martes, 28 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (XVII): Un canto atemporal de árbores e humanos de Juan Carlos Mestre (2017)



UN CANTO ATEMPORAL DE ÁRBORES E HUMANOS  DE  JUAN CARLOS MESTRE (2017)

Na liña dos ilustradores sabedores do oficio e coa complicidade do coñecemento, Mestre aceptou gustoso o reto de crear un cartel onde deixar a pegada da súa vivencia do maio da súa vila natal. Como era de esperar desenvolve ao pé das montañas un universo soñado e da memoria, complexo e imaxinativo cheo de simbolismo onde o humano se entrecruza co natural e, nesa simbiose harmónica co mesmo medio, a utopía e os soños ondean a un tempo como as bandeiras ao vento da esperanza. 

 Emerxen así os amores posibles ou imposibles semellantes ás cuquelas amarelas de abril, ou as papoulas coloradas de maio, á beira da melancolía dos ríos e das fontes nas que atopou o poeta as humildes violetas. Son persoas anónimas ás que cada quen pon o seu nome e apelidos. Sempre acertan, porque xeración tras xeración, todos os ninos e ninas da vila, que logo son mozos ou mozas e que algún día serán vellos, descubriron as estaciois cantando o Maio nesta procesión ecolóxica e nutricia que chega a todas as casas pedindo castañas. Hai quen ve así ao seu amigo da infancia, a aquel primeiro amor que nunca se esquece, ao irmao que emigrou, ao seu pai ou a súa mai que en paz descansan xa na terra. Non faltará quen vexa entre as voces corais que cantan na nosa fala a Antonio Fernández Morales, que aquel ano 2017 estaba de bicentenario e, como home progresista que era, non quixo perderse esta manifestación do pobo.

 Faltan as pedras labradas e as casas de balcois e blasois, porque á intemperie se retrata o fráxil, débil e feble do sentir humano, das xentes que percorreron durante séculos as rúas coas súas angueiras e tristuras, coas súas confianzas e ilusiois, andaron a vila ata gastala e facela vella e sobria, pero aberta ao sorriso dos máis novos e da vida que foxe e se complica e aínda é quen de celebrar o costume e convocar a todos os veciños e veciñas a cantar versos eternos das estaciois, acompañados das papuxas das amoras, reiseñores e cochorros que tamén semellan eternos.
    
A sinxeleza desta tradición, non a exime de manter latentes dimensiois épicas, líricas ou mesmo dramáticas, unha transcendencia do cotián e popular coa que decidimos representar en Vilafranca, para propios e alleos, o reiterado paso do inverno á Primavera. Usamos, como non, os símbolos. Botamos as castañas maias que debemos comer no 1º de maio para que non nos dea o desmaio, enmarcando con todo rigor e simpleza os ciclos do tempo do frío ao da calor, dos maios aos magostos, das vendimas aos entroidos. Humanizamos a Natureza cos nosos maios, que como árbores sen rostro, andan a pé polas rúas, déitanse a durmir e logo se levantan tras o paso alegórico do burro invernal.


O ECO DA VOZ DOS POETAS NOS CANTOS DE MAIO

O eco da voz dos poetas está vivo permanentemente nas palabras e, ás veces tamén, nas ilustraciois. Ocorre neste caso na engaiolante evocación coa que nos agasalla xenerosamente Mestre. Á luz da alborada primeira do mes amósasenos unha Vilafranca singular baixo un ceo azul nun avisedo das Tres Campás ou do Malvís ou da Rapiña,  onde conflúen, como as augas de dous ríos un bosque de árbores e de persoas. Densa masa de homes, mulleres e floresta centenaria avanza nun movemento que por forza é estático e medra coma as plantas con vigor confundindo corpos e madeira, sangue e sabia. Rostros que nos falan da xente nova, de rapaces e rapazas en infinito movemento que cantan a mesma canción que as aves da liberdade e da esperanza nun primeiro de maio.

Cantar o maio é anunciar a Primavera e sentir o río ferido na procura da súa confluencia entre vales angostos, ecos de amor de vento e chuvia que serán semente de rosas de vermello intenso, peixes de escamas brillantes, truitas que corren polos montes da historia, que como os amantes nos soportais se dan bicos, e so cubo da ponte dialogan coa sabia que corre polas veas das árbores no tempo da calor. Espertan alegrías de antepasados ilusionados en canciois que se poden envolver nun pano de pombas coloradas, de amarelas primulas, entre as papoulas e violetas, de ondas que coma ríos de sangue ou cireixais en flor, paren primaveras.

Prevalece na ilustración de Mestre o Maio interior e fondo, un mes tinxido pola melacolía ao ser este mes de maio no que nos deixara Gilberto N. Ursinos. Tamén un día de primavera a Parca levounos a Antonio Pereira. Ambos están presentes e dialogan coa estación evocada polo poeta. Ademais o autor emula cos pinceis ao valente poeta que se atreveu a cantar na fala dos humildes do Bierzo botando mao dos cachois de palabras da dignidade dun pobo analfabeto capaz de exercer a cultura na vendima, nos magostos, nos fiandois, no entroido ou nun primeiro de maio.

 É forte a presenza da paisaxe e da natureza na flora de raíz que arrinca retortas árbores que miran ao ceo dende a terra, a súa substancia nunha lección interminable de historia e de grandeza. Non podían faltar os peixes da felicidade fuxidía que flotan nos ríos que flúen, coma augas entre os dedos das maos, como feridas desa terra natal á que alimentan co seu líquido elemento. O burro lírico da copla asómase tamén nesta evocación que quere sobre todo ser asento da memoria e das xentes humildes e analfabetas que saben dun xeito popular e entrañable da beleza da vida e,  con esa contundencia e esa conciencia persoal absolutamente fiel, manifestan con agarimo esa comuñón coa fertilidade da Terra. Unha manifestación popular porque a beleza non é un lugar onde vaian parar os cobardes.

Graciñas, Mestre, pola valentía de ampliar o horizonte do significado deste costume milenario, carteis que ano tras ano anuncian a tradicional Festa do Maio e permiten con esa moderna transgresión creativa da mao dos seus autores que vexamos con novos ollos esta tradición singular que conservamos. Neste 2017 descubrimos a túa mirada sobre unha Vilafranca remota e esperanzada cantando á Primavera, unha masa atemporal, arbórea e humana, que entre as nosas montañas recibe o vigor da estación coa certidume dos cantos.


Reportaxe do maio 2017 BierzotV

Crónica do maio 2017

1 comentario:

  1. Encantame o tema das festas, e ademáis non sabia que escribías en galego, amigo, eu no meo blog teño un artigo sobre a festa do carro, espero que o podias ver
    O blog chñamase atados al azar
    Vemonos ali oou no blog Saudos.

    ResponderEliminar