venres, 21 de agosto de 2015

MEMORIAS DAS XORNADAS DE CULTURA E LINGUA GALEGAS NO BIERZO (1993-1994-1995-1996)

XORNADAS DA
CULTURA E LINGUA GALEGAS
NO BIERZO.

Son catro memorias escritas das Xornadas que en catro anos consecutivos organizou a Asociación cultural ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA coa intención de manter vivo o debate e a reflexión sobre a situación presente, pasada e futura do ente cultural galego no Bierzo. Catro anos consolidando unha dinámica de actos que prestixian e promocionan o uso do galego en manifestaciois públicas, máis aló dos lugares habituais da fala familiar e interveciñal, camiñando na busca da normalización da nosa cultura en tanto que se estudian as nosas raíces, asentando así o traballo cultural de hoxe e para mañá.


Os aspectos tratados puxeron de manifesto o emprego da lingua oral, fundamentalmente do galego, nunha boa parte do bierzo. A tradición oral e a lingua e o calendario tradicional foron, respectivamente, os centros de interese das dúas primeiras Xornadas, dos anos 93-94. A terceira, celebrada o ano 1995, planteouse homenaxear e popularizar a personalidade e a obra de Martín Sarmiento, un ilustrado galego de Vilafranca, cando se cumpría o tricentenario do seu nacemento un 9 de marzo de 1695 na nosa vila, esa figura cuxa patria é a da cultura universal, como moi ben definíu o profesor X. Alonso Montero.


Na IV edición propuxémonos achegarmos dun xeito especial á realidade histórica, lingüística e literaria, é presencia documental do galego no Bierzo. Tres son os momentos cruciais polos que pasou o galego ao longo da súa conflictiva historia, tanto en Galicia como no Bierzo. Referímonos ao esplendor medieval, ao rexurdimento do XIX, e ao desenvolvemento e vicisitudes polas que pasa no século XX, vitais para o seu futuro. Personaxes importantes da Idade Media no Bierzo, e en Galicia, utilizaron o galego nos seus escritos, como o utilizou Martín Sarmiento no século XVIII, constituíndose en pai da Filoloxía Galega, como, entre outros autores que escriben en galego no XIX, Antonio Fernández y Morales foi quen de realizar uns "Ensayos poéticos" nese mesmo idioma, ou pouco despois o empregou Fco. De Llano y Ovalle, así como tamén outras personalidades bercianas xa no presente século colaboraron, e seguen contribuindo ata os nosos días, á producción literaria galega desde o Bierzo (Ramón González Alegre, Aquilino Poncelas, Valentín Carrera...)


Pois ben coa axuda de escritores como Mendez Ferrín, Historiadores como J. A. Balboa ou J. I. González Ramos e lingüístas como A. Santamarina quixemos reconstruír nesta, polo de agora, última Xornada esa panorámica de textos e contextos nos que se empregou no pasado e se emprega hoxe o galego no Bierzo, para propiciar un futuro máis fornecido a esta lingua que é nosa e de Galicia, pero que non está igual protexida alá que aquí.
Importantes sinaturas e estudiosos como son: X. M.González Reboredo, Alfredo Rodríguez, Aquilino Poncelas, Alicia Fonteboa, Santiago Castelao, Victor Guerrero, Clodio González Pérez, Uxío Novoneyra, e os xa citados anteriormente entre outros están presentes cos seus escritos nestas catro publicaciois das Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo ás que tamén aportaron diversos traballos de investigación distintos membros da nosa asociación.


EDITA: ASOCIACIÓN CULTURAL "ESCOLA DE GAITAS" de 
VILAFRANCA DO BIERZO,
Subvencionadas pola Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario