A Cristina quen permanecerá para sempre nos nosos corazois ao igual que vivía con tanta intensidade, ilusión e alegría os preparativos da Festa do Maio.
O SOÑO DO ETERNO RETORNO DE CRISTINA FERNÁNDEZ ÁLVAREZ (1988-1989-1991 e 2014)
Falar de carteis da Festa do Maio sen nomear a Cristina Fernández Álvarez sería imposible. Tampouco é posible avanzar sen dedicarlle a ela unha entrada en exclusiva, non polo feito de que non estea entre nosoutros, senón por méritos propios. Para esta terceira entrega falaremos de tres carteis obra de Cristina. Ela, nesta primeira xeira ou etapa na difusión deste festexo entendeu, asumiu, contaxiou e trasladou perfectamente a importancia de elaborar unha fórmula artística de invitación suxestiva á Festa cargada de simbolismos, pero, á vez, botando mao de trazos sinxelos e inocentes que nos lembran a infancia (os maios viñan manténdose como unha cousa de ninos). Apreciase unha sensibilidade singular en Cristina que a leva tanto na procura de distintos estilos como ao detalle de imitar texturas e técnicas da ilustración do manuscrito medieval por exemplo, cousa que o tipo de papel escollido pola imprenta axudou a realzar. Por último, hai unha querencia polo mestre que nos permite contar, dalgún xeito, entre os autores colaboradores ao propio Beberide, unha das figuras da pintura máis destacadas do século XX da nosa vila cuxa pegada na ilustración da Festa do Maio lla debemos a Cristina. Debido a súa amizade con Norberto compartiu con el algunhas das ideas que logo foron consolidándose nos momentos de creación de distintos carteis. Agora dende a Outra Beira, se for posible, estarán mestre e alumna ledos de saber que os lembramos e inquedos por ver como será o cartel da Festa do Maio do próximo ano.
COMO UN SOÑO
O cartel de 1988 segue a estela, queréndoo ou non, do cartel do ano anterior. Emprende unha escena bucólica pendente de rematar. Nesta primeira etapa da revitalización da Festa do Maio que poderíamos denominar “en construción” esa é tamén unha característica común que se pode aplicar aos seus carteis. Nesta composición de pastores-músicos medievais adquiren cor caprichosamente alguis elementos. Non teñen cor nin as súas ovellas, nin a súa cabra e ata a cor verde do ancho prado foi absorbida por completo polo maio-mozo. Non a teñen tampouco o tambor nin as gaitas, pero si as montañas suaves do fondo; non os rostros anónimos dos personaxes, pero si o vestiario, namentres as orlas e grecas estampadas presentan unha coloración profusa e detallada, un capricho azaroso atribuíble só a unha vontade forzada por un soño.
PRIMAVERIÑA
No ano 1989 Cristina usando o rostro amigo da
súa compañeira Carolina, convértea na ninfa que presenta e observa á vez a festa da celebración da súa entrada. Porque a figura que se representa, entre
nina e muller, é unha “Primaveriña” cargada de flores na que se evoca non só á
estación, senón tamén a todas as rapazas e a todas as ninas que sosteñen co seu
canto e cos seus soños xoves a Festa do Maio. Esa moza transpira aquela candorosa ilusión da nenez, que só atopamos nos máis
cativos, mais tamén a intuición da melancolía do tempo que ha de vir, esa morriña
máis propia da mocidade.
Volven a ser marca persoal de Cristina e do seu estilo o uso de xeito parcial da cor ao crear unha combinación os perfís do corpo nu e limpo das cores que outorga exclusivamente ás flores, na procura do contraste
simbólico entre a nudez, candor e a pureza coa que nace a Primavera e o
arrecendo penetrante, a diversidade colorida caduca das follas e das flores que a
cobren e acompañan, se cuadra como
metáfora da adolescencia, á espera do vrau, ese tempo pleno da calor.
ETERNO RETORNO, LEMBRANDO AO
MESTRE (1991 e 2014)
Este cartel da Festa do Maio do ano 1991 reeditouse de novo en 2014 tras do triste falecemento da súa autora. Hai que anotar que a pintura realizáraa Cristina no ano 1987 anos antes da súa publicación. Posiblemente este sexa o seu cartel máis emblemático. Define un dos estilos cos que quixo
impregnar a plástica da Festa do Maio entendida neste caso como un proceso de
creación complexo, cargado de símbolos. Está claramente influenciado por Beberide, non o oculta, ela
mesmo deixouno escrito “Recordando al Maestro”.
Respira a composición un espírito épico-mítico que emana tanto do
escudo dunha serpe dragontiana que se morde a cola (un uróboro) gravado na pel do bodhrán sobredimensionado que abrazan con dificultade as maos dun home e muller
espidos, que cargan ás súas costas, como un eco do mito de Sísifo, unha e outra vez, eternamente, nunha tarefa que nunca conclúe de todo. Na estraña postura de ambos, ela de cabelo longo, el de queixo barbado, nun mirarse a un mesmo e, á vez, no roce dun corpo
nu contra outro corpo nu, hai tamén algo da tolemia e do espírito libre e quixotesco. Ambos son soporte da fecundidade e da música, nun eterno renacer....si evidentemente
deste home e desta muller que ocupan a situación central xorden entre as texturas ásperas, elementos simbólicos clásicos que evoca
calquera tratado de pintura. En tempos
imprecisos e lugares incertos esta parella concentran unha tremenda enerxía. Apoiados un noutro, conforman un todo cos
seus dous peixiños e unha mazá, a modo de bodegón clásico, aos pés, aos que se suman unha gaita e un bombo, flores
e cardos e ata unha vella rebola, árbore que persiste tamén en renovar botando follas novas.
Se atendemos ao significado
greco-romano, os peixes e esa estraña parella por extensión, representarían o
cambio e a transformación. Claramente serán a abundancia en clave cristiá, por
non citar os mitos da creación africana e de Mangala, o creador a partir da
plantación de sementes de dous peixes no útero cósmico que entra finalmente en erupción.
Non é casual logo esta presenza dos peixes que en China son símbolo de
fidelidade e de fecundidade. Na
India son signo de felicidade e liberdade co que volvemos, como se dun uróboro
(esa serpe do eterno renovarse) multicultural se tratase ao sentirmos un pouco coma Don
Quixote soñador falando aos cabreiros ou coa euforia dunha mente tola de amor por Dulcinea. A parella fecunda da creación da que medran natura e a música, nun espazo en silencio sen definir, morto e deserto, sen sentido ata que agroma, ao igual
que fan as flores, a esperanza como cada primavera cos seus sons atávicos, máxicos
e ancestrais. En resumidas contas, a vida. O cadro engarza o fluír da vida co ciclo
estacional e a creación, fruito dun esperanzado e eterno retorno.
Graciñas Cristina, e graciñas Beberide, por esta
reflexión profunda sobre a creación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario