domingo, 27 de agosto de 2023

ANALIZANDO O PROCESO EN PROGRESO SOBRE O INVENTARIO DE PATRIMONIO INMATERIAL NO BIERZO

 


Por iniciativa do Instituto de Estudos Bercianos desde o ano 2021 ata o día de hoxe se levaron a cabo dous proxectos de inventario de Patrimonio Cultural Inmaterial no Bierzo Oeste sobre o que podemos ir sacando algúa conclusión coa idea de mellorar significativamente tanto o proceso en progreso como os seguintes pasos a realiazar. Trátase dunha iniciativa coa que colaboramos, que segue un ritmo e unhas metas que resultan do noso interese, pero que quixeramos puntualizar e ir contrastando para poder encaixar na medida do posible a nosa idea da posta en marcha dun Centro Vivo da Tradiciois para Vilafranca como motor local de recuperación e salvagarda colectivo ao que aspiramos.

Describiremos inicialmente nesta entrada os pasos realizados ata o de agora para logo proceder a unha análise nunha próxima entrada do que conviene abordar para corrixir certas eivas que estamos detectando no proceso en marcha. Vaia por adiantado, de todos os xeitos, a nosa felicitación tanto polos pasos dados como polo traballo desenvolto, como a esoperanza de ir vendo os fruitos que esperemos non tarden en madurar. 

Lembremos o noso punto de partida. A Escola elaborara un texto para solicitude dunha subvención para os proxectos de salvagarda do Ministerio de Cultura no 2019 buscando o compromiso do goberno municipal e doustras entidades da vila. No 2020 volvemos sobre a proposta coa axuda de Cultura 54 (Fernando Brugman) contando coa colaboración do goberno municipal de Vilafranca e no mes de maio do 2021 invitamos a participar do proxecto ao Filadón Berciano antes de presentar no mes de xuño a declaración como Bien de Interés Cultural da Festa do Maio, como manifestación representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial ante a Junta de Castilla y León.  


AS PRIMEIRAS XORNADAS SOBRE O PATRIMONIO INMATERIAL (Outubro de 2021) 

Como xa indicamos o Instituto de Estudios Bercianos en colaboración co Concello de Vilafranca do Bierzo foron os que lanzaron a proposta de debate para estas Xornadas.  A persoa que fixo posible esta convocatoria, Fernando Brugman, foi quen deseñou a configuración das mesmas como experto especializado neste eido para UNESCO. 

Neste encontro pretendíase realizar un debate público sobre a salvagarda entre distintos certos colectivos e persoas consideradas portadoras do PCI coa idea de asentar as bases que permitan a súa preservación procurando a implicación das administraciois e o compromiso das comunidades portadoras. Realmente se procuraba evidenciar un tremendo baleiro que desde a Administración Autonómica principalmente se está a dar neste terreo  provocar unha reacción que permita iniciar unha das primeiras tarefas da salvagarda como é a realización dun inventario.

O feito de comezar en Vilafranca contribuía a concretar e delimitar unha primeira intervención tentando coordinar criterios, métodos e obxectivos, algo que só en parte, ao noso xuízo, se logrou. Servíndo en gran medida como chamada de atención para as Administraciois, singularmente a Junta de Castilla y León.



  PROPOSTA DA  ESCOLA

A Escola propuxo na súa intervención en base ao que xa viñamos traballando unha proposta para desenvolver colectivamente cos distintos participantes das xornadas e un calendario de traballo sobre o PCI local para lograr dous obxectivos de salvagarda: 

1º  Un inventario do PCI local de referencia comarcal.  O obxectivo é visibilidar os bens inventariados, valores e oportunidades para promover por parte das administraciois e entes interesados unha acciois e medidas de salvagarda.

2º  Un conxunto iniciativas de dinamización e salvagarda patrimonial de Vilafranca e contorna que se coordinen coa posta en marcha do Centro Vivo das Tradicióis. 

Texto coa proposta da Escola de Gaitas: A Festa do Maio e O PCI


ELABORACIÓN DAS FICHAS DO INVENTARIO

A proposta de inventario avanzou grazas a un equipo de traballo no que destacaos o labor do Fiandón Berciano entre outras persoas que conseguiron reunir e elaborar un conxunto de fichas nos cuatro concellos que nesta primeira fase se abordaron,  Vilafranca, A Veiga de Espiñareda, Candín e Peranzais. Podes consultar a relación de fichas publicada na web do IEB

A Escola contribuiu directamente con cinco das fichas sobre distintas manifestaciois do PCI que para comezar que cremos é necesario incluír no inventario sendo conscientes que hai outras muitas das que poderíamos falar e colaborar na súa elaboración: 

1-      A Festa do Maio de Vilafranca do Bierzo

2-      A Danza de Xigantes e Cabezudos

3-      Os Gaiteiros do país (Bierzo Oeste)

4-      Os Bailes tradicionais  (Vilafranca do Bierzo)

5-      A Tradición Oral na Somoza e Vilafranca 

O ano 22 e mesmo o 23 no que se inicia unha segunda fase do inventario en Corullón do que descoñecemos os resultados. Este proceso de inventario paralizou de feito a continuidade nos contactos e mesmo  unha nova edicion das Xornadas do PCI para poder seguir avanzando na nosa proposta municipal e ao ser ano electotral preferimos esperar para abordar co tempo dunha lexislatura o noso proxecto central de dinamización a través dun Centro Vivo das Tradiciois para a nosa vila. 

Cremos que se precisa volver ao encontro dos entes interesados para debater co inventario na mao pois o primeiro foi máis ben unha posta en común sen chegar a conclusiois máis aló da necesidade do propio inventario. Un proceso positivo, que concretar un equipo de traballo e un inventario ( publicado en parte na rede), un labor extraordinario que corre agora un perigo como é que o esforzo non se vexa compensado cun tratamento axeitado do material reunido, así como un estudo e concreción das medidas de salvagarda e dinamización  correspondentes que son a meta final pola que se puxo en marcha este proceso.    


Información na web do IEB sobre as 1ª Xornadas de Patrimonio Cultural Inmaterial 

Video coas intervenciois:


 Texto da Declaración Final das Xornadas

Vídeo das 1ª Xornadas sobre Patrimonio  Cultural Inmaterial Conclusiois::


CONTINUARÁ

domingo, 23 de abril de 2023

PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2023

 

A ilustradora berciana Carlota Santos autora do cartel da Festa do Maio

 NIN COPAS, NIN ESPADAS, NIN BASTOS... MAIOS, FLORES E AMORES

                                                                                       O Fortuna velut Luna...

 A danza da vida, a que se agocha no calendario, atopámola sobre a mesa coma se fose unha carta do tarot arrastrando rotunda á sorte ante nós nunha data precisa, ritual, máxica. Doce maios anónimos, tantos coma meses do ano ou coma os doce números da baralla,  bailan ante os nosos ollos acompañados de once damas brancas enigmáticas e versallescas que se van contaxiando da maxia e coas cores e os amores que traen as flores. Lembran estas flores o vestido estampado da Flora que pintou Botticelli e outorgan un movemento hipnótico, etéreo e eterno á composición que nos anuncia este ano a Festa do Maio. Debemos e agradecemos de corazón esta nova mirada sobre a tradición á ilustradora berciana Carlota Santos.  Non hai muito sorprendíanos tamén coa inclusión do ancestral costume da comarca entre os seus deseños para a prestixiosa casa Heraclio Fournier, eses naipes tan demandados (20.000 exemplares).  Deste xeito certamente con este cartel pecha un círculo, din os xornalistas, eiquí en Vilafranca.

Danzan, pois, da mao de Carlota, os homes verdes arredor ou detrás dun burro gris, o inverno, que precede inevitablemente ao maio e resulta ser o antagonista nesta trama narrativa das coplas que se cantan e que se gardan para este día. O burro gris da invernía sometido, como contraste, carga vencido coas cañaveiras floridas e triunfadoras. Triunfa si, a Fortuna nesta danza que nos sorrí e que solicitamos cada primavera alegre, coa súa brisa cálida e fecunda que celebramos e coa que se vai coloreando a humanidade das níveas e frías once damas, mesmo as aves aladas, que aceptan o baile ao ritmo da nova estación. As flores escollidas que se multiplican son tamén flores ventureiras e humildes: vermellas e intensas papoulas, leitarugas amarelas, tímidas violetas e xaras de pétalos brancos.

Carlota Santos invita á festa esquecendo as copas, as espadas e os bastos. Afástase dos ouros alleos á tradicional celebración. Ben feito! Xoguemos e dancemos con ela nesta primavera chea de maios, flores e amores.  


PROGRAMA DE ACTOS

ARROUPANDO A TRADICIÓN

29 de abril    

22,00 na Prazoleta de D. Pío CONCERTO DE PRIMAVERA:  Actuación de CAMAAÑO E  AMEIXEIRAS



 É un luxo que Caamaño e Ameixeiras visiten a nosa Festa do Maio que aceptasen ser a banda sonora desta primavera. Trátase dun grupo recoñecido internacionalmente que revolucionou a escena músical do folk galego destes últimos anos. As súas compoñentes Antía e Sabela son dúas instrumentistas excelentes transmiten  a maxia da música de raíz  cun poderoso vigor, unha sinxeleza e dozura  inusuais que farán inesquecible a todos os presentes o seu paso por Vilafranca do Bierzo.  Programamos este Concerto de Primavera contando coa colaboración do Concello de Vilafranca que vén apostando por fortalecer deste xeito cada ano esta festa tradicional, sinal vivo da nosa riqueza patrimonial.  


30 de abril

21,30 na Alameda  QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR A PRIMAVERA  

 




MAIO TRADICIONAL

1 de maio    

Foto de Robés

9,00  Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.

11,00  Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.

14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para cantarmos :

 Levántate maio, bastante durmiche

pasou un burro e non o sentiche.

 

Foto de Bernardo López Santamarina

A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.

 

Nota:  O cartel do maio é obra de Carlota Santos á quen lle agradecemos a súa xenial e xenerosa colaboración. 

 

No caso de que a chuvia nos visite o concerto se realizarán no Teatro Vilafranquino e a comida do día 1 no patio do Colexio da Divina Pastora.

 

 

Fotos de Bernardo López Santamarina

CUATRO CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA

1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.

 

  VESTIR UN MAIO UNHA GRAN RESPONSABILIDADE

- APRENDER A VESTIR UN MAIO:  Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. O que non é doado é manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.

 

 -SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible cos brazos e maos atadas ao corpo.  Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.

 

3º/  CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:  Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente,  cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dá algo ao maio, unha copla de agradecemento,  e se non dá nada,  botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.

 

4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:  Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios. Unha fórmula de agradecemento por traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens.  Lembrade  que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”


Na prensa:

sábado, 15 de abril de 2023

UN CARTEL DE CARLOTA SANTOS PARA A FESTA DO MAIO 2023

 

A ilustradora berciana Carlota Santos autora do cartel da Festa do Maio

 NIN COPAS, NIN ESPADAS, NIN BASTOS... MAIOS, FLORES E AMORES

                                                                                       O Fortuna velut Luna...

