Cuando dicimos que a Festa de Maio é unha convocatoria aberta a festexar a Primavera en Vilafranca para os bercianos, non o dicimos de por dicir. Cremos sinceramente que é un sinal de identidade do Bierzo tradicional, do Bierzo rural, do Bierzo ecoloxista, do Bierzo galego falante e do Bierzo alternativo e mozo. Precisamente unha rapaza nova estudante no Instituto de Vilafranca, Andrea Fernández Silva, cunha vocación artística enorme, presentouse antes nós motu propio, un deses días ventosos de marzo ou tal vez do abril chuviñoso do 2011. Dixo que tiña unha idea para o cartel do Maio. As súas maos novas despregaron logo unha visión novidosa e moi persoal da Festa ante os nosos ollos. Representada tal vez unha lenda, ou quizáis un afán por descubrir un Bierzo diferente e permeable aos seus soños de futuro.
Este cartel introdúcenos efectivamnte nun Maio soñador e no mundo máxico animista e alegórico que rodea o espertar da Natureza. Chama a atención un gran castañeiro, o avó anfitrión que diría Pepo Nieto, que comeza a botar a folla, como querendo espertar do inverno. Ao pé da árbore centenaria un labrego que cremos representa a vella tradición oral está de xeonllos na Terra. Está rematando de vestir a un nino de Maio que ocupa o centro da composición. Fíxense que o vestiario dun e doutro son ben distintos. O home leva boina, chaleco, camisa branca e uns pantalois con remendos, pero o rapaz ao cal só lle vemos a cara leva uns tenis ben modernos. Seguindo o seu estilo e criterios propios do realismo máxico unha nina loira cunha coroa de flores, co seu mego cheo de castañas emerxe dunha rosa enorme amosando na súa mao unha castaña maia. Observando atenta a escena que acontece aos seus pés, unha figura élfica feminina alada voando cos cabelos ao aire propicio do tempo da calor tocando a gaita. No cartel non deixa de haber detalles como as letras amarelas que por veces están cheas de agromos verdes...
Vaiamos por partes para poder interpretar esta alegoría. A árbore é significativamente fundamental, o elemento máis impactante que ocupa coas súas raíces, o tronco co caroco e todo e as ramas un protagonismo destacable. Por que? Porque está intimamente unido ao Maio. O ciclo do ano no Bierzo está marcado polo castañeiro que agroma ou bota folla en maio e que remata, despois do vrrau, perdendo a folla pouco despois de que aos ourizos cargadiños dun xeito riseiro lles dea por pingar enchendo os soutos de castañas e de xentes que acoden axiña a apañalas cos seus megos nas maos e poder festexar o magosto.
Curioso este ciclo que vai do magosto ao maio, ambos teñen como elemento común a castaña, verde unha , seca a outra. Coincide plenamente co calendario dos antigos celtas. Samaín e Beltane as deidades que eran obxecto de veneración nos días 1 de novembro e 1 de maio, marcando o tempo do frío e fin das colleitas e o da calor e principio da fertilidade.
Por outra banda a árbore encerra en si mesma unha poderosa símboloxía que se pode aplicar a esta obra de Andrea perfectamente. As súas raíces afundidas na Terra fan da árbore garante da conexión do pasado co presente que se sitúa á altura dos humanos, é dicir, no tronco. Precisamente ao pé do castañeiro sobre as raíces que transmiten a esencia da tradición, un labrego vello identificado, coñecedor e con conciencia da terra, viste a un mozo de vexetal, de árbore andante, de maio humano ou de home verde, como desvelándolle o costume aos máis novos, ocupando a parte central da ilustración. E se miramos ao ceo, ás polas da árbore, vemos o futuro o ideal que se enreda entre verdes agromos das varas do castañeiro: A FESTA DOS MAIOS. Andrea quere, non o dubiden, nova como é, que vexamos que a raíz do futuro está no respecto o ciclo natural e a tradición, un territorio que está aínda por conquistar ou que tal vez non sexa máis que o presente soñado.
O SÍMBOLO DA CASTAÑA
Pero desviemos a mirada cara a esquerda porque emerxen ou flotan dúas personaxes que nos mergullan no mítico e máxico do rito. Dúas personaxes cargadas de significado que completan e complementan o conxunto equilibrando a composición.
A nina loira coroada de flores que pode ser a mesma Primavera, ou o seu espírito, nace dunha rosa de grandes proporciois, propio dun soño como se dunha Venus de Boticcelli con máis candor e inocencia se tratase toma unha iniciativa. O novo mui presente. O labrego vello que está rematando o seu labor, parece mirar para ela atento porque ela é tamén a que aporta outra compoñente á tradición, amosa nunha mao a castaña que sacou do seu mego. Lémbranos o ciclo da castaña. Unha simple e sinxela castaña pilonga ou, se se quere, castaña maia.
No tempo de María Castaña, antes de vir a pataca de América o ciclo da castaña era ben coñecido por Europa enteira, a Europa rural e agraria. Hoxe só territorios de castañeiros seculares, como o Bierzo, manteñen vivo na súa memoria o costume culinario, cada vez menos arraigado, do uso da castaña seca para o consumo diario como alimento básico que conservado con sumo coidado duraba habitualmente ata o mes de maio no que a terra comezaba a producir outros alimentos frescos e comezaba outro ciclo. É por iso que a castaña está tan presente nas nosas coplas: Tire castañas tia Susana, tire castañas que as tein na romana"
Por non deixar cabos soltos, recordar que o símbolo da castaña tamén ten dous momentos relevantes no calendario nos que se botan arrefatiñas dende o alto. No día de Defuntos se botaban desde os campanario das igrexas, un costume xa perdido, simbolizando a alma dun morto pola que se rezaba para librala do Purgatorio e cun valor tamén positivo no primeiro de maio, hai que tomala para que non che dea o desmaio. Esta práctica que estaba a piques de desaparecer transita segura polo século XXI na memoria dos bercianos grazas a revitalización soñada da Festa do Maio.
Aínda nos queda por comentar algo da personaxe alada que se eleva tocando a gaita. Seguindo o fio do xa dito está no alto e pode representar muitas cousas, pero case todas dirixen a nosa mirada cara ao ceo, ao futuro de novo. Pola gaita identificámola claramente coa melodía cantada, as coplas do Maio, que é etérea, soa poderosa e sobe cara as alturas. Cada nina ou cada nino que aprende a canción e a canta, cada xeración que entende e transmite a tradición é unha aposta segura e con futuro.
A modo de consella. Muitos pensan que para labrar o futuro hai que afastarse e mesmo esquecer o pasado, e non é certo. Aquel pobo que non ten memoria do que foi e non ten presente o seu pasado será o que non teña futuro. O Bierzo novo está chamado a recoñecerse no seu pasado, saber da súa identidade e non perder as súas tradiciois para ter futuro. Andrea dun xeito magnífico quixo expresar isto mesmo. Graciñas pola túa iniciativa e por facernos partícipes a todos dos teus soños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario