mércores, 19 de agosto de 2015

XIGANTES

OS XIGANTES E CABEZUDOS DE VILAFRANCA DO BIERZO

O que acontece nos días 13 e 14 de septembro en Vilafranca do Bierzo arredor das súas festas patronais e dos seus tan populares xigantes e cabezudos, constitúe todo un exemplo do forza e o atractivo que leva consigo unha tradición vistosa e ben coidada. Hoxe en día os xigantes e cabezudos son algo esencial na festa, sen eles non se conciben as festas do Cristo. Algo así ocorrería nun principio, cando se introduciron por primeira vez, anque os xigantes non deixaban de ser daquela un entre outros muitos espectáculos e atracciois que conformaban esta festa que se vén celebrando desde o século pasado, pois anteriormente o patrón de Vilafranca era San Sebastián. Pero debemos preguntarnos o por qué da introducción dos xigantes nas festas, o seu sentido orixinario e a evolución que sufríu para poder valorar a súa vez o que hoxe é este costume.
Aínda que os xigantes e xigantiños estean relacionados inicialmente con festividades como a do Corpus, arredor da cal esta tradición de acompañar os cortexos relixiosos precedidos de xigantes que representan a sumisión do mal (con este carácter seguramente tamén o fan os nosos xigantes na procesión do Cristo), se estende por Europa, o certo é que a partires dos anos 70 do século pasado se popularizan saíndo un tanto da órbita do sacro e facéndose máis profano o baile de xigantes coincidindo co auxe dos movementos liberais e progresistas que se espallan polo xeografía española.
Outramente foron un xeito de amosar certa ostentación económica xa que este tipo de cortexos representaban un custe gravoso para a comisión, confradía ou concello que os sostiña (portadores, músicos, arranxos ou compras de novos xigantes e dos seus aditamentos, etc.) Nestas datas á calor da Festa do Cristo nacerá pois esta tradición en Vilafranca. Antes delas, se ben toda vila importante se facía cunha parella de xigantois (home-muller) que actuaban dentro do ámbito dunha procesión ou evento relixioso, polas referencias que temos non debeu existir este costume na nosa vila. Ademáis desde o reinado de Carlos III se prohibira mediante Real Cédula este tipo de pampónigas, pero isto non as fixo desaparecer, en muitos lugares nunca se chegaron a perder. En Vilafranca os xigantes máis vellos, o Cid e Doña Jimena, máis coñecida polos veciños polo nome de Doña Inés, datan de mediados do século pasado, realizados por D. Gonzalo Magdalena. Neles queda misturada a orixinalidade da feitura e unha certa moda romántica, por unha banda, coa copia do esquema das parellas e o gusto existente de vello nos xigantes de corte ben distinto, mesmo na longura, das grandes cidades que aínda conservan estes personaxes medievais á hora de confeccionar este tipo de comparsas.
Tardarían un tempo en facer aparición outra nova parella, Don Quijote e Doña Dulcinea, de corte popular, pero de confección industrial o que provoca a aparición de xigantes semellantes ou idénticos noutras localidades (en Redondela, na provincia de Pontevedra consérvase a tradición dos xigantes entre os que antigamente figuraba unha cabeza como a da Dulcinea de Vilafranca, isto faise máis evidente nos cabezudos que respostan en muitos casos a modas relativamente recentes : a parella do Gordo e o Fraco existen como en Vilafranca na Póboa do Caramiñal no litoral galego onde tiveron de sempre forte arraigo este tipo de manifestaciois). Logo fixo aparición Sancho Panza. Aos dous cabezudos iniciais engadiráselles pouco a pouco toda unha alegre familia que ía abrindo o cortexo -costume hoxe xa perdido- coas súas varas e vexegas, que non dubidaban en utilizar a diestro e siniestro como acicate para que os veciños e visitantes soltasen os cartos que pedían para os portadores dos xigantes e o cortexo en xeral. O volteo das campás de S. Nicolás na véspera do día grande, era o inicio dunha ronda que xigantes e cabezudos realizaban por todos os barrios ao son dunha danza, sempre a mesma, interpretada por un gaiteiro acompañado de tambor e bombo. Esta peza que hoxe ten un ritmo de pasodobre, ritmo que fixo furor a comezos do presente século, ou ben foi adaptada doutra melodía de ritmo semellante máis vella, ou ben foi creada nesas datas e con este fin polo pai de José Fernández (Pepe "Pincha"). O dos "Pinchas" foi o grupo de gaiteiros que acompañou aos xigantes máis longo tempo. Nas últimas xeraciois foi Isidro Álvarez o músico que os acompañaba e quen introducíu certas variantes na melodía orixinaria que hoxe xa soan como tradicionais.
Tamén nas últimas décadas se deron certas novidades como a creación do sexto xigante, o Mouro, dun antigo cabezudo, e de adaptarlles un pequeno corpo e mesmo maos aos cabezudos, convertidos en pequenos xigantiños, ademáis dunha coidada restauración dos xigantes que levou a cabo o coñecido pintor Noberto Beberide, unha das persoas que durante varias xeraciois coidou e impulsou esta tradición. Por último o volteo das campás estivo durante unha parte da década do 80-90 perdido. Foi recuperado pola presión dos veciños que sentían que formaba parte da vistosidade e harmonía da festa . Efectivamente o son do volteo co que dá comezo a mesma mistúrase co estalido dos foguetes, coa gaita, co bombo e o tambor, e cos xiros multicolores dos xigantes danzando entre o griterío e o bulir de nenos e maiores. Hoxe sen xigantes non habería festa, e son xa o maior atractivo da mesma. A súa popularidade e carácter tradicional fan que todo vilafranquino teña como "himno"propio a súa música, que acompañan en ocasiois coa seguinte copla cantada: "Pomporronponpón, palillos de madeira baila don Quijote con doña Dulcinea."

HÉCTOR M. SILVEIRO FERNÁNDEZ











Ningún comentario:

Publicar un comentario