domingo, 23 de abril de 2023

PROGRAMA DA FESTA DO MAIO 2023

 

A ilustradora berciana Carlota Santos autora do cartel da Festa do Maio

 NIN COPAS, NIN ESPADAS, NIN BASTOS... MAIOS, FLORES E AMORES

                                                                                       O Fortuna velut Luna...

 A danza da vida, a que se agocha no calendario, atopámola sobre a mesa coma se fose unha carta do tarot arrastrando rotunda á sorte ante nós nunha data precisa, ritual, máxica. Doce maios anónimos, tantos coma meses do ano ou coma os doce números da baralla,  bailan ante os nosos ollos acompañados de once damas brancas enigmáticas e versallescas que se van contaxiando da maxia e coas cores e os amores que traen as flores. Lembran estas flores o vestido estampado da Flora que pintou Botticelli e outorgan un movemento hipnótico, etéreo e eterno á composición que nos anuncia este ano a Festa do Maio. Debemos e agradecemos de corazón esta nova mirada sobre a tradición á ilustradora berciana Carlota Santos.  Non hai muito sorprendíanos tamén coa inclusión do ancestral costume da comarca entre os seus deseños para a prestixiosa casa Heraclio Fournier, eses naipes tan demandados (20.000 exemplares).  Deste xeito certamente con este cartel pecha un círculo, din os xornalistas, eiquí en Vilafranca.

Danzan, pois, da mao de Carlota, os homes verdes arredor ou detrás dun burro gris, o inverno, que precede inevitablemente ao maio e resulta ser o antagonista nesta trama narrativa das coplas que se cantan e que se gardan para este día. O burro gris da invernía sometido, como contraste, carga vencido coas cañaveiras floridas e triunfadoras. Triunfa si, a Fortuna nesta danza que nos sorrí e que solicitamos cada primavera alegre, coa súa brisa cálida e fecunda que celebramos e coa que se vai coloreando a humanidade das níveas e frías once damas, mesmo as aves aladas, que aceptan o baile ao ritmo da nova estación. As flores escollidas que se multiplican son tamén flores ventureiras e humildes: vermellas e intensas papoulas, leitarugas amarelas, tímidas violetas e xaras de pétalos brancos.

Carlota Santos invita á festa esquecendo as copas, as espadas e os bastos. Afástase dos ouros alleos á tradicional celebración. Ben feito! Xoguemos e dancemos con ela nesta primavera chea de maios, flores e amores.  


PROGRAMA DE ACTOS

ARROUPANDO A TRADICIÓN

29 de abril    

22,00 na Prazoleta de D. Pío CONCERTO DE PRIMAVERA:  Actuación de CAMAAÑO E  AMEIXEIRAS



 É un luxo que Caamaño e Ameixeiras visiten a nosa Festa do Maio que aceptasen ser a banda sonora desta primavera. Trátase dun grupo recoñecido internacionalmente que revolucionou a escena músical do folk galego destes últimos anos. As súas compoñentes Antía e Sabela son dúas instrumentistas excelentes transmiten  a maxia da música de raíz  cun poderoso vigor, unha sinxeleza e dozura  inusuais que farán inesquecible a todos os presentes o seu paso por Vilafranca do Bierzo.  Programamos este Concerto de Primavera contando coa colaboración do Concello de Vilafranca que vén apostando por fortalecer deste xeito cada ano esta festa tradicional, sinal vivo da nosa riqueza patrimonial.  


30 de abril

21,30 na Alameda  QUEIMA DO BURRO DO INVERNO PARA RECIBIR A PRIMAVERA  

 




MAIO TRADICIONAL

1 de maio    

Foto de Robés

9,00  Saída a cortar as cañaveiras polos arredores da vila. Logo comezan a vestirse os maios nos lugares habituais: Campo da Galiña, As Veigas Altas, Socubo e A Cábila.

11,00  Percorrido polos barrios e prazas da vila pedindo castañas maias aos peis dos balcois, de porta en porta cantando e deitando aos maios ao son das coplas tradicionais e a antiga melodía que acompaña aos nosos maios.

14,00 Todos os grupos xúntanse na Praza Maior para cantarmos :

 Levántate maio, bastante durmiche

pasou un burro e non o sentiche.

 

Foto de Bernardo López Santamarina

A continuación comida campestre de todos os participantes no Campairo. Como xa vén sendo norma co compromiso de redución do uso de todo tipo de plásticos.

 

Nota:  O cartel do maio é obra de Carlota Santos á quen lle agradecemos a súa xenial e xenerosa colaboración. 

 

No caso de que a chuvia nos visite o concerto se realizarán no Teatro Vilafranquino e a comida do día 1 no patio do Colexio da Divina Pastora.

