domingo, 18 de maio de 2025

NO DÍA DAS LETRAS: HOMENAXEAMOS ÁS CANTAREIRAS DO BIERZO

 

O grupo de pandeireta da Escola de Música de Vilafranca cantando 17 de maio 2025
en homenaxe ás nosas pandeireteiras. 




UNHA SINXELA HOMENAXE ÁS NOSAS PANDEIRETEIRAS
Ocorréusenos que a mellor homenaxe que lles podiamos facer era xuntarnos para cantar e bailar como elas fixeron tantas e tantas xeraciois atrás. Grazas a elas un repertorio importantísimo, un tesouro cultural salvouse e chegou a nosoutros. Nós agora o menos que podemos facer, unha vez documentado, difundilo e usalo como vehículo d ecoñecemento da nosa identidade, de cohexión social e tamén, como non pode ser menos, de diversión. 




Artigo sobre o tema en BierzoDiario

venres, 9 de maio de 2025

A FESTA DO MAIO 2025 NOS MEDIOS

 


Bierzotv

Infobierzo

Bierzo24

Diario de León

Orgullogalego

Bierzodiario

Este maio, señora é,...

Co mesmo encanto que se dun soño se tratase

Samuel vestíndose de maio. Foto de Víctor Ruisánchez


Estamos no barrio do Castelo, onde pasei a miña infancia e agora soño, soñamos Maite

e mais eu, con restaurar unha casa-bodega cargada de historia familiar. Hai quen di que só a

literatura é quen de crear esperanzas para sobrevivir neste caótico mundo no que habitamos,

pero logo vén a realidade superando á ficción e non sabe un a que facer caso, opinen vostedes.


O certo é que Samuel, un nino de cinco aniños logrou hai uns días neste mes de maio

que soñaramos espertos e facer realidade iso de superarmos a ficción. Saudáranos da mao do

seu pai e da súa mai coa emoción na voz de sentirse parte do seu vestindo de maio no barrio,

ese maio humano que el viviu en primeira persoa e xa para sempre. Sei, sabiamos Maite e

mais eu, aquilo que quería verbalizar con ese saúdo entusiasta, cheo de sentimento e afecto,

que nosoutros, como adultos, reforzamos positivamente afagando o feito:

“- E como aguantache vestido ata a Praza como un campión. Samuel, fuches o mellor

maio do barrio!.”


O día despois da celebración das Letras en Vilafranca, Samuel despedíase de nós,

efusivamente ao pasar por debaixo do balcón da casa da súa avoa, querendo alongar a

conversa mentres iamos dicíndolle adeus repetidamente cun sorriso na boca e camiñando

cara arriba, á explanada do Castelo onde tiñamos o coche. El insistía en falar en alto e seguir

rememorando o seu logro de días atrás no que permanecía con esa resistencia infantil a

abandonar a felicidade vivida que só os pequenos son capaces de transmitir con tanta

expresividade como naturalidade para envexa dos adultos. Mais fondamente emocionado e

cuando xa estabamos fóra da súa vista, (el sabia que o escoitabamos aínda porque el oiu

tamén o noso adeus final desde o pico da costa), como xa non nos vía, pero intuía que oíamos,

Samuel que ata entón botara pola boca un discurso alegremente incomprensible, rompeu a

cantar desde o balcón da avoa berrando:

“- Marzo airoso, abril chuviñoso, sacan o maio florido i hermoso,... Tire castañas

señora maría, tire castañas que as ten na cociña... Levantate maio, bastante dormiche, pasou

un burro e non o sentiche... ”


Nunca soñara cousa tan linda, sentinme nino, outra vez, co eco do canto nas rúas

empedradas que Samuel interpretaba, que agasallo espontáneo, marabilloso e inesquecible!

Maite e mais eu mirámonos e rimos coas bágoas nos ollos. Unha sensación de plenitude pola

confianza no arraigo e no verdadeiro futuro da festa, algo máis valioso, sen dúbida, que a

multitude toda de persoas que saíron arroupando este ano na Festa do Maio os cuatro barrios

na vila.

Aquel canto que enchía a rúa en costa coa súa voz infantil e inocente para

retrotraerme a miña infancia ao momento en que fun consciente de nino por vez primeira da

existencia do ritual primaveral que conservara celosa e pacientemente durante séculos a nosa

vila, como se dunha grande avoa se tratase. Despois de máis de 40 anos luitando pola

revitalización da festa máis antiga de Vilafranca, este é o maior éxito posible a tantos anos de

cuidado e mimo, o feito de que un nino de corazón emocionado e inxenuo garde na súa

memoria e cante a copla días despois coa esperanza de se vestir de maio na próxima

primavera, de revivir a celebración.


Por fortuna sei, sabemos, que a día de hoxe en Vilafranca hai muitos ninos e ninas

como Samuel. Mais el fíxonos soñar espertos, darlle unha tremenda dimensión e fondura a

algo que se vén evidenciando desde hai xa, polo menos, dúas longas décadas ou se cuadra algo

máis. Antes que Samuel, cantaran con esa ilusión, como non, o noso ninín e a nosa meniña,

Artur e Aldara, que xa son mozotes e tamén as crianzas dos amigos e amigas, do grupo

dinamizador desta transmisión colectiva, dos que citarei especificamente a uns poucos da

Escola de Gaitas para non facer a lista interminable. Cantaron Blanca, Gonchal e Antón e logo

Diego e David, como non tardaron en facer Carmen, Efrén e Vera ou David e Eduardín. Logo viñeron

Violeta e Carla e máis recentemente cantan o maio Mar e Álvaro. Se nos paramos a pensar

cada canto resulta verdadeiramente conmovedor tanto como o de Samuel, quen ademais me

ofreceu de feito a revelación da extraordinaria magnitude, vista con perspectiva, da

revitalización lograda da Festa do Maio.


Un apuntamento máis que non pode faltar nesta entrega: O certo é que o de Samuel

vénlle de familia. Lembro a súa avoa Conchi cantando os maios do Campo da Galiña sendo

unha rapaza e logo a ela e ao seu home colaborando co maio do barrio de sempre. Costume

que mamou a súa filla, Leticia, e tamén o que agora é o seu marido, Hugo, aos que non lles

quedou outra este ano que acompañar ao pequeno que quería vestir de maio. Un nino de

cinco aniños é quen de se vestir, sendo tan pequerrecho, capaz de soportar varias horas atado

de pés e maos para seren un home verde, unha árbore andante e levantar o maio deste xeito

tan máxico e simbólico, tan sinxelo e emotivo. Diciamos que a súa avoa ten muito que ver e

volvo recorrentemente a un recordo particular con agarimo e nostalxia, pois semellante foi na

miña casa, sendo eu un nino, o sentir da miña mai e máis do meu pai aquela primeira vez que

me viron cantando o maio. Esa é a fortaleza da tradición, esa entrega de emociois fondas que

pasan de xeración a xeración.


Héctor M. Silveiro Fernández,

membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo

mércores, 23 de abril de 2025

O PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2025

 


 Co encanto do maio

Trátase dun encanto, dun feitizo feito cartel. Parte dunha mirada dobre, dúas miradas unha, a inocente e tímida da nina, e outra, a fecunda e brillante da Primavera. A primeira está a pé de rúa, co mego nas maos, que lembra os petitorios dunha meniña cándida que nos invita a ver máis aló, esoutra mirada, a do rostro espléndido e rabiosamente actual que é a da deusa Flora, da Maia, da Beltane celta, da Natura.

Unha mirada inxenua e nova, dunha beleza tenra,  fronte a outra do fulgor radiante da deusa de mirada madura e florida. Ambas miradas fixas, ambas envoltas na maxia atávica convidan ao espectador, apostrofan a un tu que as mira no cartel sen esperar resposta, todo parece estar claro: Clara J. Aira, a autora, invítanos naturalmente á Festa do Maio 2025.

Sempre dixemos que os carteis da Festa do Maio buscan novas miradas e este cartel traballado con técnica dixital, sen dúbida, é unha mirada radical e abertamente moderna, que se agarra de todos os xeitos a un elemento que representa e é, á vez,  unha das conexiois máis poderosa da autora coa festa. Falamos do mego que leva nas maos unha nina. Unha nina vestida cun estampado de flores que parece disposta a cantar o tire castañas, señora María... Esa nina é a Clara que cantou o maio de pequena, é a memoria da infancia na que, da mao da súa avoa Cándida se incorporou, xa para sempre, á tradición. Marabilla!  Mais detrás daquela nina desborda o potencial voluptuoso e recargado da Natureza en flor, da Mai Terra xenerosa, florida e fermosa, que frutifica á par de mirarte a ti e mais a min con eses ollos de deusa que se amosa, a pesar de estar próxima, divina, distante e altiva, sabedora do seu poder fecundante. 

Ademais das miradas debemos reparar nas maos, nas da meniña, en primeiro lugar, coa forza que suxeita o mego do costume e, máis atrás, os dedos delicados acariñando o seu vestir de follas e mazandois da Primavera. Finalmente, detrás do letreiro da Festa do Maio, dous instrumentos, a pandeireta e a gaita, que evocan a harmonía, a alegría e a sonoridade toda da celebración cantada.

Graciñas, Clara,  por esta agarimosa, fresca e doce actualización da Festa do Maio a través dos teus ollos novos abertos a ver como un feitizo a tradición. 


PROGRAMA DE ACTOS - FESTA DO MAIO 2025

ARROUPANDO A TRADICIÓN

30 de abril ADORNO DE BALCOIS: Na tarde do 30 de abril facemos un chamamento a que os veciños e veciñas da vila adornen os seus balcois con xestas e carqueixas ou outros vexetais como mostra colectiva de recibimento da primavera para logo á noitiña achegarse ao xardín.

20,00  Saída do BURRO CRUCIS da Casa da Cultura.

21,30  QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR A PRIMAVERA na Alameda.  

22,30 CONCERTO DE PRIMAVERA:  A seguir concerto da FANFARRIA TAQUIKARDIA  un concerto  alternativo para celebrar o remate do inverno.  Programamos este Concerto de Primavera contando coa colaboración do Concello de Vilafranca que vén apostando por fortalecer deste xeito cada ano esta festa tradicional, sinal vivo da nosa riqueza patrimonial. O concerto comezará na propia Alameda desprazándose logo cara á Fonte das Vacas.

 


 

                MAIO TRADICIONALFESTA DE INTERESE PROVINCIAL

1 de maio    

9,00  Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.

11,00  Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.

14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para cantarmos :  Levántate maio, bastante durmiche,  pasou un burro e non o sentiche.

A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.

 

Nota:   No caso de que a chuvia nos visite o concerto e a comida do día 1 serán na Divina Pastora.

 


              CUATRO CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA



1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.

2º  VESTIR UN MAIO HUMANO, UNHA GRAN RESPONSABILIDADE:

-  APRENDER A VESTIR UN MAIO:  Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. Pero non é doado manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van a converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.

-SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible, cos brazos e maos atadas ao corpo.  Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.

 

3º/  CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:  Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente,  cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dan algo ao maio, unha copla de agradecemento,  e se non  deron nada,  botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.

 

4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:  Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios, parte substancial do ritual. Trátase de agradecer dalgunha maneira  traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens á porta da casa. E lembrade que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”.




Tamén podes aprender a cantiga e a vestir un maio seguido os pasos que che indicamos na rede: 







domingo, 20 de abril de 2025

O CARTEL DA FESTA DO MAIO 2025: CO ENCANTO DO MAIO de Clara J. Aira

 


Co encanto do maio

Trátase dun encanto, dun feitizo feito cartel. Parte dunha mirada dobre, dúas miradas unha, a inocente e tímida da nina, e outra, a fecunda e brillante da Primavera. A primeira está a pé de rúa, co mego nas maos, que lembra os petitorios dunha meniña cándida que nos invita a ver máis aló, esoutra mirada, a do rostro espléndido e rabiosamente actual que é a da deusa Flora, da Maia, da Beltane celta, da Natura.

Unha mirada inxenua e nova, dunha beleza tenra,  fronte a outra do fulgor radiante da deusa de mirada madura e florida. Ambas miradas fixas, ambas envoltas na maxia atávica convidan ao espectador, apostrofan a un tu que as mira no cartel sen esperar resposta, todo parece estar claro: Clara J. Aira, a autora, invítanos naturalmente á Festa do Maio 2025.

Sempre dixemos que os carteis da Festa do Maio buscan novas miradas e este cartel traballado con técnica dixital, sen dúbida, é unha mirada radical e abertamente moderna, que se agarra de todos os xeitos a un elemento que representa e é, á vez,  unha das conexiois máis poderosa da autora coa festa. Falamos do mego que leva nas maos unha nina. Unha nina vestida cun estampado de flores que parece disposta a cantar o tire castañas, señora María... Esa nina é a Clara que cantou o maio de pequena, é a memoria da infancia na que, da mao da súa avoa Cándida se incorporou, xa para sempre, á tradición. Marabilla!  Mais detrás daquela nina desborda o potencial voluptuoso e recargado da Natureza en flor, da Mai Terra xenerosa, florida e fermosa, que frutifica á par de mirarte a ti e mais a min con eses ollos de deusa que se amosa, a pesar de estar próxima, divina, distante e altiva, sabedora do seu poder fecundante.  

Ademais das miradas debemos reparar nas maos, nas da meniña, en primeiro lugar, coa forza que suxeita o mego do costume e, máis atrás, os dedos delicados acariñando o seu vestir de follas e mazandois da Primavera. Finalmente, detrás do letreiro da Festa do Maio, dous instrumentos, a pandeireta e a gaita, que evocan a harmonía, a alegría e a sonoridade toda da celebración cantada.

Graciñas, Clara,  por esta agarimosa, fresca e doce actualización da Festa do Maio a través dos teus ollos novos abertos a ver como un feitizo a tradición.