DA VANGARDA Á SALVAGARDA: 2001-2021
A ESCOLA DE GAITAS NOS PRIMEIROS 20 ANOS DO
NOVO MILENIO
En artigos
anteriores abordabamos o nacemento e as dúas primeiras décadas da Escola de
Gaitas. Foron os precedentes que nos permiten hoxe repasar nunha rápida enunciación
corenta fitos que encheron as dúas últimas décadas que nos achegan ao presente.
Deixáramos o relato no noso XX aniversario no 2001 tras xustificar como
chegamos a ser vangarda da defensa da lingua e da cultura tradicional no Bierzo.
Cremos que estoutra etapa podémola denominar a da salvagarda porque é o
concepto que mellor sintetiza o noso humilde aporte. 40 feitos que se sosteñen en cuatro puntos de
apoio básicos para comprender os motores que nos moven da Gaita ao Galego, da
Tradición ao compromiso coa Terra: Música, fala, cultura e natureza son cuatro
sinais que nos confiren identidade. Nacemos coa Festa co propósito de descubrir
a Identidade, sentíndonos herdeiros dun tempo gris ao que se quere poñer fin,
referentes da diversidade e alternativa contracultural que aspira a abrir un
futuro de esperanzas propias para un novo milenio. Unha Escola de Gaitas que se recoñece na música dos vellos
gaiteiros e que gusta da Música Celta, pero consciente do seu labor rexeita as
bandas de gaitas con percusión escocesa para reivindicar a figura dos gaiteiros
tradicionais. Ser baluarte á vez da fala dos avós e de autores da Terra como
Morales, De Llano, González-Alegre ou Mestre.
Defender o patrimonio á vez que se radicalizar e alimentar un discurso
en positivo ante as agresiois contra Natura ao mundo rural e ao medio que poñen
en perigo ao noso Bierzo. Muitas eran as ideas que nos rondaron para celebrar o
noso XL aniversario este 28 de decembro, entre outras unha mui desexada, un
acto en memoria de Cristina Fernández
Álvarez coa que queriamos desde hai tempo rencontrarnos en grupo con
ela, pero a maldita Pandemia fixo imposible a súa concreción para esta data,
deixándoa polo de agora no noso amplo catálogo de ideas pendentes. Comecemos
logo a anunciada enumeración seguindo un criterio cronolóxico.
40
fitos que destacamos para un XL aniversario:
No ano 2002 comeza a impartirse o galego nos centros escolares do Bierzo, foi o ano que a Real Academia escolleu para celebrar o Día das Letras na honra dun ilustre veciño noso. Desde o primeiro momento en que o soubemos capitaneamos a reivindicación da nosa vila de compartir con Pontevedra unha homenaxe ao Padre Sarmiento. Esta demanda precisou da creación dunha plataforma de traballo, a Comisión Cultural Martín Sarmiento que elaborou un programa e un proxecto específico que a propia Escola se encargou de poñer en marcha e de consolidar. Esta Comisión xestionaría as actividades e todo un programa de actos para aquel mes de maio. Mais como veredes, a cousa non quedou aí. Destacamos tan só un par de iniciativas: Unha proposta que non chegou a desenvolverse, a da creación da Aula da Natureza Martín Sarmiento que contaba co apoio do Colexio Público San Lorenzo de Brindis, pero que o goberno municipal de Agustín García non quixo ou non soubo dinamizar e, outra con maior fortuna como foi a creación da nosa páxina web Bierzo Cultura.org que naceu un 17 de maio de 2002, que se mantería activa como tal ata o 2015, ano no que a transformaríamos, na procura dunha alternativa máis áxil, no blog actualmente activo que leva o mesmo nome. A primeira ventá coa que se asoma a Escola ao mundo nas redes sociais. Precisamente o 19 de maio do 2002 a Fundación da Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón outorgounos o Pergamiño de Honra polo noso labor pola defensa do galego no Bierzo que recollería e agradecería no nome da Escola ante as autoridades políticas e literarias de Galicia cunhas emotivas palabras Marisa Cela.
Este mesmo ano a Academia Galega vai escoller como membro correspondente a un dos fundadores da Escola, Héctor
Silveiro. Ademais dun recoñecemento consolida a nosa asociación como referente
do labor a prol da lingua galega no Bierzo para ao que acudimos a Coruña coas
gaitas ao lombo.
Unha empresa máis completa e máis
transcendente procuramos no 2005 cuando incluímos a Vilafranca e a nosa Festa
do Maio na Candidatura do Patrimonio
Inmaterial Galaico-Portugués á Unesco do Bierzo e as Portelas,
familiarizándonos co traballo da cultura inmaterial e a etnografía participando
do proxecto RONSEL. Daquela volveu a
viaxar a nosa Festa do Maio a un encontro
en Melgaço (Portugal). Como xa
fixeramos outros anos xacobeos, tocamos
o día 31 de decembro con motivo da apertura da Porta do Perdón na Igrexa de
Santiago de Vilafranca.
O ano 2006 foi o ano do XXV aniversario serviu de punto de inflexión para renovar logos e compromisos coa nosa
traxectoria. Celebrámolo cun Festival na
Praza Maior que pechou as Festas do
Cristo no que ademais da actuación da Escola de Gaitas estivo unha vez máis con
nós Treixadura, desta volta co seu Orfeón ao completo. Tamén estreamos unhas
camisolas ben chulas deseñadas por Caramuxo.
Algo que caracteriza e nos gusta na Escola é
compartir. No 2007 lembremos, por
exemplo, unha colaboración cos
amigos da Morteira para armar unha andaina e un magosto memorables en Vilafranca.
Esta Asociación para a
defensa da Natureza que nacera no 2005, xa se implicara na Exposición de apoio
á Candidatura á Unesco e ao longo destes anos serán constantes as experiencias
coas que vimos colaborando estreitamente con eles, un compromiso ecocultural que
estará xa sempre presente nas nosas actividades e propostas. Por outro lado, sobre
a Lingua galega no Bierzo cooperamos
nese mesmo outono coa IIª Escola Fermín Penzol da Universidade de Vigo que
de xeito rotatorio iría celebrándose polos territorios galego-falantes en
comunidades situadas fóra da Galicia administrativa. Xenerosa e sorprendente actuación musical de
Marisa Cela no Teatro de Vilafranca, un dese momentiños na vida que nos
reconfortan e reconcilian co noso pasado ao ser transmisores fieis do herdado.
Magosto 2007 |
No ano 2008 demos á luz a edición dun DVD sobre os maios de Vilafranca un labor que acompaña e reforza a nosa acción de salvagarda, argumentando, asentando e documentando a nosa práctica eficaz arredor do calendario festivo tradicional. Recóllense nel distintas gravaciois do ano 1991 (unha delas, o documental de Benxamín Vázquez que xa editaramos en vídeo no ano 93) ademais do programa da CRTVG Alalá nº52 que fora gravado nas rúas da vila no ano 2007 no que podemos apreciar a evolución e a consolidación dun traballo de décadas.
E chegaron logo tres novos recoñecementos consecutivos. O primeiro o Premio Xarmenta ao noso labor no terreo da lingua e
da cultura tradicional que a Asociación nos outorgou nun contexto no que o
proceso gradual e lento de dignificación da nosa
fala gañaba terreo paseniño. Confirmaba particularmente para a Escola que a
nosa andaina nos distinguía como algo máis que gaiteiros, cousa xa de por si non
pouco importante. O segundo oficializado
no ano 2009 sería para a Festa do Maio, a
primeira festa do Bierzo en recibir a catalogación de Ben de Interese Turístico
Provincial. Por certo, a nosa relación cos munícipes e a sensibilidade
destes mudara ao cambiar a alcaldía a maos de Vicente Cela, equipo no que
estaba Conchi López. Esta declaración institucional converteuse nunha aposta
compartida, lograda e celebrada conxuntamente co goberno municipal. Xa no ano 2010 cuando recalou a 5ª Escola Fermín Penzol no Bierzo, viría o terceiro recoñecemento a Marisa Cela, Premio á Dignificación da
Lingua.
En materia de
investigación e coa vista posta nun aniversario, a finais do ano 2010 chegaría as
librarías o primeiro libro do noso selo
editorial Bierzo Tradicional titulado: Palillos
de Madeira. Os Xigantes de Vilafranca do Bierzo. Un traballo de
investigación e documentación de Héctor Silveiro sobre outra das múltiples caras
do noso Patrimonio Cultural Inmaterial que a Escola de Gaitas se comprometeu en
revitalizar de xeito particular. De feito ese era o primeiro paso para botar a andar un evento aínda de maior envergadura
para o ano 2011: O 150 aniversario dos
nosos xigantes centenarios, os xigantes máis antigos que se conservan no Bierzo.
Foi este ano un
deses que veñen cargados de celebraciois sinaladas que tivemos ben presentes, pois
non deixamos de participar e divulgar
outro 150 aniversario, o da publicación dos Ensayos
poéticos en dialecto berciano de Antonio Fernández Morales para o que, entre outras
cousas, realizamos un espectáculo parateatral e un número especial do nosa
revista interna O Correo da Escola. Con tantos eventos nin nos decatamos de que o
noso XXX aniversario quedara solapado e sen celebrar.
No ano
2012 aportamos á gravación colectiva Farrapos, furacos y foles Gaiteiros de las comarcas leonesas dous temas produto do noso traballo de
recolleita de música tradicional no Bierzo. E xa no mes de febreiro de 2013,
antes de que saíse editado o CD citado, gravamos
un vídeo cunha alborada para participar na homenaxe a Rosalía de Castro que a
Asociación de Gaiteiros Galegos promovía a través das redes sociais.
As circunstancias da vida fixeron do 2013 un
ano lutuoso e triste, moi triste, para a Escola de Gaitas. Perdemos a nosa compañeira gaiteira Cristina Fernández Álvarez, un
dos nosos puntais máis destacados que, aínda que non gustaba facerse notar,
provocou coa súa temperá morte un pesar e un baleiro enorme do que nunca nos daremos
recuperado, a pesar de que ela nos deixou
clara antes de partir esta encomenda: seguide rindo e festexando. Debémoslle muito no traballo de
revitalización das tradiciois como da súa divulgación, a través do
papel cos seus maxistrais carteis de maio (por
iso reditamos un cartel de maio da súa autoría na súa memoria) ou ben en
formatos dixitais coas novas tecnoloxías. Grazas
a ela a Escola de Gaitas está tamén en facebook.
O ano 2014 levamos a Canción do Maio de Vilafranca ao
programa Luar da TVG á vez
que elaboramos materiais didácticos en
colaboración coa Morteira aos que se sumou singularmente a Asociación Burval
(xestora Museo dos Paúis), ademais de
entidades como a Real Academia Galega, o Consello Comarcal, a Xunta de Galicia
e a Junta de Castilla y León para consolidar na súa VI edición as Xornadas
Martín Sarmiento. Clausuramos ese ano co
Itinerario da mao de Sarmiento os denominados ata entón Intercambios Escolares para
abrir unha nova etapa en ediciois posteriores celebrando a partir do 2015 todos os 9 de marzo o Día do Galego nos
centros escolares do Bierzo, coincidindo coa data de nacemento do pai das
Letras Galegas en Vilafranca.
No 2016 o 30 de abril queimamos por vez primeira o Burro do Inverno para recuperar no mes
de decembro aquelas ceas do 28 de decembro
con música coincidindo nesta ocasión co XXXV aniversario da Escola.
No ano seguinte acudimos
ao cemiterio de Cacabelos a estrear nun acto solemne ante a tumba de Fernández
Morales unha das tres pezas compostas para a ocasión, a Clausura do Bicentenario
do nacemento (1817-2017) deste cantor do galego do Bierzo a partir dos seus
versos.
O ano 2018 sorprendeunos con outro recoñecemento mui especial ao escollernos o goberno municipal de Vilafranca como pregoeiros das Festas Patronais do Cristo que nos permitiu agradecer aos vilafranquinos seguir facendo posible unha recuperación patrimonial coa que soñamos.
Iniciamos unha viaxe ligada a lingua galega e á súa literatura contemporánea, puxemos voz a varios dos textos do primeiro libro en galego de Juan Carlos Mestre 200 gramos de patacas tristes na esperadísma presentación no teatro de Vilafranca un 12 de outubro de 2019 para proseguir no mes de marzo do 2020 coa conmemoración do centenario de Ramón González-Alegre con motivo das Xornadas Martín Sarmiento na nosa vila e nese mesmo mes na Casa de Rosalía en Padrón desta volta coas gaitas na Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín.
Lembremos ademais que, agás estes dous últimos anos de pandemia nos que estivo limitada a nosa posibilidade de tocar nos eventos habituais, neste período de 20 anos tivemos unha intensa actividade musical da Escola como gaiteiros que foi regular e continuada en festividades locais como Sto. Tirso ou as Festas do Cristo. Actuamos igualmente tanto en innumerables saídas contratadas na contorna como eventos do estilo dos magostos municipais entre os que nos resulta grato lembrar unha recente e mui significativa: a actuación da Escola no Bicentenario da Provincia de Vilafranca (1821-2021).
Quixeramos, ao
achegarnos ao final desta longa listaxe, subliñar a nosa vinculación especial
coa Festa do Maio xa que sobre os maios
de Vilafranca no mes de xuño presentamos un proxecto BIC (Ben de Interés
Cultural) ante a Junta de Castilla y León a través do Concello e coa axuda
da Asociación Cultura 54.
Tampouco esquecemos as distintas mobilizaciois
sociais coas que nos comprometemos recentemente as lideradas por Bierzo Aire
Limpo contra a incineración nas antigas cementeiras e, como non, as que se
están realizando nestes momentos contra os macroproxectos eólicos que se quereninstalar no Bierzo e no resto do Noroeste peninsular.
Digamos finalmente
que neste ano do XL aniversario participamos con gran interese nas 1ª
Xornadas sobre Patrimonio Cultural Inmaterial do Bierzo organizadas polo IEB
que tiveron lugar en Vilafranca do Bierzo nas que ademais de explicar o valor da
revitalización e a transmisión da Festa do Maio como referente do noso
calendario festivo tradicional quixemos rematar a nosa exposición colocando
enriba da mesa unha nova iniciativa: Invitamos a todas entidades presentes a
poñer en marcha conxuntamente unha proposta coherente coa nosa traxectoria ligada
á salvagarda patrimonial que teña como meta a elaboración dun Inventario do PCI
de Vilafranca e un Centro Vivo das Tradiciois esencial tanto para a
documentación como para a dinamización
dos bens patrimoniais lonxe de convertelos en produtos museísticos inertes, tal
e como quedou recollido nas conclusiois destas Xornadas e que esperamos poder
ir concretando sen demora ao longo do próximo 2022.
Ningún comentario:
Publicar un comentario