venres, 9 de maio de 2025

A FESTA DO MAIO 2025 NOS MEDIOS

 


Bierzotv

Infobierzo

Bierzo24

Diario de León

Orgullogalego

Bierzodiario

Este maio, señora é,...

Co mesmo encanto que se dun soño se tratase

Samuel vestíndose de maio. Foto de Víctor Ruisánchez

Estamos no barrio do Castelo, onde pasei a miña infancia e agora soño, soñamos Maite e mais eu, con restaurar unha casa-bodega cargada de historia familiar. Hai quen di que só a literatura é quen de crear    esperanzas para sobrevivir neste caótico mundo no que habitamos, pero logo vén a realidade superando á ficción e non sabe un a que facer caso, opinen vostedes. 

O certo é que Samuel, un nino de cinco aniños logrou hai uns días neste mes de maio que soñaramos espertos e facer realidade iso de superarmos a ficción. Saudáranos da mao do seu pai e da súa mai coa emoción na voz de sentirse parte do seu vestindo de maio no barrio, ese maio humano que el viviu en primeira persoa e xa para sempre. Sei, sabiamos Maite e mais eu, aquilo que quería verbalizar con ese saúdo entusiasta, cheo de sentimento e afecto, que nosoutros, como adultos, reforzamos positivamente afagando o feito:

“- E como aguantache vestido ata a Praza como un campión. Samuel, fuches o mellor maio do barrio!.”

O día despois da celebración das Letras en Vilafranca, Samuel despedíase de nós, efusivamente ao pasar por debaixo do balcón da casa da súa avoa, querendo alongar a conversa mentres iamos dicíndolle adeus repetidamente cun sorriso na boca e camiñando cara arriba, á explanada do Castelo onde tiñamos o coche. El insistía en falar en alto e seguir rememorando o seu logro de días atrás no que permanecía con esa resistencia infantil a abandonar a felicidade vivida que só os pequenos son capaces de transmitir con tanta expresividade como naturalidade para envexa dos adultos. Mais fondamente emocionado e cuando xa estabamos fóra da súa vista, (el sabia que o escoitabamos aínda porque el oiu tamén o noso adeus final desde o pico da costa), como xa non nos vía, pero intuía que oíamos, Samuel que ata entón botara pola boca un discurso alegremente incomprensible, rompeu a cantar desde o balcón da avoa berrando:

“- Marzo airoso, abril chuviñoso, sacan o maio florido i hermoso,... Tire castañas señora María, tire castañas que as ten na cociña... Levantate maio, bastante dormiche, pasou un burro e non o sentiche... ”


Nunca soñara cousa tan linda, sentinme nino, outra vez, co eco do canto nas rúas empedradas que Samuel interpretaba, que agasallo espontáneo, marabilloso e inesquecible! Maite e mais eu mirámonos e rimos coas bágoas nos ollos. Unha sensación de plenitude pola confianza no arraigo e no verdadeiro futuro da festa, algo máis valioso, sen dúbida, que a multitude toda de persoas que saíron arroupando este ano na Festa do Maio os cuatro barrios na vila.

Aquel canto que enchía a rúa en costa coa súa voz infantil e inocente para retrotraerme a miña infancia ao momento en que fun consciente de nino por vez primeira da existencia do ritual primaveral que conservara celosa e pacientemente durante séculos a nosa vila, como se dunha grande avoa se tratase. Despois de máis de 40 anos luitando pola revitalización da festa máis antiga de Vilafranca, este é o maior éxito posible a tantos anos de cuidado e mimo, o feito de que un nino de corazón emocionado e inxenuo garde na súa memoria e cante a copla días despois coa esperanza de se vestir de maio na próxima primavera, de revivir a celebración.

Por fortuna sei, sabemos, que a día de hoxe en Vilafranca hai muitos ninos e ninas como Samuel. Mais el fíxonos soñar espertos, darlle unha tremenda dimensión e fondura a algo que se vén evidenciando desde hai xa, polo menos, dúas longas décadas ou se cuadra algo máis. Antes que Samuel, cantaran con esa ilusión, como non, o noso ninín e a nosa meniña, Artur e Aldara, que xa son mozotes e tamén as crianzas dos amigos e amigas, do grupo dinamizador desta transmisión colectiva, dos que citarei especificamente a uns poucos da Escola de Gaitas para non facer a lista interminable. Cantaron Blanca, Gonchal e Antón e logo Diego e David, como non tardaron en facer Carmen, Efrén e Vera ou David e Eduardín. Logo viñeron Violeta e Carla e máis recentemente cantan o maio Mar e Álvaro. Se nos paramos a pensar cada canto resulta verdadeiramente conmovedor tanto como o de Samuel, quen ademais me ofreceu de feito a revelación da extraordinaria magnitude, vista con perspectiva, da revitalización lograda da Festa do Maio.

Un apuntamento máis que non pode faltar nesta entrega: O certo é que o de Samuel vénlle de familia. Lembro a súa avoa Conchi cantando os maios do Campo da Galiña sendo unha rapaza e logo a ela e ao seu home colaborando co maio do barrio de sempre. Costume que mamou a súa filla, Leticia, e tamén o que agora é o seu marido, Hugo, aos que non lles quedou outra este ano que acompañar ao pequeno que quería vestir de maio. Un nino de cinco aniños é quen de se vestir, sendo tan pequerrecho, capaz de soportar varias horas atado de pés e maos para seren un home verde, unha árbore andante e levantar o maio deste xeito tan máxico e simbólico, tan sinxelo e emotivo. Diciamos que a súa avoa ten muito que ver e volvo recorrentemente a un recordo particular con agarimo e nostalxia, pois semellante foi na miña casa, sendo eu un nino, o sentir da miña mai e máis do meu pai aquela primeira vez que me viron cantando o maio. Esa é a fortaleza da tradición, esa entrega de emociois fondas que pasan de xeración a xeración.

Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo

Ningún comentario:

Publicar un comentario