“Dedicado con muito agarimo á mestra Esther Villamil, na que concentramos o noso máis sincero agradecemento extensible a todos os/as docentes que colaboran con nós nas actividades didácticas”
AS ACTIVIDADES DIDÁCTICAS SOBRE O MAIO NOS CENTROS DOCENTES
Os concursos de
carteis para a Festa do Maio forman parte dese conxunto de experiencias
didácticas promovidas pola Escola de Gaitas e que, alomenos unha vez por década,
procuramos reactivar para non perder de vista esa conexión necesaria coa
infancia que a nosa Festa precisa.
Os centros
educativos no momento en que se debilita a transmisión da tradición oral xogan
un gran papel para manter vivos costumes milenarios que se deixaron de transferir de xeito natural de xeración a xeración. Esta iniciativa é, sen
dúbida, un substituto imperfecto entre outras razois pola perda de afecto que
implica, pero conta con outras vantaxes
dignas de destacar. A principal é a
dignificación de elementos do noso patrimonio inmaterial que doutro xeito sería
máis difícil lograr. Tampouco é nada
despreciable o feito de que os equipos de docentes se involucren, grazas a
actividades como estas, co entorno e funcionen
como catalizadores dos trazos identitarios de cada lugar.
A Escola de
Gaitas foi consciente de que os maios tiñan que chegar aos colexios e ao
instituto da vila. Tras recoller dos nosos
maiores as coplas e as claves da Festa,
investigar e escribir sobre o tema. Fomos aos centros falamos cos mestres e
profesores para organizar charlas en Secundaria sobre a orixe e simboloxía do festexo. En Primaria contámoslles
contos para que aprendesen a dinámica da festa, cantasen as
coplas e soubesen reproducir por eles mesmos o ritual do costume. As visitas aos centros escolares nos primeiros anos foron sistemáticas e tiveron como finalidade incorporar ao calendario de todas as rapazas e rapaces vilafranquinos. Ideamos propostas para seguir
enriquecendo esas experiencias didácticas e editamos un vídeo e os Contos de Maio, un certame escolar de contos que foron ilustrados cunha enchenta de debuxos, a mirada dos ninos sobre a Festa do Maio, unha perspectiva diversa, intensa e divertida. Daquela ata convocamos o primeiro concurso de carteis para a Festa.
OS AUTORES PREMIADOS: JULIÁN DOMÍNGUEZ E ANABELA (1993)
No ano 1993 foi realmente
complicado determinar de entre unha chea de traballos cales eran os destinados a
figurar no cartel. De aí que outros tantos fosen a parar nos programas de mao. Seleccionamos finalmente dous. O de Julián Domínguez López, que en 1993
cursaba 3º de EXB no Colexio S. Lorenzo de Brindis e o de Anabela que estaba en 8ª de
EXB no Colexio Divina Pastora. Non
podemos dar máis datos dela porque non os temos nos arquivos da Escola (esperamos que esta publicación contribúa a localizar como é debido, con nome e
apelidos, a esta autora). Imos
describir as creaciois como se fosen ilustraciois dun mesmo conto, porque os soños dos máis pequechos
teñen forma de conto...
“ Érase unha vez
hai muito tempo un val fértil do que non nos dixeron o nome, como tampouco sabemos se
estaba ou deixaba de estar no noso planeta, porque no debuxo aparecen dous soles. Pois ben, por aquel val corría un caudaloso río que os seus habitantes podían
atravesar por unha ponte con dous ollos. O val era tan fértil que na súa terra
de arxila se daban mui ben as cañaveiras que florecían por todas partes. Mais un día os habitantes daquel lugar
recibiron unha nova sorprendente:
- O 1º de
maio vai chegar eiquí, ata as nosas casas, a mesmísima Primavera!
Aquela visita era mui importante. Se a Primavera non
marchaba contenta as plantas non darían flores e a terra non produciría
alimentos. Reunidos todos os veciños e
veciñas acordaron que tiñan que facer algo mui especial para que a Primavera
trouxese flores e estas logo fosen fruitos.
Despois de muito pensar déronse conta que o mellor que podían facer era
cantarlle unha canción. Si, iso era unha boa idea, pero había un problema: Como
sabería a Primavera que aquela canción que cantaban era un agasallo dedicado a
ela?
Foi entón cuando
a nina máis pequena, pero tamén a máis intelixente do val dixo:
- “Se
todos os ninos e ninas nos vestimos coas cañaveiras que xa están floridas e
fermosas a Primavera seguro que saberá que a canción vai por ela.”
Así que se puxeron a cortar cañaveiras e lograron armar e vestir nada máis e nada menos que a oito maios que en posiciois diversas andaban dispersos polo campo aprendendo a canción. E non tardou en chegar cun vento cálido a mañá do 1º de maio coa luz do Sol nun ceo azul. Aquel día soou a canción mellor que nunca. Veciños e veciñas xuntos cantaron aquela canción casa por casa ata que por fin na reviravolta dun calexo apareceu a Primavera que estivera agochada, pero mui, que mui atenta a aqueles cánticos cos que a esperaban con tanta alegría. Foi cando os habitantes do noso val viron como a Primavera agradecía de corazón aquel agasallo e comezou a botar flores e máis flores namentres se despedía dicíndolles que volvería de novo o ano que vén.
As flores que trouxo a Primavera a aquel val logo deron muitos fruitos e os seus habitantes acordaron non esquecer a canción para así cantala en maio e que sempre, sempre naquelas datas os seus prados estivesen floridos e fermosos."
OS OLLOS DO MAIO DE PAULA YINLÓ VIDAL GARCÍA E LUIS ANTONIO LÓPEZ GARCÍA.
Os ollos dun Maio son humanos. Non sei se Luis, o fillo de Abel L. Molanes e Rosa, e a súa compañeira de clase Paula Yinló, os gañadores
deste concurso, foron vestidos de maio algún ano, creo que non. Pero está claro
que para os vilafranquinos ou achegados que pasamos por esa experiencia algunha
vez e que non esqueceremos nunca, este cartel lémbranos esa vivencia. Convertido en vexetal por un día, como unha árbore que anda torpemente e cos brazos atados ao corpo para imitar o aspecto dun tronco, sen poder nin dobrar as pernas, perdida a túa identidade e o teu rostro debaixo desta especie de máscara e ter só de
humano os ollos. Esa sensación pensamos que é a que quixeron transmitir no debuxo central deste cartel os seus autores.
É unha obra colectiva, feita literalmente coas maos, cuxos dedos pola maxia da arte se converten en cañaveiras superpostas como na trama dun Maio sobre as que destacan os olllos, o único de humano que a tradición admite ver nun Maio (a non ser os seus pés). O outro elemento de detalle,
nada insignificante, que son as flores, traen ao conxunto o símbolo universal da estación que
celebramos, da alegría e do amor. Era
difícil fusionar os dous elementos escollidos no concurso e como
en todo cartel as letras marcaron en exceso para o noso gusto
esa preferencia non sempre imprescindible da mensaxe escrita.
Debemos recoñecer a alta calidade do traballo de ambos autores especialmente, se temos presente as súas
idades e de como souberon plasmar unha idea esencial da tradición con contundencia e sinxeleza aplastantes: Non se pode recoñecer a quen vai vestido de Maio. Ese carácter anónimo atávico propio da máscara.
Paula e Luis cursaban 6º de Primaria no CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca do Bierzo no ano 2015, cuando repetimos a experiencia do concurso de carteis que gañaron. Convocamos un concurso á calor das Xornadas Martín Sarmiento que celebramos todos os anos o 9 de marzo coincidindo co nacemento do ilustrado nunha casa na Rúa da Auga lamentablemente derrubada.Realmente é mui reconfortante para a Escola de Gaitas ter propiciado tantas e tan diferentes miradas cara a esa parte do noso patrimonio máis fráxil, porque cada unha delas é unha aposta firme pola súa conservación. Estas actividades didácticas nos centros son unha ferramenta esencial nesa revitalización da nosa Festa do Maio. Por iso debemos agradecer a todos os ninos e ninas que participaron nas convocatorias de concursos realizadas o singular aporte creativo con que enriqueceron a Festa do Maio, unha experiencia á que nos abriremos de novo ao longo da década que se inaugura no 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario