domingo, 19 de abril de 2020

A FESTA DO MAIO A TRAVÉS DOS SEUS CARTEIS (VIII): Este Maio, señora é de Luisma Prieto Gaztelumendi (2003-2004)

  ESTE MAIO, SEÑORA É DE LUISMA PRIETO GAZTELUMENDI (2004)


O cartel do 2004 partía dunha clara intención de incorporar aos fotógrafos da vila á nómina de autores dos carteis da Festa do Maio.  Luisma tira un primeirísimo plano dun maio-mozo onde oculto entre a ramaxe, follas e flores da cañaveira descubrimos un ollo intrigante que nos mira anónimo, plasmando á perfección ese carácter esencial máxico e ritual de vestir a unha persoa de Maio para convertelo nun ser vexetal sen nome, irrecoñecible.

Oswaldo Pereira contribuíu ao deseño deste cartel de formato máis estreito do habitual, pero innovador porque ata aquel ano o cartaz presentaba grandes tamaños. Esta verticalidade comprime  a imaxe conferíndolle un carácter máis provocador de cara ao espectador.  Non era a primeira nin sería a última ocasión na que botaba un cabo á hora de darlle ese toque de graza á composición, procurar un tipo de letra axeitado, unha faixa acorde coas imaxes... Un labor que é de recibo agradecer, cuando ademais parte dunha desas persoas fieis e comprometidas coa revitalización da tradición.  Un labor que non sempre puído levar a cabo deixando na maos da imprenta este acabado do cartel a editar que tanta relevancia ten logo de impreso. 

O papel das imprentas resulta un tanto escuro e pouco interesante para tocalo a fondo nesta panorámica. Dicir que houbo momentos afortunados como cuando contamos coa experiencia de Isabel Nieto, aínda que outras ocasiois non tiveramos a fortuna de atopar a un deseñador, editor/a realmente profesional. Eran imposiciois das imprentas e/ou do presuposto, limitaciois dos recursos cos que se contaban.  Avatares dun proceso, o da edición dun cartel, sobre o que non sempre estaba na nosa mao poder intervir, decidir e impoñer criterios. Foi algo que fomos entendendo e logrando co tempo, ao igual que co tempo fomos buscando recursos ou aproveitando subveciois.  Máis dunha vez da Xunta de Galicia, nunca da Junta de Castilla y León (a pesar de ser solicitadas). En muitos dos nosos carteis locen os logos de entidades que realmente non puxeron un can para a Festa.

Outra cuestión aparte é a colaboración do goberno municipal, que, sen entrar agora en grandes detalles, nunca foi espléndida. Habitualmente desde o 1986, cubría os gastos do cartel e programas de mao, como muito. Pero a vontade política dos alcaldes tamén pasou por momentos realmente indecentes e incomprensibles, vistos cun pouco de perspectiva. Referímonos a aqueles que impediron incluso editar un cartel para a Festa (como aconteceu no ano 1995 ou no 2002). Esta incomprensión administrativa dos gobernantes de turno, non cambiou, todo hai que dicilo,  ata ben entrado o século XXI.


Sería tremendamente inxusto obviar como organizadores o apoio maioritario da práctica totalidade dos veciños e veciñas da vila, que como tradicionalmente se fixo, transformou o seu amor polo Maio, ano a ano,  nas moedas que se botan desde os balcois que nos permitiron ir costeando os gastos xerados (como ben saben céntranse nunha comida para todos os participantes nos cortexos dos maios).   Digamos que grazas ao respaldo incondicional do pobo nestas últimas cuatro décadas os Maios nunca deixaron de saír, ao contrario, foron gañando maior vigor.  Houbo ocasiois contadas que non esquecemos, como o ano 2003, nas que asegurado o fundamental que era que os Maios enchesen as rúas,  non nos importou volver ás fotocopias para anunciar á Festa (xa o fixeramos aló polos anos 82 e 83, cuando aínda nin pensabamos en editar un cartel na imprenta).

UN PASO ATRÁS PARA TOMAR IMPULSO

Luisma é un fotógrafo estreitamente ligado a esa especie de crise de crecemento que vimos contando. Unha das súas fotos foi portada dos programas de mao, porque o goberno municipal non quixo colaborar ese ano coa impresión dos carteis, como xa dixemos.  Aquel ano optaron por non favorecer á tradición en ningún dos sentidos. Naqueles programas de mao figuraba como imaxe central unha foto súa do ano 88. 

Esta foto de Luisma tamén aparece no libro  A Festa dos Maios en Galicia (Pontevedra, 1989) do etnógrafo Clodio González Pérez, un dos traballos e investigadores do Folclore do Noroeste máis prestixioso.  Na imaxe dous maios humanos de Vilafranca. 

As texturas dos cantos redondos do muro do fondo entran a competir e perden o protagonismo ante eses dous fermosos e floridos Maios mozos, ben vestidos e que pousan para a foto na que se intúe ese movemento inmediato no andar das frondosas e efímeras figuras vexetais fronte a rotunda solidez e calma secular da parede de pedra. As cores e luces que acompañan a cada un dos elementos en liza fortalecen a ámbolos dous. Así son de diferentes e así combaten pola subsistencia os vellos muros do patrimonio material tan típicos da nosa vila e a febleza nova das plantas e dos cantos do patrimonio inmaterial tan queridos pola veciñanza. Luisma con ese ollo de reporteiro de prensa e exclusivas, soubo ver naquela instantánea a noticia dos séculos: Os maios humanos da vila da pé.



Tampouco podemos deixar de agradecer desde eiquí a GAZTELU (que é como asina Luisma o seus traballos nos medios) esa profesionalidade cargada de amor polo propio coa que foi reforzando o noso labor local con imaxes da Festa do Maio da súa autoría na prensa da comarca. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario