mércores, 1 de xaneiro de 2020

O NOSO NACEMENTO, DE PARTO NATURAL, UN 28 DE DECEMBRO.

CRÓNICAS DA ESCOLA DE GAITAS  (I)

A Escola de Gaitas de Vilafranca naceu un 28 de decembro de 1981 nun mes neboento na vila onde conflúen os ríos Burbia e Valcarce.  Foi de parto natural, fuxindo do atraso que supuña a herdanza e educación do Franquismo e pulando por intuición e de xeito un tanto inocente, pero con muito ánimo pola cultura e a tradición. Imos relatar para quen lle interese como sucedeu.


Os tres primeiros gaiteiros da Escola de Gaitas de Vilafranca na Festa do Maio do ano 1982










































Primeira actuación oficial da Escola de Gaitas, é dicir, o noso debut nas Festas do Turista de Vilafranca do Bierzo (5 agosto de 1982), aínda que xa saíramos cos maios nese mesmo ano. Pero o verdadeiro bautismo sería a Romaría de Fombasallá nos días 14 e 15 de agosto do 1982.


Dous elementos servíronnos de guía naquel parto que, aínda que insistimos que foi natural, non por iso deixou de ser complexo e duro. De feito xa o fora o embarazo. Partiamos dun contexto cultural en pleno fervor tras da morte do Ditador nun ambiente en que todas as posibilidades parecían abertas. Aquilo era esperanzador, pero pesaba muito, iso si, a inercia de anos e anos de pesados lastres e prexuízos rancios que impedían ver coa dignidade debida o gran esforzo de resistencia a prol da música de raíz que os vellos gaiteiros representaban. Outro exemplo desa inxusta marxinalidade na que navegaba o mundo tradicional á deriva cara á súa extinción inmediata foi o desinterese e adscrición infantil da Festa do Maio, a piques de desaparecer.

Ambos elementos singulares do noso patrimonio foron referentes fundamentais para reivindicar e situar con xustiza no seu lugar a nosa meta futura. Persoas veciñas e queridas, como Isidro Álvarez e José Bardasco (Chinda), permitíronos coñecer de primeira mao o sentir da tradición da gaita e dos maios. Eles dous abriron as portas a un mundo por descubrir e ao que, como rapaces que eramos, fomos achegándonos á vez que medrabamos, incorporando logo outras experiencias e outros músicos populares que nos atopamos na Romaría de Fombasallá ou nos magostos de Vilar de Aceiro, Landoiro e Ponte de Rei, Teixeira, Paradaseca ou en Balboa, Dragonte, Hornixa, Soutoparada... e en tantos outros lugares do Bierzo e da súa contorna que nos deron alimento e seguen alimentándonos a pesar de ser, aínda máis hoxe 38 anos despois do noso nacemento,  lugares esquecidos e avellentados mirando ao futuro con medo e cun permanente temor ao abandono e ao baleiro.

Homenaxe aos mestres gaiteiros Isidro, Pepe e Leo 1988
É por isto último, por labrar un futuro, polo que cremos que o noso nacemento en coherencia coa naturalidade coa que se produciu, tamén veu acompañado da intuición innata de toda nova criatura, a de procurar unha esperanza no futuro.  Daquela, a nosa mocidade foi aliada, para ben e para mal, dese proceso fértil e positivo, ao que fomos sumando novos instrumentistas e incontables colaboradores, pero que resultou á vez lento e convulso ata lograr certa madureza, propia do adolescente que se queixa por todo e rompe modelos establecidos. Soubemos ir labrando un camín polo que transitar asentando a nosa personalidade sen deixar de mirar atrás e tendo como referente a nosa cultura e os nosos costumes. Un dos actos máis singulares que con maior agarimo lembramos foi aquela Homenaxe a tres vellos gaiteiros: Isidro Álvarez, Pepe Fernández e Leonardo Gallego, realizada tamén no inverno, un 4 de xaneiro do 1988 e da que faremos unha semblanza nunha próxima entrega.

 Din que os primeiros anos de vida nun nino/a son vitais para fixar o seu carácter. Deteñámonos naquelas datas de decembro entre brétemas e nalgunhas das circunstancias que nos forxaron e deron consistencia. O parto foi duro e longo. Levábamos inocentemente, sen sabelo, un embarazo de risco. Expliquémonos. O noso contacto directo coa gaita tivémolo grazas a unha formación musical filla do seu tempo. Falamos dos derradeiros anos de Franco. Aló polo ano 74, comezara a actuar a Banda de Cornetas e Tambores da vila.  Deuse a casualidade de que o seu fundador, Santiago Álvarez Lama, era fillo de Isidro, un dos gaiteiros tradicionais máis sinalados do Bierzo Oeste e residente na vila. Santiago incorporou aos ritmos militares da Banda o instrumento que tocaba o seu pai, coa vista posta en que alguis dos que xa tocabamos percusión pasásemos a crear un grupo de gaiteiros a imitación das bandas militares do exército que tamén facían e fan uso deste instrumento tradicional. Pero, como xa dixemos, aquel embarazo de risco rematou ben e finalmente, un pequeno grupo interesados na gaita (Luis, Berti, Fran, Oswaldo e mais eu) propuxemos fuxir do militarismo no que estabamos instalados para asumir, nun proceso natural de recuperación, a nosa música tradicional, que non era outra que a que viña tocando habitualmente e por costume herdada do seu pai e maiores, Isidro e, coma el, outros gaiteiros da zona que empezabamos a coñecer[1]Aquela proposta entendeuse, naturalmente tamén,  como contraria á liña de traballo da Banda de cornetas e tambores  e non quedou outra que crear unha nova formación. Para elo había que buscar novos instrumentos porque as gaitas que tocabamos (había só dúas) eran desa Banda que abandonamos como correspondía despois de dar a batalla no seu seo intentando, sen éxito, o cambio de rumbo desexado.

Como calquera persoa, a primeira meta na vida foi comezar a andar. Tocou logo luitar por un espazo para a nova criatura na vida cultural da nosa vila, rachando co empobrecemento que supuxeran os anos anteriores e á calor das enormes expectativas de cambio que se daban.  E sumamos forzas nunha institución que nos arroupou. Fomos a Aula de música do Instituto de Cultura Popular “Gilberto Núñez Ursinos”, que nos facilitou asentar un proxecto musical arraigado con Vilafranca e coa súa contorna berciana como referencia.  Nese proceso por facerse un oco nunha Vilafranca que se resistía a inaugurar novas dinámicas tivemos que enfrontarnos literalmente ao intento de continuar cos concursos de maios que pretendía instaurarse dende o propio Goberno Municipal nos anos 80 ou á Comisión de festas que impediu que tocásemos nas festas patronais detrás dos nosos xigantes e cabezudos nos anos 84-85) [2]. 

Logo está empezar a falar. Non foi difícil, nin creou discusiois o nome que íamos ter. Acababamos de ir, por vez primeira, ao Festival de Ortigueira organizado pola Escola de Gaitas daquela localidade galega.  Eilí, nesa vila costeira do norte mercamos ademais as primeiras gaitas do novo grupo e axiña caemos na conta que íamos ser a primeira Escola de Gaitas do Bierzo, nos lindeiros culturais galegos. Con esa conciencia nacíamos. Dende o principio a cuestión  lingüística estivo asociada pois á recuperación do tradicional e da nosa irmandade con Galicia. A lingua, como o noso propio nome indica, considerámola o costume máis antigo a transmitir e a conservar. A letra tradicional dos maios de Vilafranca, mesmo a letra do que vén a ser un “himno” para os vilafranquinos: Palillos de madeira era a lingua materna tamén dos nosos vellos gaiteiros, pandereteiras, era o galego na súa variante oriental. Logo non tivemos dúbida, aínda que a máis de un lle costou entender que a defensa da nosa riqueza patrimonial comezaba na dignificación da nosa fala.
O noso primeiro logo lembra unha noite de gaitas e de lúa chea no vrao dos 80

A verdadeira dimensión e a dureza desta longa luita por un espazo e un recoñecemento do proceso de recuperación e de posta en valor do noso Patrimonio Cultural Inmaterial pode medirse perfectamente agora con perspectiva. Un dos labores máis destacados pode servir de referencia:  O recoñecemento da Festa do Maio como de Interese Turístico Provincial no ano 2008, despois de máis de 27 anos de traballo arreo. 

Na década dos 80 desenvolvemos un gran número de actividades.  Ademais da experiencia de revitalización da Festa do Maio, a recolleita de música tradicional no Bierzo Oeste, a nosa contribución á creación dunha Asociación de Músicos Tradicionais no Bierzo, a celebración de festivais de música, a recuperación de xogos tradicionais nas festas da vila, a participación en actividades teatrais e nos distintos eventos do noso calendario de costumes (cornos, fogueiras, entroido...),  incidimos, claro está, en consolidar e ampliar o grupo de gaiteiros ao que se suma un denso número de actuaciois musicais da Escola principalmente na comarca, actividades que ben merecen detallarse nun capítulo aparte.

Hai outras facetas que resultaron máis complexas e que precisan aínda dunha acción constante e firme como poden ser a da preservar das influencias alleas á nosa tradición musical traídas por formaciois e instrumentos foráneos (gaitas e percusiois escocesas, deturpación dos repertorios e indumentaria tradicional, etc... importadas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense) que lamentablemente obtiveron, e manteñen a día de hoxe, un considerable arraigo na comarca provocando unha tremenda confusión á hora de identificar nas novas xeraciois de bercianos/as a nosa música tradicional.    Estas e outras peripecias irémolas comentando en próximas entradas destas Crónicas da Escola.
 (Continuará)


[1]  No ano 1991,  con motivo do noso X aniversario editaríamos unha gravación fruito do Encontro de Gaiteiros tradicionais da zona un 28 de decembro no Teatro de Vilafranca.
[2] Nas páxinas 167-168 do libro Palillos de madeira dedicado aos xigantes de Vilafranca pódese ler con maior detalle a controversia coa Comisión de Festas e a resolución da Escola a ser partícipe das festas patronais na década dos 80.

Tocando cos xigantes na Festa do Cristo de 1982.


Ningún comentario:

Publicar un comentario