A PRIMAVERA ENCHE AS RÚAS DE RAÚL GONZÁLEZ FERNÁNDEZ (2018)
![]() |
Castañeiro de Pobladura, obra de Raúl González para o cartel sobre as Jornadas sobre conservación de los bosques y árboles monumentales del Bierzo. A Morteira 2010 |
Raúl invítanos a ver aos nosos maios desfilando polas rúas
empedradas de Vilafranca. A música da
gaita e a inocencia dos ninos van diante á par, presidindo a comitiva. Lembran como a festa se mantivo
grazas a elas, logo, ocupando todo ao ancho e o centro do cadro, acaparan a nosa
atención os maios mozos anónimos, vestixios
do espertar da natureza que avanzan pola vila de rúas estreitas e antigas,
entre altas casas de corredores e balcois abertos á cantiga alegre e ao rumor
que medra, que se intúe e insinúa, tras da mata verde vigorosa dos maios
humanos. Atrás vén xente.
Sen querer está no cadro ese río de xente que
se escoita como un rumor próximo baixo a ponte. Voces de pequenos e maiores que
cantan á Primavera coplas sinceras de amor e agarimo, que formalizan o rito da
tradición con palabras repetidas de pais a fillos, de avoas a netas, que soan a
himno verdadeiro como as flores e a alegría que arrecenden, mentres unhas mozas coroan con edras aos seus mozos entre risos amables.
Como un elemento
que non comparte a marcha cara adiante deste discorrer da Primavera e do
Burbia, un home a contracorrente na beirarrúa, ao pé dun muro de cemento, non
de pedra. Amosa colgada ás costas unha
simbólica bota de viño. É como o eixe da porta que nos lembra que agora se
abre, pero pode estar pecha. Ábrese para
ofrecer, a quen mira a escena, unha idea certa e sutil do movemento e vigor do
conxunto do cadro que confirma que a comitiva avanza.

Nas crónicas históricas hai cousas que se escriben con letras de molde e nos libros de pastas duras e hai outras que quedan para contarse e vivirse sen transcendencia e altivez e non se rexistran por escrito. A Festa do Maio entra dentro destas últimas porque, a pesar de formar parte do patrimonio inmaterial que nos identifica, é ante todo un feito do común, no que participa o pobo, sen rangos ou categorías, sen afán de personalismos e sinaturas. A Primavera enche as rúas da nosa vila para escribir unha historia diferente que parta do humilde e o sinxelo festexo dos veciños que hoxe cantan o Maio igual que onte sachaban na horta.
Raúl González cun estilo máis realista que máxico soubo retratar maxistralmnete o encanto entrañable do evento á vez do sentir comunal da festa. Escolle unha instantánea que tanto pode ser real como soñada. O valor da pedra e das casas que arroupan o momento que se reproduce con vigor insinuante e irreparable. Graciñas sinceras Graciñas de corazón, Raúl.
Reportaxe Maio 2018 bierzotv
Crónica da Festa do Maio 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario