Este maio, señora é,...
Co mesmo encanto que se dun soño se tratase
Samuel vestíndose de maio. Foto de Víctor Ruisánchez |
Estamos no barrio do Castelo, onde pasei a miña infancia e agora soño, soñamos Maite
e mais eu, con restaurar unha casa-bodega cargada de historia familiar. Hai quen di que só a
literatura é quen de crear esperanzas para sobrevivir neste caótico mundo no que habitamos,
pero logo vén a realidade superando á ficción e non sabe un a que facer caso, opinen vostedes.
O certo é que Samuel, un nino de cinco aniños logrou hai uns días neste mes de maio
que soñaramos espertos e facer realidade iso de superarmos a ficción. Saudáranos da mao do
seu pai e da súa mai coa emoción na voz de sentirse parte do seu vestindo de maio no barrio,
ese maio humano que el viviu en primeira persoa e xa para sempre. Sei, sabiamos Maite e
mais eu, aquilo que quería verbalizar con ese saúdo entusiasta, cheo de sentimento e afecto,
que nosoutros, como adultos, reforzamos positivamente afagando o feito:
“- E como aguantache vestido ata a Praza como un campión. Samuel, fuches o mellor
maio do barrio!.”
O día despois da celebración das Letras en Vilafranca, Samuel despedíase de nós,
efusivamente ao pasar por debaixo do balcón da casa da súa avoa, querendo alongar a
conversa mentres iamos dicíndolle adeus repetidamente cun sorriso na boca e camiñando
cara arriba, á explanada do Castelo onde tiñamos o coche. El insistía en falar en alto e seguir
rememorando o seu logro de días atrás no que permanecía con esa resistencia infantil a
abandonar a felicidade vivida que só os pequenos son capaces de transmitir con tanta
expresividade como naturalidade para envexa dos adultos. Mais fondamente emocionado e
cuando xa estabamos fóra da súa vista, (el sabia que o escoitabamos aínda porque el oiu
tamén o noso adeus final desde o pico da costa), como xa non nos vía, pero intuía que oíamos,
Samuel que ata entón botara pola boca un discurso alegremente incomprensible, rompeu a
cantar desde o balcón da avoa berrando:
“- Marzo airoso, abril chuviñoso, sacan o maio florido i hermoso,... Tire castañas
señora maría, tire castañas que as ten na cociña... Levantate maio, bastante dormiche, pasou
un burro e non o sentiche... ”
Nunca soñara cousa tan linda, sentinme nino, outra vez, co eco do canto nas rúas
empedradas que Samuel interpretaba, que agasallo espontáneo, marabilloso e inesquecible!
Maite e mais eu mirámonos e rimos coas bágoas nos ollos. Unha sensación de plenitude pola
confianza no arraigo e no verdadeiro futuro da festa, algo máis valioso, sen dúbida, que a
multitude toda de persoas que saíron arroupando este ano na Festa do Maio os cuatro barrios
na vila.
Aquel canto que enchía a rúa en costa coa súa voz infantil e inocente para
retrotraerme a miña infancia ao momento en que fun consciente de nino por vez primeira da
existencia do ritual primaveral que conservara celosa e pacientemente durante séculos a nosa
vila, como se dunha grande avoa se tratase. Despois de máis de 40 anos luitando pola
revitalización da festa máis antiga de Vilafranca, este é o maior éxito posible a tantos anos de
cuidado e mimo, o feito de que un nino de corazón emocionado e inxenuo garde na súa
memoria e cante a copla días despois coa esperanza de se vestir de maio na próxima
primavera, de revivir a celebración.
Por fortuna sei, sabemos, que a día de hoxe en Vilafranca hai muitos ninos e ninas
como Samuel. Mais el fíxonos soñar espertos, darlle unha tremenda dimensión e fondura a
algo que se vén evidenciando desde hai xa, polo menos, dúas longas décadas ou se cuadra algo
máis. Antes que Samuel, cantaran con esa ilusión, como non, o noso ninín e a nosa meniña,
Artur e Aldara, que xa son mozotes e tamén as crianzas dos amigos e amigas, do grupo
dinamizador desta transmisión colectiva, dos que citarei especificamente a uns poucos da
Escola de Gaitas para non facer a lista interminable. Cantaron Blanca, Gonchal e Antón e logo
Diego e David, como non tardaron en facer Carmen, Efrén e Vera ou David e Eduardín. Logo viñeron
Violeta e Carla e máis recentemente cantan o maio Mar e Álvaro. Se nos paramos a pensar
cada canto resulta verdadeiramente conmovedor tanto como o de Samuel, quen ademais me
ofreceu de feito a revelación da extraordinaria magnitude, vista con perspectiva, da
revitalización lograda da Festa do Maio.
Un apuntamento máis que non pode faltar nesta entrega: O certo é que o de Samuel
vénlle de familia. Lembro a súa avoa Conchi cantando os maios do Campo da Galiña sendo
unha rapaza e logo a ela e ao seu home colaborando co maio do barrio de sempre. Costume
que mamou a súa filla, Leticia, e tamén o que agora é o seu marido, Hugo, aos que non lles
quedou outra este ano que acompañar ao pequeno que quería vestir de maio. Un nino de
cinco aniños é quen de se vestir, sendo tan pequerrecho, capaz de soportar varias horas atado
de pés e maos para seren un home verde, unha árbore andante e levantar o maio deste xeito
tan máxico e simbólico, tan sinxelo e emotivo. Diciamos que a súa avoa ten muito que ver e
volvo recorrentemente a un recordo particular con agarimo e nostalxia, pois semellante foi na
miña casa, sendo eu un nino, o sentir da miña mai e máis do meu pai aquela primeira vez que
me viron cantando o maio. Esa é a fortaleza da tradición, esa entrega de emociois fondas que
pasan de xeración a xeración.
Héctor M. Silveiro Fernández,
membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo
Ningún comentario:
Publicar un comentario