xoves, 16 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (VI): Ninos e Maios dos 80 de Marisol Poncelas (1994-1998)



NINOS E MAIOS DOS 80 DE MARISOL PONCELAS NIETO (1994)
Este cartel lévanos a un momento de reflexión. Acababamos de celebrar o X Aniversario da Escola de Gaitas e muitos dos esforzos realizados comezaban a dar os seus fruitos. Podíamos, despois de investigar e recoller datos sobre as nosas tradiciois, ampliar fronteiras e perspectivas, lograramos unha subvención, e seguíamos a soñar sobre os soños cumpridos. Sempre, claro está, sen perder de vista o comezo, nunha especie de autorecoñecemento,   poñendo en valor de onde vimos. Este cartel foi como un pararse a mirar cara atrás, sobre o traxecto andado, sobre o avanzado no proceso. De aí o uso dunha foto dos 80 de Marisol Poncelas no cartel do 1994.

Marisol Poncelas é unha das primeiras fotógrafas da Escola de Gaitas que inmortalizou en diapositivas inesquecibles aqueles primeiros anos do proceso de recuperación dos maios. Instantáneas imborrables de momentos intensos que vivimos e que gardan os nosos corazois con especial querer. Retrata singularmente como a Festa era un todo un revulsivo no barrio do Socubo, a Portaxe e nunha Rúa da Auga máis habitada e con máis mocidade da que hoxe reside nela. Fermosos recordos que foron pasando a ser carteis unha década máis tarde. Marisol, á que lle gustou de sempre a imaxe, demostra unha  axilidade e destreza  á hora de encadrar convenientemente unha fotografía, escoller o detalle digno de se converter en eterno. 
  
Nas súas fotos converte en protagonistas a un grupo de ninos e ninas que foron o motor do costume máis ancestral da nosa vila na década dos 80 aos 90. Aínda non eran tan numerosos os cortexos como o son agora,  seguía sendo unha cousa de rapaces e rapazas, iso si, con maior vigor e participación que en décadas anteriores.  O lugar da instantánea que comentamos, o comezo da costa do Pozo, insinuado un balcón de fondo de Rada,  cheo de referencias ás rondas non tradicionais da noite anterior ao 1º de maio que cumpren a función de arroupar.


 Aí están  Jesús, Luis (coa burra) e Miguel (vestido de Maio) entre outros incondicionais, curmaos, veciños e amigos que se xuntaban para sacar o Maio na Rúa da Auga.  Este cortexo facíase acompañar da burra que tamén vivía no barrio. Era de Rafael, o avó dun dos ninos que está na foto. Sempre llela deixaba, aínda que houbo anos nos que o dono tivo que ir con ela porque a besta aínda non estaba afeita a andar entre tanta xente e así coidada que non houbese ningún problema. É unha diapositiva que na edición do cartel se lle roubaron detalles importantes. O máis importante é que perdeu a cor, aínda que gañou en pátina.  




UN RETRATO DA DESCUBERTA DO NÓS (1998)
A imaxe de Marisol máis coñecida de toda a súa produción para a Escola é, sen dúbida, a cartel do ano 1998. Permitan que non entremos a comentar nada da montaxe que se fixo nesta ocasión na imprenta, centrarémonos no que en orixe é unha diapositiva tirada no ano 1987. Os protagonistas Marianín e Toni.  Marisol retrata fielmente a alegría inocente e cómplice dos ninos que descobren o Maio á vez que comezan a súa socialización. Xogando coas cañaveiras a seren maios, a seren maiores, reproduce unha experiencia de aprendizaxe que comeza polo xogo que se intúe nesta marabillosa foto. Representa pois esa funcionalidade básica propia da celebración que implica coñecer e convivir, compartir co outro, co veciño un día de festa.  Quédalles para máis tarde a estes meniños comprender a simboloxía do ritual e as orixes e o por qué do Maio. Bastante tein con aprender algunha das coplas que ese día soan reiteradamente, e con tocar, cheirar e tentar vestirse coas cañaveiras. Esas son as primeiras cousas que fan nos maios os máis pequenos.

Advirtamos  eiquí unha das claves vitais en toda tradición, a repetición, unha das características que nos indican que estamos ante un fenómeno tradicional mui arcaico: O 1º de maio as coplas, que non varían, son todos os anos as mesmas, repítense unha e outra vez, coa mesma melodía, para asegurar así a súa permanencia.  Marisol tivo a pericia de inmortalizar, e populalizar despois, ese momento íntimo de comunicación social co outro que non son eu iniciático, comezo dunha amizade entre os dous ninos que ademais provoca unha alegría singular neles. Como mellor se explica e entende é mirando o sorriso dos dous protagonistas que xenerosamente, un deles, Toni,  comparte coa fotógrafa; e ela, grazas a arte e a química que fai posible o retrato, plasmou para todos nós.

A foto como dixemos tivo muita fortuna e usámola tamén como portada da Unidade Didáctica que
elaboramos coa intención de facer chegar aos centros educativos do Bierzo, principalmente os de Vilafranca, unha serie de propostas de revitalización da Festa do Maio para os distintos ciclos de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Parten do coñecemento da orixe, dos tipos de maios existentes e de analizar as características do noso,  o maio humano: letra, símbolos, ritual...  

Estamos convencidos, como, xa dixemos da necesidade de achegar ao sistema educativo á cultura tradicional como parte esencial do proceso de socialización e formación persoal do individuo, un medio eficaz para impedir a uniformización e de garantir a riqueza, a harmonía e a identidade de cada territorio, ademais de resultar un proceso integral de valoración da actividade agraria dunha comunidade rural  intimamente ligada a un equilibrio entre progreso e o respecto á natureza.  

As imaxes fotográficas da Unidade Didáctica, ademais da portada e contraporta son de Marisol Poncelas. Logo para coñecer de primeira mao o seu labor de Marisol invitámovos que lle botedes unha ollada.  Marisol realizou un labor imprescindible como reporteira gráfica da primeira década da Escola, foi o seu xeito de aportar, de contribuír coa consolidación do noso colectivo algo que nunca  lle agradeceros o suficiente.

Toni sentado enriba do Maio, Miguel. Foto de Marisol Poncelas, contraportada da Unidade Didáctica



Ningún comentario:

Publicar un comentario