sábado, 11 de marzo de 2023

A 9 de marzo e coas casa natais ás voltas

 


PROGRAMA DE ACTOS

BREVE CRÓNICA DOS ACTOS DO DÏA DO GALEGO NO BIERZO 

Un ano máis celebramos o día 9 de marzo o Día do Galego no Bierzo, pero o mes de marzo traía a Vilafranca e ao Bierzo algúas outras sorpresas  sobre as que quixeramos deixar constancia porque tamén teñen que ver coa figura de Sarmiento directa ou indirectamente.


 

Casa natal de Martñin Sarmiento,
hoxe lamentablemente desaparecida
Foto de Xurxo Lobato.
                

A 9 de marzo e coas casas natais ás voltas.

                Como xa saben Martín Sarmiento e Enrique Gil naceron en Vilafranca do Bierzo. O primeiro un 9 de marzo de 1695 e o segundo un 15 de xullo de 1815.  Levábanse logo uns 120 anos.  Hai uns días, apenas iniciado o mes, ao primeiro homenaxeábano de novo en Galicia coa proposta de celebrar, coincidindo co seu natalicio, o Día do Naturalismo Galego, pois, entre os saberes dos que fixo gala, o noso erudito foi un recoñecido botánico. Sobre o segundo persoeiro, a semana pasada a Fundación que leva o seu nome anunciou a próxima recuperación da súa casa natal na vila do Burbia como sede da dita institución, ademais de centro cultural e de promoción turística xacobea, incluíndo no ecoproxecto un xardín romántico.  Finalmente a Comisión Cultural Martín Sarmiento celebra na súa honra cada 9 de marzo o Día do Galego no Bierzo, como acto principal das Xornadas que tamén levan o seu nome  (e van xa pola décimo quinta edición). Reúnen estas últimas anualmente a centos de escolares bercianos aprendices da lingua que o frade bieito escuitou por vez primeira na súa casa natal (hoxe derruída) á beira do Burbia.  Estas tres actividades son un signo máis que notable da dimensión e importancia que para o acerbo cultural propio xeran os nosos conveciños ilustres a día de hoxe.         

                É sabido tamén que Enrique e Pedro (ese era o nome de pía de Sarmiento), pecharon os ollos para sempre  e mui ao seu pesar lonxe da súa terriña. Enrique morreu en Berlín en febreiro do ano 1846.  Setenta e cuatro anos antes, en decembro do 1772 Sarmiento falecera na corte madrileña.  Logo do seu pasamento a fortuna das súas casas natais na súa vila está sendo dispar como o foi a dos restos mortais dos dous persoeiros. Namentres que os de Enrique repousan, despois de certos avatares e unha ventureira repatriación relativamente recente (1987) no templo de San Francisco da capital histórica da provincia berciana,  as cinzas do Pai das Letras Galegas, a pesar de que tamén recentemente se tentaron recuperar, as indagaciois feitas en tempos de Filgueira Valverde (anos 90 do pasado século) non tiveron éxito. Tampouco o tivo a arruinada casa natal de Pedro Joseph García Balboa, máis coñecido como Martín Sarmiento, vivenda que chegou a mercar a Xunta de Galicia en vida de Fraga Iribarne para a realización na mesma dun centro cultural e xacobeo moi semellante ao que agora se propón para a vivenda de Gil, agás que a figura central sería a do Padre Sarmiento e, iso si, sen xardín romántico (aínda que daquela propúñamos poñer en marcha un xardín botánico no municipio). Aquel proxecto entusiasta para os galegos e bercianos  foi frustrado polo presidente Lucas, o de Castilla y León, que non foi quen de desenvolver cunha inversión semellante á que fixera Galicia  para esta loable e necesaria iniciativa. Quedou así o ilustrado máis prestixioso da península á espera da posta en marcha dunha poderosa e xusta ferramenta para perpetuar a súa inmensa e polifacética obra. Mais tamén quedaron vilafranquinos e bercianos burlados e mesmo descorazoados ao ver dilatarse sine die as obras pendentes naquela casa natal de Sarmiento, sita na brasonada e concorrida Rúa da Auga que, para máis inri, vendo pouco despois como se derrubaba por iniciativa da administración local ao ameazar ruína outro edificio contiguo. Quizais iso é o que aquel humilde frade, que fuxía do ouropel e todo tipo de luxo, desexaría se vivise e que o mesmo destino ratificou. Pero para calquera persoa consciente da valía e da urxencia de proxectos de semellante envergadura  para mellora da nosa vila, aquela falta de concreción, aquel acordo asinado e incumprido e sen resolver aínda a día de hoxe, resulta a todas luces un verdadeiro escándalo. 

Alegrámonos, como non,  que outra figura tamén vilafranquina estea agora a punto de iniciar un proxecto esperanzador que segue sendo esencial para o desenvolvemento das infraestruturas culturais que precisa unha localidade das características de Vilafranca. Pero á vez de aplaudir a rehabilitación dunha casa emblemática como a de Enrique Gil non podemos resistirnos a sinalar o contraste evidente do tratamento de ambas casas que distan uns douscentos metros unha da outra, rexeitando, claro está, establecer calquera tipo de comparativa dos nosos persoeiros ilustres agora curiosamente “enfrontados” por estas circunstancias.  Toca mirar cara adiante e sabendo que a pelota está no tellado dos políticos e gobernantes que con maior ou menor criterio establecen prioridades e orzamentos sen pensar nas xentes da pé que sufrimos as súas arbitrariedades.  Remitimos, en todo caso,  inocentemente desde esta humilde columna unha simple solicitude para que se inicien cuanto antes para credibilidade do proxecto os traballos de restauración da Casa de Enrique Gil e, xa de paso volvemos a enviar unha vella reivindicación a quen corresponda e se dea por aludido para que lle dean curso de xeito satisfactorio e positivo ao proxecto xa elaborado de reconstrución da casa natal doutro ilustre veciño, Martín Sarmiento, cumprindo algo acordado e asinado hai 21 anos.  Que vexamos a palabra dos nosos políticos feita realidá!    

          Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.

Artigo no Bierzodiario