OUTRO XEITO DE VESTIR AO MAIO DE LUIS FERNÁNDEZ SANZ (2016)
Deixamos nas maos
dun ilustrador profesional o cartel do Maio do ano 2016 por ver que pasaba e o resultado foi moi satisfactorio e positivo. Agrandamos as miradas sobre a
nosa Festa e logramos saber que este camiño aberto á creatividade era un camiño digno de experimentar. Luis Fernández Sanz viviu o
maio de pequeno, como veciño da vila e redescobre a súa forza agora xa adulto e na distancia. Xoga coa integración do lema sobre todo da palabra Maio na
configuración do debuxo ocupando o terzo superior sobre un primeiro plano dun maio que deixa
ver o seu rostro humano, o do nino que leva
no seu interior. Mais a aparencia simple desborda forza e vigor. Como se logra? Analicemos.
Luis parece escoller o momento da transformación do home en árbore. Para un nino ser unha árbore é como sentirse xigante por un día, revivir, sen el o saber, o ritual atávico propio do chamán que colocado no mundo de hoxe perde todo o sentido, pero que sen ter por que responder a un sentir primitivo e inocente, pode achegarse máis a unha emoción espiritual cargada de certo afán por evitar a superstición sobre como o viviu o campesiño durante séculos e un pouco menos distante doutros medos modernos como a un contaxio dunha especie de peste. O certo é que ese nino vive o momento con intesidade máxica e transcendente.
A transfiguración das cores é un dos trazos a subliñar nesta creación de Luis. A cor
verde, inevitable, pasa a ser paradoxicamente a cor ambiental. Unha atmosfera que o volve todo con grandes, manchas e matices
de brochazos bruscos, pero cómplices que se dilúen por veces, e que traen ao
Maio unha carga de intervención urbana, imprevista e inusual. De todos os xeitos as tonalidades de verdes
superpostas, que actúan realmente como un fondo, conlevan unha sensibilidade doce e
cálida que reconcilian a súa modernidade coa tradición. A innovación do estilo
pictórico dialoga coa tradición que se
evoca con fluidez nunha sintonía perfecta.
Contemplemos de novo ese rostro hierático que nos leva ao ritual e como se presenta ese corpo que para que se confunda coa ramaxe das
cañaveiras e coas cordas que os atan aínda máis, toman ambos a mesma cor negra de trazos grosos e sólidos.
Volvemos á transfiguración das cores, o vexetal e o humano unificados cunha cor
que non lles pertence. A cor negra cos que se debuxan a cara e as
ramas, coas que se logra profundidade e un certo xogo tímido e mui medido de
luces e sombras, a cor que tamén se usa para o texto no que unha soa palabra basta, MAIO, para pechar a composición con forza e rotundidade. Trátase doutro xeito de vestir ao Maio, o que xorde dos rotuladores e do lapis.
Comentemos un
detalle transcendente que transmite esta poderosa imaxe. O hieratismo e a
rixidez do corpo atado que simplemente na ilustración se plasma coa posición do
semblante que mira ao infinito E coa mirada interroga ao interlocutor. É unha mirada da memoria, cara ao pasado e, á
vez, ao futuro ou unha mirada ao presente ao que está hoxe na rúa?. Hai esbozado nos
beizos do rapaz un sorrir prácido e paciente de satisfacción por estar e por
participar e sentirse ben e identificado co costume, formando parte dun longo percorrido de séculos de celebración que festexa a entrada da Primavera, da ancestral comitiva dos homes verdes.
Outro
detalle de estilo e estética novidosos a
agradecer na cartelística do maio. Como se dun cómic se tratase os logos e
lendas menores embutidos en bocadillos rectangulares que nos lembran a un
cómic. Unha banda deseñada na que espera ser algún día convertida esta vivencia ancestral e básica do renacer da vida e da reconciliación co ciclo das estaciois que o distante home do XXI está a piques de perder.
Hai muito de señardade nesta pintura de Luis, créanme, morriña daquel nino que vía sorprendido da mao da avoa pesar as patacas e os cebolos na romana a aquel home de boina e as maos ásperas de andar coa terra que alegre e falagueiro, enchía coa súa voz altisonante a bodega e o lagar, un día cantando e outro sen cantar tamén o facía. Lembranzas das rúas empedradas que soben e baixan do Castelo e dun río transparente que flúe ao lonxe entre as montañas. Esa vila pola que pasea en soños e na que vive sen vivir nela.
Descubrimos así, con carteis como este e con todas estas miradas que incorporamos, como sorprender e introducir
innovaciois nun terreo tan pouco amigo da creatividade máis absoluta e das
transformaciois radicais como son os festexos tradicionais. Logramos desta maneira incorporar elementos estéticos de hoxe para representar e expresar símbolos, costumes e sentimentos de sempre.
Graciñas, Luis por vir vestir este maio cos teus pinceis e contribuír así a esta chamada á innovación, á novedá, á outra nova visión, unha visión
transformadora do noso Maio de raíz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario