PERCIBIR O INVISIBLE DE ALFONSO FERNÁNDEZ MANSO (2008)
O cartel de 2008 é unha obra
plástica dun pintor namorado da etnografía que viaxa a través da pintura cara ao costume. Ollos sabios, sensibles e curiosos, para ver na cultura local en perigo, a clave
para desentrañar o universal desa Aldea Global que nos devora. No seu mirar con ollos novos, capaces de percibir o
invisible, lévanos a ver ata as raíces da nosa Festa. Descobre a deusa e o
feminino que agocha a figura aparentemente masculina do Maio, por iso aparece
espida cal estatua antiga que evoca o primitivo e viste como único vestido unha ramaxe en
verde insinuada que medra irreversiblemente. O espírito cerimonial representa a imaxe de xeonllos e un brazo en
actitude suplicante. A harmonía está reforzada polo fondo negro intenso que contrasta coa cor verde da figura central iluminada. Finalmente a lenda coas letras en cor amarela. Alfonso Fernández Manso quixo agasallarnos deste xeito cunha mirada culta e sutil á
esencia e a estética da nosa tradición.
Unha vez unha
muller con dous dedos de fronte contaba que de meniña non lle entraba na cabeza
aquilo que os curas se empeñaban en afirmar de que Deus, o ser todopoderoso, tiña que ser home. Non podía ser muller? O sacerdote, entre sorprendido e desgustado debido a clarividencia da rapaza e ante a súa insistencia, repetía unha e otra vez a ortodoxia de que Deus é Padre e empurraba a aquela muller razoable máis e máis a un ateísmo radical. Pois ben, é de todos coñecido que o primeiro ser divino que existiu no noso planeta, creación dos humanos, claro está, era muller, a Mai Terra, tal e como certifican
eminentes antropólogos e arqueólogos desde hai xa unha chea de anos.
Si, a primeira
deusa era muller e o seu maior segredo era o de concibir e dar á luz, é dicir, o
do nacemento doutros seres, todas as
Venus e Virxes do mundo están logo intimamente unidas a este misterio da
fecundidade e da reprodución; o que vén sendo, en resumidas contas, o festexo da entrada
da Primavera. Por poñer un caso, os celtas disque festexaban na data do 1º de maio á deusa Beltane, deusa da fecundidade Alfonso cun tremendo exercicio didáctico quíxonos levar a pensar no fondo e no que hai detrás da celebración do Maio, xusto ata ese momento da prehistoria no que o ser humano cavila sobre as deidades e a súa función.
Se nos fixamos o esquematismo que co que viste a deusa é
máis propio dunha árbore que dunha rama, e xa estamos no mesmo. O autor está lendo na
fondura significativa do mito e do rito, o vexetal, que talvez sexa árbore ou simplemente unhas cañaveiras. A plástica pode ser máis precisa neste sentido
que a fotografía, pode ir á raíz e desnudala, mostrala espida como se mostra a escultura modelada... sen rostro, pero con sexo.
DEUSA OU MULLER?
E outra cousa. Esa deusa érguese ou axeónllase? Ambas lecturas da imaxe tamén son
válidas e permítennos abrir outra das chaves de comprensión e interpretación
da imaxe. Ao redor dos dous símbolos antes citados, a Primavera e a árbore-maio, establécese un ritual protocolario e preciso, ese que a medida que se cumpre
vai convertendo en luminosa cor verde a contorna. A cor negra funciona como
elemento asociado á nada, se se quere, á morte fronte á cor verde que indica a vida que se
anova cada vez que chega a Primavera. Esta axeónllase cerimoniosamente, fai un aceno solícito coa mao dereita e pode que a continuación se levante. E, eiquí está o que non se apunta
na pintura: a deusa nesa posición orante, cuasi relixiosa, responde aos cantos de homes e mulleres que a espertan, como estimulando á natureza e ao seu espírito da rexeneración
eterna ou, en lugar dunha deusa, é unha muller sen rango divino dando as grazas, con todo un protocolo que herdou de vello, á Primavera? Tanto ten, deusa ou muller, árbore ou Maio... Alfonso coa riqueza da súa mirada xa logrou plasmar o misterio da renacenza da Natureza nunha obra plurisignificativa. Magnífico traballo e cartel inmenso que temos que agradecer profundamente.
Coa mesma maxia creativa Alfonso nos sorprendía de novo no ano 2018, dez anos despois da edición do cartel, na presentación do libro Viaje a una provincia invisible como acto inaugural das actividades da Festa do Maio. Vimos aparecer aos " Homes verdes" que non son outros que os nosos maios, os maios humanos rebautizados. Outro agasallo de agradecer. Pero aínda restaba outra lección por aprendemos aquela tarde no teatro da vila...
Coa mesma maxia creativa Alfonso nos sorprendía de novo no ano 2018, dez anos despois da edición do cartel, na presentación do libro Viaje a una provincia invisible como acto inaugural das actividades da Festa do Maio. Vimos aparecer aos " Homes verdes" que non son outros que os nosos maios, os maios humanos rebautizados. Outro agasallo de agradecer. Pero aínda restaba outra lección por aprendemos aquela tarde no teatro da vila...
EPÍLOGO
Nas palabras de Alfonso e do seu libro se desprende un interese por recabar a identidade, esa provincia que visita é o Bierzo. O Maio con todas as súas características forma parte intríseca da nosa identidade, ese xeito de facermos orixinais e de ser diversos no universo. É por iso que a Escola se sinte mui satisfeita de afianzar as nosas raíces e de preservar para o século XXI unha tradición como a Festa do Maio que é a máis antiga das que conservamos en Vilafranca.
Entre o ano 2007 e o ano 2008, tras celebrar o XXV Aniversario da Escola de Gaitas, deberiamos sen dúbida, colocar unha marca que nos lembre esa sensación que tiñamos de que no proceso de revitalización nos aproximabamos máis que nunca ao asentamento da nosa tradición. De feito neste ano realizamos un traballo especial para recoller todo o avanzado. Escollemos o formato dun DVD que permitía incluír textos e sobre todo imaxes, algo máis vivo que encorsetado nun libro. Este traballo era outro síntoma máis dese afianzamento e un paso decisivo na difusión e a promoción da Festa do Maio.
Debemos dicir para concluír que o compromiso sincero de Alfonso co patrimonio inmaterial, non é unha implicación puntual, é unha fonda convicción persoal que o leva a traballar pola ecocultura e a sostenibilidade. Nesa luita atopámonos con frecuencia. Daquela presentación e de outras tantas ocasisois nas que Alfonso nos acompaña gardamos un entrañable recordo que nos leva a compartir de corazón os bullós no magosto do Samaín e as castañas maias do maio da deusa celta da fecundidade, Beltane.
Ningún comentario:
Publicar un comentario