 A danza da vida, a que se agocha no calendario, atopámola sobre a mesa coma se fose unha carta do tarot arrastrando rotunda á sorte ante nós nunha data precisa, ritual, máxica. Doce maios anónimos, tantos coma meses do ano ou coma os doce números da baralla,  bailan ante os nosos ollos acompañados de once damas brancas enigmáticas e versallescas que se van contaxiando da maxia e coas cores e os amores que traen as flores. Lembran estas flores o vestido estampado da Flora que pintou Botticelli e outorgan un movemento hipnótico, etéreo e eterno á composición que nos anuncia este ano a Festa do Maio. Debemos e agradecemos de corazón esta nova mirada sobre a tradición á ilustradora berciana Carlota Santos.  Non hai muito sorprendíanos tamén coa inclusión do ancestral costume da comarca entre os seus deseños para a prestixiosa casa Heraclio Fournier, eses naipes tan demandados (20.000 exemplares).  Deste xeito certamente con este cartel pecha un círculo, din os xornalistas, eiquí en Vilafranca.

Danzan, pois, da mao de Carlota, os homes verdes arredor ou detrás dun burro gris, o inverno, que precede inevitablemente ao maio e resulta ser o antagonista nesta trama narrativa das coplas que se cantan e que se gardan para este día. O burro gris da invernía sometido, como contraste, carga vencido coas cañaveiras floridas e triunfadoras. Triunfa si, a Fortuna nesta danza que nos sorrí e que solicitamos cada primavera alegre, coa súa brisa cálida e fecunda que celebramos e coa que se vai coloreando a humanidade das níveas e frías once damas, mesmo as aves aladas, que aceptan o baile ao ritmo da nova estación. As flores escollidas que se multiplican son tamén flores ventureiras e humildes: vermellas e intensas papoulas, leitarugas amarelas, tímidas violetas e xaras de pétalos brancos.

Carlota Santos invita á festa esquecendo as copas, as espadas e os bastos. Afástase dos ouros alleos á tradicional celebración. Ben feito! Xoguemos e dancemos con ela nesta primavera chea de maios, flores e amores.  

Sobre o traballo das Cartas do Tarot de Carlota Santos

sábado, 11 de marzo de 2023

A 9 de marzo e coas casa natais ás voltas

 


PROGRAMA DE ACTOS

BREVE CRÓNICA DOS ACTOS DO DÏA DO GALEGO NO BIERZO 

Un ano máis celebramos o día 9 de marzo o Día do Galego no Bierzo, pero o mes de marzo traía a Vilafranca e ao Bierzo algúas outras sorpresas  sobre as que quixeramos deixar constancia porque tamén teñen que ver coa figura de Sarmiento directa ou indirectamente.


 

Casa natal de Martñin Sarmiento,
hoxe lamentablemente desaparecida
Foto de Xurxo Lobato.
                

A 9 de marzo e coas casas natais ás voltas.

                Como xa saben Martín Sarmiento e Enrique Gil naceron en Vilafranca do Bierzo. O primeiro un 9 de marzo de 1695 e o segundo un 15 de xullo de 1815.  Levábanse logo uns 120 anos.  Hai uns días, apenas iniciado o mes, ao primeiro homenaxeábano de novo en Galicia coa proposta de celebrar, coincidindo co seu natalicio, o Día do Naturalismo Galego, pois, entre os saberes dos que fixo gala, o noso erudito foi un recoñecido botánico. Sobre o segundo persoeiro, a semana pasada a Fundación que leva o seu nome anunciou a próxima recuperación da súa casa natal na vila do Burbia como sede da dita institución, ademais de centro cultural e de promoción turística xacobea, incluíndo no ecoproxecto un xardín romántico.  Finalmente a Comisión Cultural Martín Sarmiento celebra na súa honra cada 9 de marzo o Día do Galego no Bierzo, como acto principal das Xornadas que tamén levan o seu nome  (e van xa pola décimo quinta edición). Reúnen estas últimas anualmente a centos de escolares bercianos aprendices da lingua que o frade bieito escuitou por vez primeira na súa casa natal (hoxe derruída) á beira do Burbia.  Estas tres actividades son un signo máis que notable da dimensión e importancia que para o acerbo cultural propio xeran os nosos conveciños ilustres a día de hoxe.         

                É sabido tamén que Enrique e Pedro (ese era o nome de pía de Sarmiento), pecharon os ollos para sempre  e mui ao seu pesar lonxe da súa terriña. Enrique morreu en Berlín en febreiro do ano 1846.  Setenta e cuatro anos antes, en decembro do 1772 Sarmiento falecera na corte madrileña.  Logo do seu pasamento a fortuna das súas casas natais na súa vila está sendo dispar como o foi a dos restos mortais dos dous persoeiros. Namentres que os de Enrique repousan, despois de certos avatares e unha ventureira repatriación relativamente recente (1987) no templo de San Francisco da capital histórica da provincia berciana,  as cinzas do Pai das Letras Galegas, a pesar de que tamén recentemente se tentaron recuperar, as indagaciois feitas en tempos de Filgueira Valverde (anos 90 do pasado século) non tiveron éxito. Tampouco o tivo a arruinada casa natal de Pedro Joseph García Balboa, máis coñecido como Martín Sarmiento, vivenda que chegou a mercar a Xunta de Galicia en vida de Fraga Iribarne para a realización na mesma dun centro cultural e xacobeo moi semellante ao que agora se propón para a vivenda de Gil, agás que a figura central sería a do Padre Sarmiento e, iso si, sen xardín romántico (aínda que daquela propúñamos poñer en marcha un xardín botánico no municipio). Aquel proxecto entusiasta para os galegos e bercianos  foi frustrado polo presidente Lucas, o de Castilla y León, que non foi quen de desenvolver cunha inversión semellante á que fixera Galicia  para esta loable e necesaria iniciativa. Quedou así o ilustrado máis prestixioso da península á espera da posta en marcha dunha poderosa e xusta ferramenta para perpetuar a súa inmensa e polifacética obra. Mais tamén quedaron vilafranquinos e bercianos burlados e mesmo descorazoados ao ver dilatarse sine die as obras pendentes naquela casa natal de Sarmiento, sita na brasonada e concorrida Rúa da Auga que, para máis inri, vendo pouco despois como se derrubaba por iniciativa da administración local ao ameazar ruína outro edificio contiguo. Quizais iso é o que aquel humilde frade, que fuxía do ouropel e todo tipo de luxo, desexaría se vivise e que o mesmo destino ratificou. Pero para calquera persoa consciente da valía e da urxencia de proxectos de semellante envergadura  para mellora da nosa vila, aquela falta de concreción, aquel acordo asinado e incumprido e sen resolver aínda a día de hoxe, resulta a todas luces un verdadeiro escándalo. 

Alegrámonos, como non,  que outra figura tamén vilafranquina estea agora a punto de iniciar un proxecto esperanzador que segue sendo esencial para o desenvolvemento das infraestruturas culturais que precisa unha localidade das características de Vilafranca. Pero á vez de aplaudir a rehabilitación dunha casa emblemática como a de Enrique Gil non podemos resistirnos a sinalar o contraste evidente do tratamento de ambas casas que distan uns douscentos metros unha da outra, rexeitando, claro está, establecer calquera tipo de comparativa dos nosos persoeiros ilustres agora curiosamente “enfrontados” por estas circunstancias.  Toca mirar cara adiante e sabendo que a pelota está no tellado dos políticos e gobernantes que con maior ou menor criterio establecen prioridades e orzamentos sen pensar nas xentes da pé que sufrimos as súas arbitrariedades.  Remitimos, en todo caso,  inocentemente desde esta humilde columna unha simple solicitude para que se inicien cuanto antes para credibilidade do proxecto os traballos de restauración da Casa de Enrique Gil e, xa de paso volvemos a enviar unha vella reivindicación a quen corresponda e se dea por aludido para que lle dean curso de xeito satisfactorio e positivo ao proxecto xa elaborado de reconstrución da casa natal doutro ilustre veciño, Martín Sarmiento, cumprindo algo acordado e asinado hai 21 anos.  Que vexamos a palabra dos nosos políticos feita realidá!    

          Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.

Artigo no Bierzodiario