A ilustradora berciana Carlota Santos autora do cartel da Festa do Maio |
O Fortuna velut Luna...
A danza da vida, a que se agocha no calendario, atopámola sobre a mesa coma se fose unha carta do tarot arrastrando rotunda á sorte ante nós nunha data precisa, ritual, máxica. Doce maios anónimos, tantos coma meses do ano ou coma os doce números da baralla, bailan ante os nosos ollos acompañados de once damas brancas enigmáticas e versallescas que se van contaxiando da maxia e coas cores e os amores que traen as flores. Lembran estas flores o vestido estampado da Flora que pintou Botticelli e outorgan un movemento hipnótico, etéreo e eterno á composición que nos anuncia este ano a Festa do Maio. Debemos e agradecemos de corazón esta nova mirada sobre a tradición á ilustradora berciana Carlota Santos. Non hai muito sorprendíanos tamén coa inclusión do ancestral costume da comarca entre os seus deseños para a prestixiosa casa Heraclio Fournier, eses naipes tan demandados (20.000 exemplares). Deste xeito certamente con este cartel pecha un círculo, din os xornalistas, eiquí en Vilafranca.
Danzan, pois, da mao de Carlota, os homes verdes arredor ou detrás dun burro gris, o inverno, que precede inevitablemente ao maio e resulta ser o antagonista nesta trama narrativa das coplas que se cantan e que se gardan para este día. O burro gris da invernía sometido, como contraste, carga vencido coas cañaveiras floridas e triunfadoras. Triunfa si, a Fortuna nesta danza que nos sorrí e que solicitamos cada primavera alegre, coa súa brisa cálida e fecunda que celebramos e coa que se vai coloreando a humanidade das níveas e frías once damas, mesmo as aves aladas, que aceptan o baile ao ritmo da nova estación. As flores escollidas que se multiplican son tamén flores ventureiras e humildes: vermellas e intensas papoulas, leitarugas amarelas, tímidas violetas e xaras de pétalos brancos.
Carlota Santos invita á festa esquecendo as copas, as espadas e os bastos. Afástase dos ouros alleos á tradicional celebración. Ben feito! Xoguemos e dancemos con ela nesta primavera chea de maios, flores e amores.
Sobre o traballo das Cartas do Tarot de Carlota Santos
Ningún comentario:
Publicar un comentario