 

 

Fotos de Bernardo López Santamarina

CUATRO CONSELLOS PARA MANTER A NOSA TRADICIÓN VIVA

1º/ IR CORTAR AS CAÑAVEIRAS PARA O TEU GRUPO DE MAIO: A festa realmente comeza coa corta das cañaveiras, cada barrio prepara de principio a fin o seu maio. Así se fixo sempre, logo teremos que traballar para que así se siga facendo. Se pensas participar queda cos teus amigos/as para ir cortar as cañaveiras, as flores e outros adornos vexetais e poder montar logo o teu maio.

 

  VESTIR UN MAIO UNHA GRAN RESPONSABILIDADE

- APRENDER A VESTIR UN MAIO:  Vestir un maio non é fácil, pero tampouco é difícil. O que non é doado é manterse o máis quedo posible, a pesar de estar atado para non desarmar o vestido de cañaveiras. Unha das claves é que as persoas que se vistan teñan presente que se van converter en árbores andantes. Terán que cubrirse por completo coas cañaveiras e para que non se caian ao andar haberá que atalas con corda e con xeito ao corpo de quen se viste.

 

 -SE TE VAS VESTIR TU, LEMBRA QUE O MELLOR MAIO É O QUE NON SE SABE QUEN VAI DENTRO: As persoas que se visten deberán permanecer o máis ríxidas posible cos brazos e maos atadas ao corpo.  Dos xeonllos abaixo irán libres para poder andar a pequenos pasiños. Unha das cousas máis importantes para respectar o espírito ancestral da festa é que quen se vista de maio non sexa recoñecido por ninguén, logo debe ir ben cuberto o seu rostro como se fose unha máscara, só debe levar os ollos libres para ver por onde camiña.

 

3º/  CANTAR POLAS RÚAS A CANCIÓN PEDINDO CASTAÑAS A CALQUERA VECÍN:  Os maios chegan a todas as casas de Vilafranca e cada vecín ou veciña da vila espera participar da festa, logo hai que pararse a pedir as castañas en cada casa na que vexamos xente,  cantar o “Tire castañas, señora María…” e logo se dá algo ao maio, unha copla de agradecemento,  e se non dá nada,  botar unha do estilo: “Estas portas son de lousa onde vive unha roñosa”.

 

4º/ PARTICIPAR DA FESTA TAMÉN É BOTAR AS CASTAÑAS DENDE OS BALCOIS:  Non só cantando, tamén é importante botar as castañas ou darlle algún diñeiro aos maios. Unha fórmula de agradecemento por traer a alegría da Primavera, da Natureza e todos os seus bens.  Lembrade  que: “Se non comes castañas o primeiro de maio, darache o desmaio”


Na prensa:

sábado, 15 de abril de 2023

UN CARTEL DE CARLOTA SANTOS PARA A FESTA DO MAIO 2023

 

A ilustradora berciana Carlota Santos autora do cartel da Festa do Maio

 NIN COPAS, NIN ESPADAS, NIN BASTOS... MAIOS, FLORES E AMORES

                                                                                       O Fortuna velut Luna...

 A danza da vida, a que se agocha no calendario, atopámola sobre a mesa coma se fose unha carta do tarot arrastrando rotunda á sorte ante nós nunha data precisa, ritual, máxica. Doce maios anónimos, tantos coma meses do ano ou coma os doce números da baralla,  bailan ante os nosos ollos acompañados de once damas brancas enigmáticas e versallescas que se van contaxiando da maxia e coas cores e os amores que traen as flores. Lembran estas flores o vestido estampado da Flora que pintou Botticelli e outorgan un movemento hipnótico, etéreo e eterno á composición que nos anuncia este ano a Festa do Maio. Debemos e agradecemos de corazón esta nova mirada sobre a tradición á ilustradora berciana Carlota Santos.  Non hai muito sorprendíanos tamén coa inclusión do ancestral costume da comarca entre os seus deseños para a prestixiosa casa Heraclio Fournier, eses naipes tan demandados (20.000 exemplares).  Deste xeito certamente con este cartel pecha un círculo, din os xornalistas, eiquí en Vilafranca.

Danzan, pois, da mao de Carlota, os homes verdes arredor ou detrás dun burro gris, o inverno, que precede inevitablemente ao maio e resulta ser o antagonista nesta trama narrativa das coplas que se cantan e que se gardan para este día. O burro gris da invernía sometido, como contraste, carga vencido coas cañaveiras floridas e triunfadoras. Triunfa si, a Fortuna nesta danza que nos sorrí e que solicitamos cada primavera alegre, coa súa brisa cálida e fecunda que celebramos e coa que se vai coloreando a humanidade das níveas e frías once damas, mesmo as aves aladas, que aceptan o baile ao ritmo da nova estación. As flores escollidas que se multiplican son tamén flores ventureiras e humildes: vermellas e intensas papoulas, leitarugas amarelas, tímidas violetas e xaras de pétalos brancos.

Carlota Santos invita á festa esquecendo as copas, as espadas e os bastos. Afástase dos ouros alleos á tradicional celebración. Ben feito! Xoguemos e dancemos con ela nesta primavera chea de maios, flores e amores.  

Sobre o traballo das Cartas do Tarot de Carlota Santos