sábado, 18 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (VII): A vestir o Maio de Marisa Cela López (1997-1999-2005)



 A VESTIR O MAIO DE MARISA CELA LÓPEZ (1997)
O máis impactante cartel dos que lle debemos a Marisa Cela é o do ano 1997.  Xusto dez anos despois da apertura daquela porta que Cris e Suso debuxaran para anunciar a Festa do ano 87, Marisa retoma un marco sólido a modo de espello a través do cal percibimos a importancia do relevo xeracional.  O patrimonio tradicional é feble, como a herba que dobrega o vento,  pero á vez resiste e pervive a través de feitos tan simples como o de vestir a un rapaz con cañaveiras.

Este proceso, o de vestir aos maios que antes era algo máis íntimo e oculto para a maioría, pasou a ser nestas últimas décadas un momento máis público, pero non por elo menos cargado de maxia e simbolismo.   Precisamente esta é unha das nosas preocupaciois que, a pesar de estar hoxe aberto á  participación, conserve a esencia: a ocultación do rostro do que vai vestido. Esa é a fórmula a seguir, quen se vista de Maio debe asumir a personalidade típica do Maio, da primavera que anda ese día polas rúas de forma anónima, non debe identificarse con ningunha persoa coñecida.


E se falamos de vestir hai dous protagonismos distintos no proceso.  Os que visten ao Maio e ao que visten de Maio.  Antonio Rodríguez, Toño, ao que todo o mundo coñece por Vellina,  é unha das persoas que máis maios vestiu de Vilafranca.  Esta foto ten para a autora, e para muitos vilafranquinos un marcado carácter de retrato, no sentido de que se identifica á xente que fotografa.  Foi ademais un recoñecemento persoal ao compromiso coa revitalización do costume que persoas como Vellina no Campo da Galiña e unha listaxe avultada en cada un dos lugares de encontro habituais: Socubo,  As Veigas Altas e a Cábila  manteñen vivo ano a ano.  Sería longo e tedioso enumerar un por un, esa lista por dous motivos porque son muitos e por correr o risco de deixar no tinteiro a alguén. Todos eles foron sumando intenciois e vontades, facendo do vestir o Maio ese encontro co que iniciar a Festa (sempre o foi) algo máis participativo. E se singularizamos en Vellina este agradecento por un compromiso colectivo coa tradición é , entre outras cuestiois porque poucos poden dicir como el que chegaron incluso a viaxar a Portugal, ata a entrañable vila de Melgaço para vestir eilí un Maio, como efectivamente ocorreu  no ano 2005 para a posta en marcha da candidatura ao patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO aos que levamos o único maio humano de tradición galega do Noroeste penínsular que se conserva no Bierzo,

Sobre a outra parte que na foto protagoniza un nino pequeno, Job Magdalena  non cremos que haxa que estendernos en muitas expliaciois á hora de destacar a súa importancia. Levar as cañaveiras enriba é a parte máis sufrida do costume, pero tamén é a persoa que máis o vive. Tanto é así  que normalmente repite e medio se institucionaliza en cada barrio. Poucos saben ser tan pacientes como a Natureza e soportar horas atado e cos ollos como única conexión coa xente. Por iso non se escollía a calquera para vestilo de Maio. Hoxe por achegar aos máis pequenos/as á festa tendemos en exceso a poñerlles cuatro ramas por riba e case sen cubrilos por enteiro, e aínda que se cubran, ao ser tan pequechos non aguantan nesa posición tesos como unha árbore tanto tempo. Seguramente deberíamos ser máis ríxidos, pero é realmente difícil. Tradicionalmente buscábase a un mozote alto, pero non sempre se atopaba ou non sempre  o máis espelido e mellor mozo do barrio aceptaba facer de Maio.  Acertou Marisa na escolleita dos protagonistas, sen dubida. Para quen non os coñeza o cartel simboliza o mesmo, a transmisión do costume dun adulto a un nino, pero dun xeito máis anónimo e deslocalizado. Apuntou certeiramente tamén co tema e o momento no que colgar este cartel.  

Todos os carteis de Marisa teñen dúas constantes: a planta do maio e a usar a fotografía, en lugar do debuxo. De feito este foi o primeiro dos carteis do Maio cunha foto en cor. Ademais buscaba incorporar algo distinto que se concretou en iniciar e ampliar a mirada do festexo oficiosamente ao momento de vestir o Maio. Ímoslle pedir a Marisa, (se cuadra xa o ten na cabeza), que o próximo cartel que elabore sexa o de alguén  cortando as cañaveiras, unha vivencia atractiva e ventureira que lle recomendamos a quen nunca a vivira e que tamén reclama dun esforzo compartido. 


AO PASAR POLO CAMÍN (1999)
No cartel de 1999 Marisa experimenta. Seguindo a súa mirada á planta do Maio,  intenta algo complicado: o retrato dunha planta, a dos mazandois,  a do apio cabalar... como á espera de ser cortada para formar parte do ritual.   É un retrato das cañaveiras ao natural, que deixa á imaxinación do espectador todo o que as rodea. Elas son parte dun beirón calquera de onde, entre as silveiras sae un cochorro asubiando e,  non mui lonxe, no pico dunha árbore de follas recentes canta o ferreirín.  As cireixas, se fixo calor, comezan avermellar  como promesa esperanzada dun vrau a punto de comezar. O vento é calmo e cálido, as chuvias de abril pararon e nos soutos de castañeiros que agroman cun tímido verde, os cucos poñen os ovos en nial alleo.   Marisa deixa a entrever todo aquilo namentras eiquí no cartel, ante os nosos ollos coloca en primeiro plano as cañaveiras. No medio dun xogo de luces que nos invita a ver as axitadas follas de verde intensa e a cor amarela das flores umbelíferas tan características da nosa planta do Maio,  ao pasar polo camín,  transportándonos á sinestesia dos arrecendos do apio dos cabalos. A imprenta desta volta acerta co nome dos organizadores (o ano anterior eramos: Asociación Maios) que coloca nunha faixa vermella e resolve cun fondo de cor violeta ou amarela para reforzar as letras laranxas do lema: Festa do Maio.


A HUMILDE CAÑAVEIRA (2005)
Marisa é tamén, dende mui nova, amante da fotografía e na súa constante no ano 2005  fai unha nova aposta por colocar no centro do obxectivo  da cámara á planta do Maio para realizar un cartel realista, de primeiros planos, sinxelo,  pero moi sólido e coherente. A composición adquire poderío e corpo a partir dunha flor da cañaveira ao natural, sen máis adornos, humilde e rotunda á vez, nun fondo de verde brillante, o propio das follas palmeadas e dentadas da planta. Verde e amarela  son as dúas cores exclusivas que se incorporan as lendas e letras, que se integran así e non distraen a atención logrando maior fondura á imaxe.



Unha imaxe que nos provoca dúas viaxes unha é a da admiración da beleza insuperable da Natureza e outra fainos viaxar cara a nós mesmos, aos que facemos desta planta un símbolo e unha festa cargada de emociois, de lembranzas e de alegrías... A autora soubo deter a nosa mirada e nesta foto invita a descubrir o mito no aparentemente trivial e común que vemos a diario.   Graciñas Marisa por levar a Festa do Maio tan lonxe... e xa sabes que non o dicimos porque marcharas con ela a Melgaço e ata lla explicaras con todo detalle á Ministra de Cultura de Portugal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario