sábado, 11 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (I): A mirada de Suso Nieto1986-1996


LIMIAR DA VIAXE

Comezamos hoxe unha viaxe polos carteis editados da Festa do Maio. Esta panorámica de varias décadas narra con rigor a experiencia de revitalizar esta tradición. Unha visión da celebración tradicional a través da óptica persoal dos autores e autoras que nos permitiu ampliar as súas  fronteiras e formular soños arredor do costume ancestral da celebración da entrada da Primavera.  O conxunto destas miradas  proclama  diversas certezas: A nosa aposta polo local como chave de interpretación do universo, dito doutro xeito, de sermos e sentirmos desde o particular, universais. Amosa ademais o tremendo potencial que o local agocha sabendo saír dese terreo avesedo para logo case sempre sorprendernos ao plasmarse nunha obra, ao editarse e facerse pública a creación dun vecín. Outra evidencia é o espírito participativo, aberto e comunal da festa que fomos logrando trasladar neste caso tamén aos seus carteis.

 Combinamos realidade e ilusión, inocencia e simbolismo, algo non sempre doado de conseguir. As fotografías dos carteis son instantáneas de realidade e as ilustraciois plásticas camiñan máis da mao da imaxinación e a creatividade, pero nunhas e noutras afloran os soños e as utopías que a Primavera enxendra.  Esta viaxe polos carteis revela, pois, unha filosofía da difusión da Festa que se foi fraguando a medida que a experiencia, tomando corpo, se enriquece. Os autores e autoras conforman claramente unha comunidade nacida desa complicidade e convicción que habitualmente se expresa de xeito coloquial ao dicir “son da vila”.

 Este ano roubáronnos a Primavera,  como cuando no relato mitolóxico o deus do Inframundo, Hades, raptou a Perséfone,  deusa da Primavera e provocou os choros da súa mai, Deméter. Vellos e vellas, casadas e solteiras, homes e mulleres, mozos e mozas, ninos e ninas en Vilafranca e no Bierzo, todos botaremos de menos festexar xuntos con cantos e flores este ano a entrada da Primavera.  Esta festa na vila non se pode pospoñer ou trasladar. Trátase dun rito consuetudinario que se fai no día ou non se fai.  Por iso sabendo algo tan simple e rotundo como que as estaciois imparables seguen o seu curso e que as cañaveiras están a pé xa e en flor, esperando por nós, sentímonos chamados logo, dalgún xeito, a seguir co ritual que o ciclo natural reclama.  Este ano o maio será á forza virtual e telemático. Non haberá cartel para evidenciar que o festexo de sempre non se vai poder realizar, pero durante o mes de abril faremos un repaso en vinte entregas polas imaxes que serviron ao longo de cuatro décadas, ano a ano, para anunciar a nosa intención de revivir o compromiso de respecto coa natureza e coa tradición cantando o maio.

Finalmente  como o falar e o soñar non teñen cancelas, propoñémonos cumprir o primeiro de maio dende as nosas casas co rito ancestral. Como? Cantaremos o maio ás 12 da mañá desde os nosos balcois, se doutro modo non se pode. Cantaremos as coplas de costume non ao pé dos balcois,  senón cada un de nós desde os balcois da nosa vila. Animamos a sumarse a esta iniciativa a calquera persoa do Bierzo que queira manifestar así a súa luita polo planeta e o seu respecto á natureza cantando estas coplas tradicionais con nosoutros. 
 

 E non esquezades: Hai que comer unha castaña maia ese primeiro de maio, para que, como reza a tradición, non nos dea o desmaio! Este dito cobra este ano máis sentido que nunca.



A MIRADA DE SUSO NIETO: 1986-1996

A primeira etapa na nosa iniciativa de revitalizar o maio supuxo unha fonda implicación persoal da Escola de Gaitas, que lembremos naceu á par deste proceso., aló a finais dos 70. Antes de ter posibles para abordar a publicación, hai un período de carteis feitos a mao ou fotocopiados. Logo non é de estrañar que aqueles que tiñan máis habilidades co debuxo fosen autores ou autoras dos primeiros carteis editados.

O primeiro cartel que mandamos á imprenta en 1986, pode parecer unha mirada inocente, case infantil porque é un debuxo espido, pero é toda unha intuición nacida coa espontaneidade que xorden as tradiciois.  Os trazos de lapis negro sobre branco, a modo de boceto dun caderno, onde a cor verde evocadora e contundente funciona como marco e fondo da lenda coa que identificamos a celebración: FESTA DO MAIO. A grafía das letras escolleunas Oswaldo Pereira, logo a imprenta fixo o seu traballo.

 A imaxe central reproduce unha “cañaveira”, o primeiro dos símbolos que singulariza o festexo. Esta é para os vilafranquinos a planta do maio,  coa que o vestimos, non vale outra. Nace da mesma terra na que se cultivan as viñas e, como na ilustración de Suso, en terreos ladeiros ou que non se traballan, nas beiras e beiróns do camín onde tamén agroman as flores ventureiras. O seu nome, se preguntas ás xentes do lugar é "o maio", aínda que pode recibir outros nomes: mazandois, apio dos cabalos...

De xeito metafórico este primeiro cartel describe algo elemental e simple, sitúanos nos primeiros pasos da cerimonia de asentamento do costume na memoria visual de calquera dos nosos ninos: Identificar a planta, achegarse a ela dispostos a convertela simbolicamente na raíz da festa.


 Suso Nieto en 1996, xusto dez anos despois do anterior, deseñou un cartel máis maduro que deixa ás claras que eses anos de experiencia confiren maior soltura e resolución á hora de asentar a tradición que anos atrás estivera a piques de desaparecer.  

O cartel, feito a partir dunha fotografía de Marisol Poncelas, manifesta vigor e seguridade, a pesar de manter un elemento que suxire un proceso, algo que se está creando, e polo tanto que lle falta cor, pero que camiña para saír da sombra.  A constante da liña de cor negra, esta vez máis marcada polo xogo de luces e sombras (unha das fortalezas do cartel) sobre fondo branco que, por outra banda, segue á procura do contraste coa cor verde que se reserva para os maios ou as letras. O grupo ou cortexo de maios, andando, implica movemento, como un rostro que vai diante e se volve cara atrás ou un nino que parece animar a subir máis axiña a costa.  Nen recoñecible é esa costa da rúa Gil y Carrasco, que coas súas casas altas serven de fondo de pedra de perspectiva ben lograda.

  A idea de  rachar co estatismo dese grupo de rapaces, de dous non, tres maios concorda coa presenza do burro (a figura do burro coroado de flores que tanto botamos de menos nestes últimos anos e que era un elemento habitual no cortexo do Socubo nos 80 e nos 90) que evoca a copla máis coñecida do noso maio: Levántate maio, bastante dormiche...   Vemos logo nesta imaxe dun cortexo que avanza con esforzo e na cor verde deses maios-mozos a ilusión, o impulso e o progreso de revivir a tradición. Graciñas, Suso, polo túa mirada. 






Ningún comentario:

Publicar un comentario