enriba dun banco, tras dunha porta acristalada ou ao abeiro dos muros do consistorio, como buscando a tan prezada como imposible sombra. Eses rostros sen nome fan posible o evento, son un elemento imprescindible da festa o murmurio de decenas de conversas borboriñando alegrías e penas.


E. Villaverde, o autor da foto.

Fronte as persoas que o tempo converte paseniño en anónimas, o nome de quen fixo a instantánea (fotógrafo local ou itinerante) podemos lelo nas letras sobreimpresas no extremo inferior da dereita da postal. A data, que manuscrita, aparece no dorso da mesma dámola por boa porque temos outra fotografía irmá (que gardaba meu pai coma un tesouro), feita o mesmo día pouco despois desta (véxase a copia que adxuntamos, en ambas fotos, se observamos atentamente, unha moza que baixo un parasol ocupa unha posición semellante sobre un banco de madeira). É o mesmo espazo, no medio da Praza da Constitución e a mesma procesión a non ser que se trata agora da súa comitiva final. Desfila a Corporación municipal á que acompaña a recentemente formada Banda Municipal. Consultando as Actas do goberno local recuperamos os nomes dos edís de Vilafranca en 1911, alguis chegamos a identificalos: Balbino Rodríguez ( o alcalde, no centro do cortexo nunha liña de cinco bordeado de dous rexidores á dereita e outros dous á esquerda); cremos distinguir tamén, tapándose o sol co sombreiro, a Francisco de Llano e Ovalle, que ademais de membro da corporación e directivo da Confraría ata 1910, escribira Flores del Bierzo lozanas y mustias  en 1896 no que describe as Festas do Cristo con todo luxo de detalles. Debe ser, se non nos trabucamos, o home de bigote que pecha a mesma liña á dereita do alcalde e que fai sombra na cara co seu chapeu. Falta identificar quen é quen do resto dos munícipes.


Unha iniciativa de futuro para Vilafranca e para O Bierzo

A nosa vila debe dotarse de modernas infraestruturas museísticas. É un lugar ideal para instalar un Centro das Tradiciois que a Escola de Gaitas, nos consta, ten deseñado e leva xa varios anos propoñéndoo ás instituciois. Un espazo onde estudos pormenorizados de imaxes como estas acaden pleno sentido. Mais o labor aínda está incompleto. Case nada sabemos do estudo de Villaverde, hai centos de fotos por clasificar, datar e historiar, como acabamos de facer con esta, ademais dos cabos soltos que deixan as imaxes xa recuperadas, pendentes de investigación, e outros tantos que se abren cada vez que rescatamos unha nova instantánea.  Todas son parte do noso valioso patrimonio. Concluímos logo cun claro chamamento a rebuscar e compartir estas vellas fotografías, coa convicción de que así avanzamos na procura da mellora e incremento constante da riqueza da memoria fotográfica de Vilafranca e do Bierzo. 

                                                                                         Héctor M. Silveiro Fernández. 

Ver artigo en Bierzodiariohttps://www.bierzodiario.es/?p=38624

Ningún comentario:

Publicar un comentario